post

 

As seccións sindicais de UGT, CCOO e CGT queremos explicar un pouco o esperpento vivido estes días na fábrica de Faurecia, sobre o cal mantivemos un respectuoso silencio ata o seu desenlace, pero visto que algúns non se cansan e sempre teñen un rato para adicarnos unhas pregarias e como temos a sensación que alguén quere vendernos fume… imos aló:
O día 4 de maio de 2017 mantivemos coa Empresa e resto de seccións sindicais a primeira reunión para desenrolar o Plan de accións acordado en Convenio. Nesta xuntanza presentamos un borrador serio e ben elaborado onde se define como debe traballar o mesmo, que é o que tocaba ese día. Para a nosa sorpresa a CIG le, unha vez máis, as "ocorrencias" que presentaron no Convenio, as cales, se pouca cabida tiñan nun Convenio, menos no plan de accións. Pese a elo, a Empresa contéstanos a todos que recollía as propostas e que daría resposta na vindeira reunión convocada para o día 19 de maio.
Pois ben, un rato despois de rematar a reunión a CIG convoca folga por incumprimentos en materia de saúde laboral e ritmos de traballo, dende logo, rachando calquera proceder lóxico de negociación: reivindicar ou solicitar e esperar a que, polo menos, che digan que non para convocar.
Así a todo, nós continuamos ao noso e sen meternos no que facían outros, posto que, ao igual que nós dixemos que seguiriamos a nosa propia axenda e actuariamos cando o consideraramos oportuno tampouco nos iamos meter no que fixeran outros.
Pois ben, o luns 8 de maio fomos chamados a unha reunión coa Dirección e 2 Directivos de RRHH de Faurecia a nivel España, na que pretendían convencernos de que sacaramos un comunicado condeando á folga e de que acudiramos a unha reunión que ía haber o día seguinte na delegación de traballo coas seccións sindicais convocantes da mesma para chegar a un acordo… Obviamente negámonos ante ambas posibilidades porque, en primeiro lugar, entendemos que, por moi mala relación que haxa, non é cuestión nosa criticar unha acción que tomen contra a Empresa, e, en segundo lugar, porque non tiña nin pés nin cabeza. A seguir valoramos a situación, en canto a saúde laboral, e reiteramos que o reforzo de loxística non pode ser retirado unilateralmente, debendo permanecer como ata o de agora ata que no plan de accións se lle atope un novo posto ou se lle dea máis carga de traballo. En concreto, centrámonos na primeira posibilidade, suxerindo a creación dun posto novo de aprovisionamento de caixa kitting para respaldos liña 1, o cal podería mellorar a ergonomía desta liña e repercutir beneficiosamente na restructuración global de tarefas entre coxíns e respaldos e loxística asociada. Ademáis, instamos, unha vez máis, á Empresa a actuar sin maior dilación en rebaixar as alturas dos retornos de loxística liña 1, posto que hai espazo ocupado por dinámicos baleiros ou infrautilizados que pode ser utilizado para redistribuir o resto de mercadoría de xeito que se poidan habilitar retornos máis ergonómicos.
Así chegamos ao 9 de maio, onde estes representantes da CIG e da CUT, preocupados pola saúde laboral, sobre todo, pola "súa", reuníronse cos que consideraban "ilegal" a Folga. Pois ben, despois de varias horas de dura negociación chegaron a un acordo que solucionará a Saúde Laboral e os ritmos de traballo "dunha hostia dunha vez". En versión telegráfica, os "compañeiros" conseguiron 2 bloques: o bloque 1 e o bloque 2, e, en versión extendida, crear un Grupo de Traballo que, ao parecer, está no artigo 29 dalgún Convenio no que se analizarán e acordarán a viabilidade dunha serie de puntos, é dicir, que xa lles contestarán, como lles dixeron o 4 de maio.
Polo demáis, dicir que os que tachaban o plan de accións de parche non nos van impoñer nada, nós seguiremos co noso calendario e coas nosas propostas, e non imos permitir que as "ocorrencías" e "caprichos" de ninguén poidan adiar ou entorpecer o normal funcionamento do PLAN DE ACCIÓNS, o cal, QUEREMOS QUE FUNCIONE E SIRVA PARA MELLORAR A SAÚDE DOS TRABALLADORES E TRABALLADORAS DESTA EMPRESA.

Comparte esta entrada ...