post

Navantia: sobre a situación dos novos ingresos

Prazas universitarias júnior 2019: O luns publicouse a lista definitiva de admitidos ás probas. A empresa anunciou que se poría en contacto con esas persoas antes de mañá para informalas do día e a hora das probas. Tamén se comprometeu a que, antes de publicar a lista definitiva de aprobados, a comisión de Emprego poderá revisar calquera aspecto dos seus expedientes.

Prazas sénior 2019 (operarios, empregados e universitarios): A intención é ir avanzando, aínda que a prioridade sindical é rematar o proceso das prazas júnior. A empresa enviou onte a súa proposta para as prazas de operarios e empregados. Está pendente de análise.

Prazas de 2019 que quedaran para 2020: A proposta sindical é que se aborden conxuntamente coas prazas sénior de 2019.

Prazas de técnicos de Prevención e Medio Ambiente (júnior e sénior): A semana pasada publicáronse de novo partindo de cero, aínda que houbo que corrixir algún erro (as titulacións esixidas eran diferentes en Fene e en Ferrol). O prazo de inscrición rematará o día 19.

Prazas de operarios-empregados júnior 2019: A empresa plantexou que os exames fosen on-line; a comisión de Emprego rexeitouno. Pero a empresa segue a amosar unha actitude ambigua, así que haberá que estar vixiantes.

Así mesmo, estableceuse un proceso extraordinario de reinscrición para que os non admitidos poidan achegar a documentación que lles faltaba, inscribirse só nunha especialidade, etc. Os que xa están admitidos non teñen que facer nada. Non se permitirá a inscrición de ninguén que non se inscribise cando estivo aberto o prazo en setembro. Aínda que non se lle queira chamar así, na práctica é o período de subsanación de erros que a CGT defendeu con insistencia fronte a outros sindicatos, que, cun discurso neoliberal, esquecían tódolos problemas da aplicación informática e opinaban que a subsanación de erros sería darlles oportunidades a quen o fixera mal.

O proceso para reinscribirse é así: iniciouse este luns e rematará ás 15:00 h. de mañá, xoves 18. Se non houbo fallos, tódolos afectados deberon recibir un correo da empresa coas instrucións (indicar por correo electrónico o nome e a especialidade á que se quere optar, achegando o  título, o certificado de vida laboral e, se esta supera os 3 anos, tamén os contratos de traballo). Ademais, se lles indica que, antes do 10 de xullo, teñen que subir ó seu perfil no Portal de Emprego de Navantia toda a documentación.

Pero está volvendo a haber problemas informáticos: algúns dos correos de reinscrición están sendo rexeitados. A CGT fixo unha comprobación e o problema non era da persoa que quería reinscribirse, senón de Navantia.

É incrible que hai corenta anos, usando papel e lapis, se fixesen exames para centos e centos de persoas sen ningunha incidencia, e que hoxe en día todo sexan problemas. Evidentemente, isto non é a causa dos medios técnicos modernos, senón unha consecuencia máis da política de subcontratación, que, entre outras cousas, dificulta a intervención nuns procesos postos en mans alleas.

Navantia ten que tomar medidas para resolver o problema, como alongar prazos ou habilitar a presentación en man da documentación. Están en xogo 85 postos de traballo. Os aspirantes non se merecen tódalas voltas e reviravoltas que dou e, infelizmente, segue a dar a convocatoria destas prazas.

Seccióon Sindical Unitaria de CGT en Navantia-Ferrol

 

post

Navantia: a forza está nos traballadores

Xa saíu o número 22 da Folla da CGT da Sección Sindical Unitaria de Navantia. neste número, ademási do artigo que da título a esta entrada, fálase da xuntanza empresa-intercentros, da cuestión dos novos ingresos, do teletraballo e os TES, para finalizar coas vacacións pendentes.

Picando nas ligazóns de embaixo pódese abrir ou descargar a Folla.

Sección Sindical Unitaria da CGT en Navantia-Ferrol

 

post

A seguridade segue sen estar garantida en Navantia

A paralización da factoría onte demostrou o que a CGT vén mantendo dende o reinicio da actividade: A SEGURIDADE NON ESTÁ GARANTIDA.
O martes 19 pola tarde, o comité estimou que non había condicións de prevención e decidiu paralizar a actividade ó día seguinte. O mércores 20 non se traballou.
Se o martes non se daban as condicións e o mércores non se traballou, incluída a limpeza, ¿COMO É POSIBLE QUE O COMITÉ DECIDISE QUE HOXE SI HAI CONDICIÓNS PARA TRABALLAR?
Só coa acción de onte, a empresa xa accedeu a aumentar o persoal de limpeza, máis do que se conseguiu en cinco semanas de debates coa empresa no Comité de Emerxencia sobre deficiencias, propostas, medidas, etc.
Imaxinémonos o que se podería lograr se por parte do comité de empresa se elaborase un plan de acción debatido cos traballadores e con obxectivos concretos.
A CGT opúxose na permanente de onte á noite a que hoxe se retomase a actividade. A nosa proposta foi a seguinte:
1) Para que haxa o reingreso de traballadores, primeiro teñen que estar garantidas as condicións de seguridade.
2) Esas condicións pasan por facer investimentos en recursos materiais e humanos concretos, ó que Navantia se resiste.
3) Establecer un plan de loita sindical para que os traballadores/as non paguemos os pratos rotos desta crise.

A LOITA É O ÚNICO CAMIà‘O !

Sección Sindical Unitaria de CGT en Navantia-Ferrol

 

post

Primeiro a prevención, despois a produción [Navantia]

O 20 de abril, un cento de traballadores do AAOR-1 foron obrigados a empezar a traballar. Dende aquela, o número de persoas na factoría vai aumentando progresivamente, aumentando tamén os problemas de seguridade.

Ante isto, o comité de empresa transmitiulle hoxe á dirección tres cousas:

  1. A esixencia de limitar ó número de traballadores ós que entraron o venres pasado mentres non se garante o cumprimento do protocolo.
  2. A dirección debe dar unha resposta antes das 20:00 h.
  3. En caso de non aceptar a limitación, o comité impedirá mañá que se traballe.

En abril, a CGT opuxémonos ó reinicio da actividade por considerar que non se daban as condicións. A realidade confirma esa postura. Por iso, aínda que apoiamos a proposta do comité porque nos parece un paso na dirección correcta, tamén dixemos que se queda curta. Os problemas só apareceron a raíz das 200 persoas máis que entraron onte pola mañá respecto ó venres? Por suposto que non. Por iso a nosa proposta é voltar á situación anterior ó 20 de abril e garantir a adaptación das instalacións antes de chamar a traballar a ninguén.

Sabemos que hai compañeiros/as que poden dicir que están a perder moitos cartos porque levan moito tempo nun ERE. Pero non deberíamos aceptar que a presión económica nos obrigue ós traballadores a ter que traballar sen as condicións axeitadas.

Nesta situación, o deber dos sindicatos de clase é reivindicar que os beneficios amasados polas empresas durante todos estes anos sirvan agora tanto para garantir os salarios dos traballadores/as (que somos os que xeramos eses beneficios) como para tomar tódalas medidas preventivas necesarias fronte a pandemia (máis planteis de limpeza e de prevención, máis medios, máis epis de calidade…).

NIN ERTES NIN ERES!

QUE OS CAPITALISTAS PAGUEN A CRISE !

A SAÚDE NON SE VENDE, DEFÉNDESE !

Sección Sindical Unitaria de CGT en Navantia-Ferrol

 

post

Nova Folla da CGT en Navantia

Saíu a Folla número 21, co seguinte contido:

  • Análise do risco de contaxio a causa da masificación e a ausencia de recursos
  • Denuncia á Inspección
  • O papel dun sindicato de clase
  • Nova trangallada nos novos ingresos
  • Queremos auga xa
  • A irresponsabilidade en Correos

As ligazóns de embaixo para quen queira ler o descargar a Folla.

Sección Sindical Unitaria de CGT en Navantia Ferrol

 

post

CGTe CIG denuncian a Navantia na Inspección

O reinicio da actividade en Navantia comezou a segunda feira 20 de abril.

Por imperativo legal, o reinicio estivo supeditado á elaboración dun protocolo coas medidas preventivas e hixiénico- sanitarias destinadas a evitar infeccións de covid-19 dentro da factoría.

Malia o tempo transcorrido, tódolos días segue a haber incidencias, especialmente relacionadas coa hixienización das instalacións.

Noutras palabras: O PROTOCOLO NON SE ESTÁ A CUMPRIR

Malia isto, a dirección de Navantia está empeñada en aumentar o número de traballadores/as na factoría, antepoñendo as razóns produtivas á saúde dos traballadores/as.

Estamos xa na cuarta semana do proceso de reinicio. Esta situación non é aceptable.

Na xuntanza da permanente do comité de empresa celebrada o sábado pasado plantexouse que o comité denunciase a situación na Inspección de Traballo. Pero a proposta non tivo o apoio doutros sindicatos.

Por este motivo, as seccións sindicais da CIG e da CGT presentamos unha denuncia conxunta, que esperamos axude a corrixir as deficiencias que observamos acotío.

Sección Sindical Unitaria de CGT en Navantia-Ferrol

 

post

Navantia: os traballadores non somos gando

Navantia leva tres semanas nas que, cuns 300 traballadores, o experimento de reinicio da actividade está sendo desastroso:

1) Non hai recursos económicos para garantir a reactivación, e isto redunda en escaseza de EPIs e nunha hixienización totalmente insuficiente. Ata tal punto que se "suxire" a reutilización das máscaras durante 5 días, o hidroxel desinfectante é escasísimo e as taquillas, duchas (a empresa cuestiona incluso a necesidade da súa limpeza entre usos) e aseos non se hixienizan axeitadamente. Isto último queren resolvelo xuntando ós traballadores en menos taquillas, no canto de reforzar o servizo de limpeza.

2) A desidia por parte da dirección é escandalosa:
– Non está a impulsar a implantación do protocolo. Esta responsabilidade recae sobre xefes, encargados e traballadores, que fan o que boamente poden.
– A inmensa maioría dos problemas identificados seguen sen resolverse. Cousas tan sinxelas, pero importantes, como as fontes de auga seguen clausuradas tres semanas despois de que o denunciásemos.

O clasismo da dirección cara ós traballadores, especialmente da IA, é inadmisible. Un exemplo: para a reorganización das taquillas xa decidiron que van abrilas e meter o contido das mesmas en bolsas que identificarán e trasladaran ás diferentes empresas auxiliares. No caso dos traballadores da principal están a pensar que facer porque saben que este comportamento pode xerar malestar.

Neste contexto, a dirección decideu meter ó 50% da plantilla ó longo da vindeira semana. ¿Poden ser máis irresponsables? Claro que poden. A pesar de que tanto a lei como os protocolos internos dan preferencia ó teletraballo fronte ó traballo presencial, a empresa chamou a moitos traballadores que estaban a teletraballar, a outros que poderían teletraballar pero que non o fixeron porque a empresa non lles proporcionou os medios e incluso a traballadores especialmente sensibles (TES).

Para as empresas, principal e auxiliares, nin sequera somos números. Os únicos números que coñecen, os que realmente lles importan, son os dos balances contables. Para eles somos unha masa á que explotar. Se un morre, outro o reemplaza, e problema resolto. Se isto pasa nunha empresa pública, ¿que non pasará nas privadas?

Obviamente, sabemos que hai unha presión para que se reinicie toda a actividade, tamén en Navantia. Presión que o goberno, lonxe de combater, está a alentar: prolongando os ERTE ou calando sobre os beneficios das empresas e sobre a necesidade de nacionalizar a economía.

CGT en Navantia veu denunciando todo isto no noso boletín, en comunicados e nas reunións coa empresa nas que participamos. Por tanto:

  1. Responsabilizamos á dirección de Navantia, ós empresarios da IA e a aqueles sindicatos que, por acción ou por omisión, avalen esta reactivación, por non facer nada e permitila.
  2. Como demostra a historia do movemento obreiro, a única linguaxe que entenden as empresas é a da loita. O comité, que leva desaparecido dende o inicio da pandemia, ten que reunirse esta fin de semana de forma urxente e decidir que vai facer o luns.

A proposta da CGT e que o comité ten que estar nas portas para cortar de raíz esta reactivación que non conta coas garantías necesarias.

Sección Sindical Unitaria de CGT en Navantia-Ferrol

 

post

Navantia: esta crise non a pagamos os traballadores

Saíu xa o número 20 da Folla da CGT, a publicación da CGT de Navantia-Ferrol, co artigo principal referenciado no título desta entrada, dedicado ao Primeiro de Maio e á necesidade de organizarse neste sindicato.

Manifesta tamén a Folla o posicionamento contra os ERTE, os despedimentos e o reinicio da actividade, unha nova sobre os novos reingresos e o posicionamento da Sección Sindical en contra de facerlle concesións á empresa.

Pódese ler ou descargar a Folla picando embaixo.

 

post

Navantia experimenta cos traballadores

Este o título do artigo principal da «Folla da CGT» de Navantia, que xa chegou ao número 19.

Nesta ocasión, a publicación trata do protocolo establecido para a reanudación da actividade, protocolo rexeitado pola CGT. Tamén se comenta o mentirán comunicado de CCOO ao respecto. Inclúese unha reflexión sobre a recuperación das horas desde o día 14, un comentario sobre a actitude de Franco con respecto ao persoal da UTE do mantemento e un chamamento a loitar contra os ERTES.

Pódese descargar ou ler a Folla picando nas ligazóns de embaixo.

Sección Sindical Unitaria da CGT en Navantia-Ferrol

 

post

Reactivación de Navantia: razóns económicas, non sanitarias

Se houbese que utilizar unha soa palabra para definir a situación da pandemia sería INCERTEZA. Hai demasiadas cousas que non están claras, hai demasiadas cousas que non se saben.

Hai persoas infectadas que non presentan síntomas; non se sabe se a superación da doenza deixa inmunizado ou non, nin canto tempo dura esa posible inmunidade; hai problemas co material de protección, tanto de cantidade (falta de material) como de calidade (material defectuoso, como as máscaras que se tiveron que retirar estes días e que estaban sendo usadas incluso nas ucis)…

¿Como se vai controlar a entrada nos centros de traballo de posibles infectados asintomáticos? ¿É ético consumir epis para fabricar coches ou barcos cando os traballadores e traballadoras dos sectores que si son esenciais denuncian acotío a falta de medios de protección?

A reanudación das actividades económicas non esenciais non responde a criterios sanitarios. De feito, os expertos médicos opinan que é precipitada, que o é, como demostra que sigamos en estado de alarma.

Por tanto, A CGT SEGUE OPOà‘ÉNDOSE Á REANUDACIÓN DA ACTIVIDADE EN NAVANTIA, CON PROTOCOLO OU SEN PROTOCOLO. Non é unha cuestión de cubrir expediente, senón de que na actual situación sanitaria da sociedade entendemos que todo actividade económica non esencial implica un risco inxustificado de propagación do coronavirus, por moitos protocolos que haxa ou por moi perfectas que sexan as medidas que conteñan. ¿Por que implica tal risco? Porque unha cousa son os protocolos e outra a realidade.

1) Tanto na IA como na principal xa houbo casos de indicacións para que se reutilicen as máscaras dun día para outro, a pesar de que as prescricións de uso din que deben desbotarse ó remate de cada xornada laboral.

2) O xoves coñeceuse que estaba infectada a muller dun traballador de compañías que estaba traballando en Navantia-Ferrol, o que o cataloga como posible contaxiado. Cantos máis traballadores haxa na factoría, máis probabilidades haberá de que un infectado asintomático ou un infectado ó que aínda non lle apareceron os síntomas contaxie a outra persoa.

3) Tamén o xoves, atopouse a catro traballadores dunha compañía metidos sen epis nun espazo diminuto que violaba tódalas normas de separación física entre persoas.

E isto antes de que empece a recuperarse en serio a actividade. ¿Están os traballadores da IA en condicións de negarse a traballar, de esixir epis, etcétera? ¿Que garantías teñen de que non van sufrir represalias laborais se non fan o que quere a súa empresa? Ningunha.

A reanudación das actividades económicas nonesenciais responde ás presións da CEOE. O ano pasado, as empresas do Estado español tiveron uns beneficios de medio billón de euros. Isto significa que gañaron case 1.370 millóns de euros diarios. Por iso queren que se reanude a actividade xa. Todo o demais non lles importa.

Os beneficios son o único que lles preocupa ós empresarios, incluídos os da Industria Auxiliar de Ferrolterra, como deixa claro o seu patético comunicado de onte, no que afirman que están preocupados por se esta situación lles obriga a facer fronte a sancións. ¡Teñen unha cara que a pisan!

Se lles impoñen sancións, será porque violan a lei. E quen viola a lei comete un delicto, ou sexa, é un delincuente. ¿E os delincuentes non deben ser sancionados? ¿Ou iso só é cando un morto de fame rouba unha galiña?

É máis, os empresarios que violan os dereitos dos seus traballadores/as non só deberían ser multados, senón que se lles debería prohibir a actividade empresarial, igual que a un cargo público condenado por corrupción se lle pode prohibir presentarse ás eleccións.

Outra cousa que esta pandemia está poñendo de manifesto é a completa falsidade do discurso ideolóxico sobre a maior eficiencia da xestión privada sobre a xestión pública, como se ve nas residencias da 3ª idade ou nos hospitais privados: cando se trata de poñer a man para que a Administración lles solte subvencións, son os primeiros; cando aparecen problemas serios, piden que o Estado se faga cargo dos seus establecementos, que eles están para gañar cartos, non para gastalos.

Algúns presentan os empresarios como imprescindibles e os "benefactores" da sociedade polos postos de traballo que "crean" e as doazóns caritativas que fan. Pero se crean emprego é porque lles convén; en canto deixa de convirlles, todo o mundo á rúa. E esas doazóns non compensan non de lonxe os impostos que deixan de pagar e, en calquera caso, son unha esmola porque representan unha parte insignificante dos seus beneficios anuais de 500.000 millóns.

Os empresarios son prescindibles. Os imprescindibles somos a clase traballadora, como tamén está a poñer de manifesto a pandemia: persoal sanitario (non só médicos e enfermeiros, tamén celadores, cociñeiras, limpadoras…), persoal da recollida de lixo, caixeiras de supermercados…, persoas que realizan un traballo de valor incalculable, pero que na gran maioría dos casos teñen un contrato precario e un salario de miseria que non chega nin ós 1.000 € mensuais.

E mentres, os empresarios que xestionan eses servizos —que onte eran públicos e hoxe son privados por decisión do PP ou do PSOE— facéndose de ouro a costa do sangue, o suor e as bágoas alleas.

Sección Sindical Unitaria da CGT en Navantia-Ferrol