post

Nº 7 da Folla da CGT de Navantia

Saíu o número 7 do boletín da CGT de Navantia e, como sempre con contido interesante:

  • A CGT denuncia a Navantia pola cláusula de confidencialidade.
  • Navantia quere represaliar ao persoal da UTE de mantemento.
  • Reclamación de carga de traballo.
  • Cómputo do tempo dos pases.
  • Retribucións 2020.
  • Falta de información sobre as reclamacións nos novos ingresos.

Pódese ler a Folla picando na ligazón de embaixo.

Sección Sindical Unitaria da CGT en Navantia-Ferrol

 

post

Novo número do Boletín de CGT en Navantia

Publicouse o número 6 da Folla da CGT en Navantia de Ferrolterra, que ten o seguinte e interesante contido:

  • Artigo do Diario de Ferrol de xullo de 2016, no que os sindicatos chamados maioritarios, daquela si, denunciaban as irregularidades nas contratacións de novo persoal.
  • Posición da CGT sobre as cláusulas de confidencialidade que pretenden restrinxir a información a algún membros do Comité.
  • Compromiso do novo goberno sobre Navantia Ferrol.

Quen queira pode ver o Boletín picando na ligazón de embaixo.

Sección Sindical Unitaria de CGT en Navantia-Ferrol

 

post

Novos ingresos en Navantia: de mal en peor

Onte houbo unha nova xuntanza entre Navantia e as comisións de Formación dos comités de empresa das factorías de Fene e Ferrol, e a cousa vai de mal en peor: a empresa comunicou onte que nas prazas de universitarios junior non pensa publicar ningunha lista, nin de admitidos nin de non admitidos. Por tanto, tampouco haberá ningún período de reclamacións.

Todo este proceso das prazas de Navantia comezou mal, empezando pola sinatura entre a empresa e o anterior comité de empresa dunhas bases para as prazas junior suspendidas uns días despois para renegocialas, seguindo polo límite dun máximo de 3 anos de experiencia profesional (o cal é de dubidosa legalidade), por unhas probas de acceso para as prazas de titulacións universitarias sen ningunha proba obxectiva, por un nivel escandaloso de non admitidos nas listas provisorias de operarios e empregados junior (66"2%), pola imposibilidade de subsanar erros ou aportar documentación pendente (intención na que a empresa se ratificou onte), polo anuncio de ingresos de operarios sen convocatoria pública… E onte, esta última "novidade", que, visto o visto, nos tememos que non será a derradeira.

Navantia é una empresa pública. Este nivel de escurantismo é inaceptable. Que se quere ocultar?

O que está pasando é grave e a CGT pensa que hai que dicir ¡basta! e esixir:

  • Probas de acceso obxectivas para tódalas prazas, incluídas as de titulados universitarios.
  • Publicación das listas de admitidos e non admitidos, e período de reclamacións en tódolos casos.
  • Dereito a subsanar erros ou aportar documentación pendente nos períodos de reclamación.
  • Convocatoria pública de tódalas prazas. 

O comité de empresa de Navantia-Ferrol debe abrir un proceso de debate sobre toda esta situación co conxunto dos traballadores a través dunha rolda de asembleas parciais, culminando a mesma cunha asemblea xeral na que se decidan as posibles medidas a tomar.

Sección Sindical Unitaria de CGT en Navantia-Ferrol

 

post

Por unha convocatoria pública de todas as prazas de ingreso en Navantia

A empresa anunciou onte ás 14:15, na reunión coas comisións de Formación dos comités de Fene e Ferrol, a contratación eventual de 12 traballadores do primeiro curso da FP Dual. A entrada está prevista para o 8 de xaneiro.

A escusa é que reciban unha certificación de Navantia que acredite os coñecementos profesionais adquiridos, certificación que até agora non existe e da que só se sabe que a estenderá unha empresa externa.

¿Por que Navantia non lle dá a posibilidade de obter esa certificación ós estudantes da FP non dual ou ós becarios universitarios que fan ou fixeron prácticas aquí? ¿Por que Navantia non lle dá a mesma posibilidade ós traballadores das compañías?

Este é o último capítulo do cúmulo de chapuzas que a empresa vén practicando dende hai tempo. Por exemplo:

  • No proceso das prazas de profesionais junior, hai unha inaceptable porcentaxe de excluídos. Por riba, non está previsto que os inscritos poidan corrixir erros ou aportar documentación que falte.
  • En canto ás prazas de TS, os criterios non son obxectivos e reina o escurantismo.

Estamos a favor de que Navantia contrate directamente persoal, aínda que sexa con contratos eventuais. Pero Navantia é unha empresa pública, e isto significa que toda contratación debe facerse con transparencia e igualdade de oportunidades.

A CGT DENUNCIA ESTA IRREGULARIDADE E ESIXE QUE NAVANTIA FAGA UNHA CONVOCATORIA PÚBLICA DESAS 12 PRAZAS, PARA QUE TODA PERSOA QUE CUMPRA OS REQUISITOS DE DITA CONVOCATORIA TEà‘A OPCIÓN A OBTER UNHA PRAZA.

En calquera caso, todo isto demostra que Navantia SI pode contratar directamente. Xa non hai escusas. A CGT ESIXE A DESAPARICIÓN INMEDIATA DA SUBCONTRATACIÓN E A CONTRATACIÓN DIRECTA POR NAVANTIA DE TODO O PERSOAL QUE NECESITE.

A CGT non vai quedar de brazos cruzados ante todo isto. Para empezar, ESIXIMOS QUE TODA ESTA SITUACIÓN (AVALADA SINDICALMENTE POR CCOO, MAS E UGT) SEXA SOMETIDA Á CONSIDERACIÓN DUNHA ASEMBLEA XERAL.

Sección Sindical Unitaria de CGT en Navantia-Ferrol

 

post

Xa saíu a Folla nº 4 de CGT Navantia

Xa se está a distribuir esta nova Folla, cun contido moi interesante: a barbaridade do proceso solectivo dos novos ingresoso ao non permitir a emenda de erros nas solicitudes, o novo plan de igualdade feito sen informar nin dar dereito á participación da plantilla, unha nota sobre o incremento salarial e outra sobre o vitalicio.

Sección Sindical Unitaria da CGT en Navantia-Ferrolterra

 

post

Navantia: n.º 3 da Folla da CGT

A Sección Sindical Unitaria de CGT en Navantia acaba de editar o número 3 da Folla. Inclúe un artigo sobre a carga de traballo, outro sobre a negociación dos días de libre disposición, unha comunicación sobre as visitas aleatorias da CGT para detectar riscos laborais, a proximidade dunha reunión sobre os novos ingresos e a relación do uso das horas sindicais dos representantes deste sindicato.

Inclúe tamén esta folla un artigo no que explican a loita dos traballadores de Extel da Coruña en contra dos despedimentos por enfermar.

Sección Sindical Unitaria de CGT en Navantia

 

 

post

Sae o nº 1 da Folla da CGT en Navantia-Ferrol

Trátase dunha publicación da Sección Sindical Unitaria da CGT en Navantia, na que se dará conta da información e das novidades de interese para o persoal.

Neste primeiro número fálase do Centro de Excelencia, das promocións, dos atrasos de asimilacións, das convocatorias de prazas, das parellas de feito, do control de accesos da Industria Auxiliar, das becas, do plus de distancia, da asesoría e da mani do día 28. Como se ve, un número moi completo ao que seguirán, periodicamente, outras follas.

Sección Sindical Unitaria da CGT en Navantia-Ferrol

 

post

Navantia Ferrol: o centro de excelencia naval debe estar en Ferrolterra

Navantia asinou con Siemens un acordo para crear un Centro de Excelencia do Sector Naval. Este centro de excelencia será o centro de formación dos futuros profesionais que se encargarán tanto do deseño do buque (dende a súa fase conceptual inicial até a fase de detalle) como do proceso de construción, as probas e o apoio ó ciclo de vida.

Como se ve, é un proxecto ligado directamente á actividade de Navantia. Pero a pesar disto, acaba de coñecerse que estará ubicado en Santiago. Esta decisión da dirección de Navantia é unha auténtica vergoña dende calquera punto de vista.

En primeiro lugar, o recomendable é que o centro formativo estea o máis cerca posible do centro produtivo. As razóns son tan obvias, que sobra dicilas.

En segundo lugar, aquí hai un campus tecnolóxico naval da Universidade.

En terceiro lugar, na nosa comarca hai espazos infrautilizados que poden acoller o centro de excelencia, empezando por Navantia-Fene, o CIS da Cabana…

En cuarto lugar, esta comarca leva anos sufrindo unha reconversión salvaxe que destruíu milleiros de empregos no sector naval. O estaleiro 4.0 vai supoñer unha redución das necesidades de man de obra en determinadas actividades. Se os empregos que xorden das innovacións tecnolóxicas non están aquí, Ferrolterra verá aumentar a súa decadencia.

Esta decisión de Navantia é unha mostra máis de como a dirección non toma as súas decisións dende o punto de vista dos intereses da empresa pública, senón dende o punto de vista dos intereses da empresa privada porque a única razón que pode haber para ubicar o centro de excelencia naval en Compostela son os intereses de Siemens.

A CGT esixe que Navantia rectifique esta decisión totalmente inxustificada e que o centro de excelencia se ubique en Ferrolterra.

Sección Sindical Unitaria de CGT en Navantia Ferrol

 

post

Navantia: por unha igualdade de oportunidades real nas convocatorias de novos ingresos

Hai uns días, nunha xuntanza da permanente do comité, CCOO plantexou a posibilidade dunha convocatoria de prazas de ingreso exclusivamente para estudantes da FP dual. Segundo CCOO, "non sería bo que chegasen á oposición". Estas prazas serían a maiores das asinadas no plan de empresa.

CCOO pediunos ós demais sindicatos que valorásemos a súa proposta. A CGT así o fixo nunha asemblea de afiliadas/os. E a nosa opinión é a seguinte:

  1. A proposta de CCOO supón unha clara discriminación, e por triplicado: a) Discrimina ós traballadores de compañías, que son os que están a facer os barcos. b) Discrimina ós estudantes da FP non dual, cuxas titulacións teñen o mesmo valor académico cás da FP dual e algúns dos cales tamén fan prácticas na nosa factoría. c) Discrimina en xeral a calquera traballador que queira optar a entrar aquí.
  2. Navantia é unha empresa pública. Nas convocatorias de prazas de ingreso debe haber unha IGUALDADE DE OPORTUNIDADES REAL, non ficticia.
  3. A CGT reivindica máis plantilla da principal porque a actual é insuficiente e porque estamos en contra da subcontratación. Neste senso, celebraríamos un aumento do número de prazas de ingreso. Pero se ese aumento está vencellado á aceptación de condicións inxustas, a nosa resposta é NON.
  4. Creando expectativas que agora non pode cumprir, CCOO conseguiu afiliar á gran maioría dos estudantes da FP Dual. Pero a solución ó enguedello en que se meteu por substituír o sindicalismo polo clientelismo non pode ser unha convocatoria exclusiva para ese grupo reducido de persoas.
  5. No canto de facer propostas discriminatorias, mellor sería adicarse a corrixir as deficiencias e inxustizas da convocatoria de prazas xa en marcha, que non hai por onde collela.
  6. Recentemente houbo dúas asembleas xerais en dous días consecutivos, unha pola situación das prazas (só para a principal) e outra pola carga de traballo (conxunta). A CGT propuxo celebrar unha única asemblea con tódolos traballadores para tratar ambos temas, por entender que eran de interese para os dous colectivos. Os demais sindicatos rexeitárono. CCOO "argumentou" que convocar ós compañeiros da IA á asemblea da principal sobre as prazas discriminaría a aqueles traballadores da IA que están nos talleres da rúa. Pois se iso era discriminatorio, como cualificar a proposta que fai agora CCOO? E como cualificar que CCOO lle solicitase á empresa pases de visita para que estudantes da FP dual afiliados seus puidesen entrar na factoría para asistir á asemblea da principal? Tratar ós compañeiros da IA como traballadores de segunda ou como súbditos é máis propio do sindicalismo corporativista que do sindicalismo de clase.

Sección Sindical Unitaria de CGT en Navantia-Ferrol