Este venres, día 20, ás 20:30 horas, está convocada unha manifestación contra a violencia machista que partirá do Obelisco da Coruña e rematará na Delegación do Goberno.
A CGT da Coruña acordou sumarse á manifestación convocada. Para a CGT a situación de violencia e morte que están sufrindo moitas mulleres é intolerable e hai que alzar a voz denunciando esta realidade.
As estatísticas demostran que o número de mulleres asasinadas non está a diminuir de xeito apreciable, a pesar das lexislacións específicas e dos medios que, en teoría, se teñen postos para combatir esta lacra. Para a CGT, non se pode separar o que está acontecendo da existencia dunha sociedade xerarquizada, por moito que se fale de igualdade, na que unhas persoas son consideradas superiores a outras e poden decidir sobre as súas existencias. Por iso, é imprescindible a destrución da sociedade actual, patriarcal, racista, capitalista, xerarquizada e insolidaria, e a súa sustitución por unha sociedade libre, no que o apoio mutuo, a liberdade, a igualdade e a diversidade sexan os alicerces que a conformen.
Comité Local da Coruña da CGT