Ás 12:40 saíu a manifestación convocada pola CGT, ademáis da CNT, CUT e Sindicato da Elevación. Preto dun milleiro de participantes partían da praza de Pontevedra nun percorrido polas rúas máis céntricas para rematar no campo da Leña. Durante o percorrido coreárose berros anticapitalistas e reivindicativos como «Primeiro de Maio revolucionario», «Nativa ou estranxeira, a mesma clase obreira», «Vai rematar a paz social», «Unión, acción, autoxestión», etc.
Oacto rematou coa lectura do manifesto conxunto, que di o seguinte:
BASTA DE MENTIRAS, INXUSTIZA E EXPLOTACIÓN!!!
Compañeiras e compañeiros: Hoxe, Primeiro de Maio, día da clase obreira, 4 organizacións sindicáis decidimos dar un paso máis para manifestar que so a unidade de acción do sindicalismo combativo pode mudar o estado das cousas ou é combativo ou non é sindicalismo.
Nesta data, o mundo enteiro lembra o acontecido no ano 1886 na cidade norteamericana de Chicago, cando un grupo de traballadores coñecidos como “os mártires de Chicago” foron executados por reclamar unha xornada laboral de 8 horas.
Se botamos a vista atrás, debemos darnos conta de que sobran os motivos e faltan as escusas para continuar a organizarnos en sindicatos de clase e facer fronte a todo o que representa o poder que asola as traballadoras e que nos negan unha calidade de vida digna tanto a todas nós, como as nosas fillas e maiores.
A situación da nosa clase, da clase traballadora, non fai máis que deteriorarse. A suba imparable dos prezos das subsistencias, xunto cunhas miserentas subas salariais nos convenios colectivos, estannos abocando á pobreza máis extrema, pobreza que se estende imparablemente incluso entre quen ten contrato fixo a tempo completo. Millóns de persoas no paro, entre as que máis da metade non teñen ningún tipo de prestación, ou millóns con contratos cativos a tempo parcial, fan que a estatística boiante non sexan máis ca un espellismo mentirán que só reflicte a realidade dun reducido número de persoas.
A isto temos que sumarlle novas decisións desde o Goberno, decisións como a de revogar a reforma laboral de Rajoy só en aspectos mínimos e colaterais, mentres outros fundamentais seguen vixentes, como o despedimento sinxelo e barato, o tratamento dos despedimentos improcedentes, e outros. Tamén o Goberno presentou unha reforma das pensións que provocará, a medio prazo, a diminución das pensións iniciais ao incrementar, progresivamente, o número de anos que se terán en conta para calcular a pensión e aumentar tamén o número de anos precisos para ter dereito a un 100 % daquela. Esta reforma, presentada como un gran avance co aval do sindicalismo institucional, é un novo retroceso para os traballadores e traballadoras e un empurrón máis cara ás pensións privadas ás que so poderán acceder uns poucos privilexiados.
Non sómente é que os logros dos que presume este goberno sempre sexan moi inferiores ás expectativas e ás promesas coas que lle pediron o voto ó corpo electoral, senón o certo é que eses logros son mentira, fachada de cartón pedra e agocho da verdadeira natureza da súa acción de goberno. As leis e normas que aproban sempre van en beneficio da casta capitalista responsable da degradación de planeta e da internacionalización da guerra e do saqueo universais, con centos de millóns de persoas en situación de fame ou miseria, vítimas da guerra e da explotación da clase traballadora.
Non podemos esquecer o papel que o sindicalismo institucionalizado está xogando en toda esta situación: ademais de avalar as decisións prexudiciais do goberno, está asinando cunha patronal cobizosa subas salariais miserentas, que nin se achegan á suba do custo da vida: alimento, vestido, teito, enerxía, ocio e cultura é o menos ao que se pode aspirar nesta vida para que sexa merecente de ser vivida.
Non podemos seguir así, aturando como normais os enganos e a explotación. A organizacións convocantes: CGT, CNT, CUT e Sindicato de Elevación fan un chamamento para que nos organicemos e loitemos contra esta situación.
Non podemos deixar de mencionar o caso da Suíza en Asturies, onde a 6 compañeiras vanlle caer varios anos de cadea por responder a un caso de acoso no traballo ou solidarizarse con él. Pero non é un caso aillado, moitos sindicalistas están sendo despedidos e condeados por resisitir e loitar.
Non é unha maldición divina que sexa imposible de combater. Os nosos veciños franceses están mostrando o camiño. Sabemos que o esforzo será grande, pero só así conseguiremos que a clase traballadora, a auténtica creadora da riqueza, ocupe o lugar que lle corresponde na sociedade e acabe con este sistema económico e social inicuo e inxusto. A mobilización é a arma que temos e tamén a nosa forza. Por iso, este Primeiro de Maio debe ser o día en que amosemos que xa non imos aturar máis as mentiras, inxustizas e explotación, e que despois deste día a nosa mobilización será constante e contundente.
Hoxe máis que nunca:
VIVA O PRIMEIRO DE MAIO!!
VIVA A CLASE OBREIRA!!
Comité Local da Coruña da CGT , 01 de maio de 2023