post

CGT GALICIA REXEITA A INSTALACIÓN DUNHA PLANTA DE FIBRASTÉXTILES E CELULOSA NA COMARCA LUCENSE DA ULLOA

A Confederación Xeral de Traballo (CGT) de Galicia manifesta o seu rexeitamento á pretensión do consorcio empresarial, ALTRI, de instalar enPalas de Rei unha macroplanta de fibras téxtiles e celulosa.

CGT reclama a paralización do proxecto polos efectos devastadores que a súa instalación e actividade provocará sobre un vasto territorio -desde a comarca lucense da Ulloa á Ría de Arousa-, causando un dano irreversible á actividade agropecuaria e forestal, ao medio ambiente e á saúde pública en toda Galicia.

ALTRI é a segunda industria papeleira de Portugal onde ten tres factorías, reiteradamente sancionadas por varios episodios de contaminación do río Texo. Co plan na Ulloa, asociada coa compañía galega Greenalia, ALTRI planea poñer en marcha o complexo industrial sobre un terreo de 336 hectáreas (dez
veces maior que o que ocupa Celulosa de Pontevedra), con capacidade para producir anualmente 400.000 toneladas de pasta de celulosa e outras 250.000 de tecido lyocell, baseado na fibra de madeira.

Estes obxectivos declarados de produción demostran que a poboación galega da extensa área afectada enfrontarase de feito á instalación no centro de Galicia dunha macrocelulosa, que reproducirá, multiplicándoos, os danos ambientais, de saúde pública, contaminación e á actividade agropecuaria e
forestal sostible, causados pola actividade da pasteira Celulosa de Pontevedra.

O contubernio económico-político: o ‘lobby’ ao que recorreu ALTRI para tramitar o seu proxecto perante as administracións españolas é Acento Public Affairs, que lideran os exministros José Blanco, exsecretario de Organización do PSOE con José Luis Rodríguez Zapatero, e Alfonso Alonso, expresidente do PP do País Vasco con Mariano Rajoy. Este lobby ‘conseguidor’, Acento Public Affairs, logrou que a Xunta de Galicia escollese o proxecto de ALTRI como unha das iniciativas susceptibles de financiamento a través dos fondos Next Generation da Unión Europea -podería recibir máis de 250 millóns de diñeiro público, o 30% do investimento inicial- declarándoo ‘proxecto estratéxico e de utilidade pública para Galicia’. Do mesmo xeito que conseguiu que o proxecto fose aprobado inicialmente por todos os partidos políticos do parlamento galego, por máis que as tres factorías que ALTRI ten en Portugal, acumulen xa varias denuncias e sancións por contaminar o río Texo.

Privatización e agonía do río: A propia empresa, ALTRI, asegura que a planta extraerá do río Ulla, no encoro de Portodemouros, a impresionante cifra de 46 millóns de litros de auga diarios. Unha vez usado no proceso industrial tan enorme caudal, a planta ‘devolverá’ diariamente ao río Ulla uns 30 millóns de litros a unha temperatura de 27º. O que significa que, un centenar de quilómetros augas abaixo, alcanzarán a Ría de Arousa, pero xa contaminados, como demostra a experiencia de ENCE en Pontevedra, afectando ribeiras, regas, recursos hídricos, subsolo acuático e capa freática.

Degradación do bosque galego e eucaliptización: A produción de biofibra e pasta de celulosa previstas, precisará consumir 1,2 millóns de toneladas anuais de madeira de eucalipto, o que, sen ningunha dúbida, agravará a desastrosa “eucaliptización” de Galicia, imposta no último terzo do século XX pola localización de Celulosas na ría de Pontevedra.

Agresión a unha área de máxima protección ecolóxica: Ademais, as 360 hectáreas que ocupará o complexo sitúanse ás portas da Serra do Careón, unha área de máxima protección ambiental incluída na Rede Natura 2000, que alberga varias especies en perigo de extinción, endemismos únicos no mundo
e 17 especies que, segundo a normativa de protección internacional, deben ser obxecto de medidas de conservación.

Reclamo dos postos creados: Como escusas falsas para xustificar a construción do descomunal proxecto, a propaganda de ALTRI argumenta, por unha banda, que cumpre coa normativa ambiental legal, e polo outro a «creación de centos de postos de traballo directos e indirectos”. Ambos os argumentos son igual de mentireiros, por canto a produción real da súa actividade non será outra que o abafador dano ecolóxico, sanitario e social descrito, coa súa secuela de destrución de innumerables postos de traballo no
sector primario da conca do Ulla e ría de Arousa.

Por estas razóns, a CGT, en defensa do medio ambiente, o territorio e a saúde pública, comparte a mobilización xeral contra tan daniño proxecto, incorporándose ás accións colectivas dirixidas á súa paralización neste ou calquera outro lugar de Galicia.

A Coruña, Maio, 2024
SP do Comité Confederal de CGT-Galicia