post

[Ferrol] Navantia: A dirección e o Comité boicotean á CGT

A principios de febreiro, trala constitución legal da nosa sección sindical e a comunicación de tal feito á dirección de Navantia, a CGT solicitoulle é empresa un correo electrónico corporativo, que nos foi denegado. Tras esa negativa, e dado o silencio do comité ante a nosa petición de que interviñese para que se nos facilitase o correo, denunciamos á empresa perante a Inspección de Traballo, que resolveu ó noso favor.

Pero a Inspección non só se pronunciou sobre o correo, senón que requireu á empresa "para que proporcione á sección sindical da CGT os mesmos medios técnicos e materiais para facilitar a súa difusión e comunicación que ás restantes seccións sindicais, advertindo que de non facelo así estaría incurrindo en lesión ós dereitos dos representantes legais dos traballadores, tipificado como infracción no artigo 7.8 da Lei sobre Infraccións e Sancións no Orden Social". Dito artigo tipifica a infracción como grave.

A resolución da Inspección baseouse nin máis nin menos que nunha sentenza do Tribunal Constitucional, que a resolución cita: "O lexislador (…) contempla tamén obrigas de terceiros dirixidas á promoción dese dereito (contido adicional do dereito á información sindical), isto é, accións positivas favorecedoras da comunicación entre o sindicato e os traballadores. Faino impoñendo cargas ó empresario, como a de facilitar en determinados casos ás seccións sindicais dos sindicatos máis representativos ou con implantación na empresa certos medios materiais, instrumentais para o mellor desenvolvementoda actividade sindical e en particular da difusión da información sindical. Así ocorre cos dereitos a un taboleiro de anuncios e a un local axeitado naquelas empresas ou centros de traballo con máis de douscentos cincuenta traballadores"(os subliñados son nosos).

¿Ten a CGT implantación en Navantia-Ferrol? Si. ¿Ten Navantia-Ferrol máis de 250 traballadores? Tamén.

Por tanto, apoiándonos na resolución da Inspección, o pasado 16 de maio solicitamos á dirección un local para a nosa sección sindical (tanto máis necesario dada a cercanía das eleccións sindicais). A única condición que puxemos foi que tiña que estar na planta baixa do edificio do comité, ó igual que os locais das restantes seccións sindicais. Na planta baixa hai actualmente tres locais que non están ocupados por ningunha sección sindical, pero non pedimos ningún en particular.

Dende esa data, nos interesamos en varias ocasións polo tema: primeiro, que se tiñan que consultar con Madrid; despois, que llo tiñan que comunicar ó comité, etc., etc. O martes da semana pasada volvemos a falar coa empresa, dixémoslle unha vez máis que non había absolutamente ningún motivo para que a CGT non puidese dispoñer de inmediato do local que a lei nos outorga e esixímoslle que nolo facilitase antes do luns 10, día no que comeza o proceso das eleccións sindicais de Navantia. Estamos a 10 e seguimos sen local.

Pero se esta actitude boicoteadora por parte da dirección de Navantia contra a CGT é impresentable, aínda é máis impresentable que o comité de empresa a comparta. Actuando, unha vez máis, en comandita coa dirección(como en tantas outras cousas: implantación do modelo de empresa baseado na subcontratación masiva, degradación das condicións laborais dos traballadores da industria auxiliar, recortes no convenio da principal…), o comité de empresa négase a que a CGT dispoña dun local, alegando que non temos dereito a el. ¡Como se iso o decidisen eles!

En datas recentes, o comité de empresa negouse a poñer a votación na asemblea xeral propostas que non lle gustaban, abandonando o seu presidente a mesma levándose o micrófono consigo. Agora, pasándose polo arco do triunfo unha resolución da Inspección de Traballo e unha sentenza do Tribunal Constitucional, o comité se nega a que a sección sindical da CGT teña un local. ¿Cal será o seguinte paso nesta deriva? ¿Dicir que os taboleiros de anuncios son deles e que a CGT non pode colocar comunicados? ¿Decretar que a CGT non pode presentarse ás eleccións sindicais?

A CGT non tolerou o atropelo antidemocrático por parte da dirección de Navantia cando nos negou o correo electrónico, e tampouco imos tolerar este novo atropelo antidemocrático por parte da empresa e o comité. E se cren que sumando as súas forzas van ter máis éxito que co correo, xa lles dicimos que se van volver equivocar.

Todo isto é moi grave. Pero non só polo que ten de vulneración dos dereitos democráticos da CGT e de violación da lei, senón sobre todo porque demostra a DEXENERACIÓN que sofren algúns sindicatos, especialmente CCOO, cuxosdirixentes actúan cada vez máis en conivencia coa empresa.

Esta violación dos dereitos da CGT é un ataque contra todos aqueles traballadores/as que queremos un movemento sindical que sexa unha ferramenta de loita para a defensa dos nosos intereses de clase, non un apéndice das direccións das empresas. Neste senso, se hoxe, día que comeza o proceso electoral, non se pon a disposición da nosa sección sindical un dos tres locais dispoñibles na planta baixa do edificio do comité de empresa, tomaremos tódalas medidas que fagan falla para acabar con estes comportamentos ditatoriais dignos dunha empresa franquista e do seu Sindicato Vertical.

Facemos un chamamento a tódolos traballadores con conciencia de clase a fortalecer a CGT, o único sindicato que non se resigna, o único sindicato que está demostrando vontade, firmeza e coherencia á hora de defender os intereses dos traballadores fronte á empresa.

PARA QUE AS COUSAS CAMBIEN, ELIXE CGT !

Sección Sindical Unitaria de CGT en Navantia Ferrol

 

post

[Ferrol] Navantia discrimina á CGT

A CGT (Confederación Xeral do Traballo) ten unha sección sindical legalmente constituída en Navantia-Ferrol. E como tal, solicitoulle a Navantia dúas cousas: 1) O desconto na nómina da cota sindical; 2) Un correo electrónico. Resposta da empresa: si ó primeiro, non ó segundo. Navantia engade que nos facilitará un taboleiro de anuncios, para que poidamos informar ós traballadores. Tódolos días coa matraca da realidade virtual, drons voando polos talleres, buques sen cables, empresa sen papeis…, ¿e no ano 2019 nos veñen cun taboleiro de anuncios? A xefatura de Recursos Humanos de Navantia está ancorada na Prehistoria tecnolóxica. Necesita urxentemente un cursillo intensivo de Estaleiro 4.0.

Alega a empresa que "non é posible" que teñamos correo porque non reunimos os requisitos legais (obter representación nas eleccións sindicais). Esta resposta é moi cínica e demostra un dobre raseiro porque Navantia non aplica sempre o mesmo criterio.

As penúltimas eleccións sindicais foron en 2011. Sacaron delegados CCOO, CIG, UGT e USTG. Durante aquel mandato, tódolos delegados da USTG abandonaron este sindicato e formaron MAS. E a pesar de que MAS non se presentara ás eleccións, a empresa facilitoulle correo electrónico e local. E isto non o di a CGT, senón a sentenza da demanda que a USTG lle puxo a Navantia por facilitarlle a MAS ditos medios.

Esa sentenza non só di que "o sindicato MAS dispón de novo local e correo electrónico na empresa" (feito probado nº 20), senón que tamén di que "se observa conformidade entre as partes respecto dos feitos obxectivos detallados no anterior apartado de Feitos probados" (fundamento xurídico nº 1). Polo tanto, é incuestionable que a empresa facilitoulle un correo electrónico a MAS (non a un "grupo mixto" do comité de empresa). ¿Foi lóxico? Por suposto que si, dado que é un sindicato con presenza real. Pero ademais de lóxico foi legal, como demostra que a xuíza, "tendo en conta o dereito fundamental de liberdade sindical recollido no artigo 28 da Constitución", desestimase a demanda da USTG.

Malia que MAS non tiña representación no comité pola sinxela razón de que non se presentara ás eleccións de 2011 (que haxa delegados que cambien de sindicato no medio do mandato non conta a estes efectos), a empresa concedeulle correo electrónico. Se agora non llo concede á CGT non é porque a lei o impida, senón porque Navantia quere castigar á CGT en represalia pola nosa firme defensa dos intereses de clase dos traballadores (IV Convenio, folga indefinida das compañías, negociación do convenio único…). Navantia evidencia así que está moi preocupada ante a posibilidade de que a CGT entre no próximo comité porque sabe que nós non imos pastelear nos despachos, sabe que a nós non vai poder engaiolarnos para arrastrarnos "ó lado escuro".

É lamentable que unha empresa viole a liberdade sindical, máis tratándose dunha empresa pública, cuxos xestores deberían respectar os principios democráticos, no canto de actuar como sátrapas franquistas. Neste senso, no resumo de prensa diario que se publica no Periscopio (a intranet de Navantia) correspondente ó 31 de xaneiro houbo censura. En concreto, censurouse unha columna de opinión crítica coa ameaza de sanción ó noso compañeiro Xaquín García Sinde publicada ese día no Diario de

Ferrol. Isto mesmo xa pasara cando o CNI declarou oficialmente a Xaquín García Sinde como un risco para a seguridade nacional.

Igualmente, no seu escrito denegatorio do correo electrónico, Navantia lle lembra a Xaquín que non está autorizado a utilizar o seu correo electrónico corporativo para "fins distintos ós propios da súa actividade laboral". Pensamos que enviar a algúns compañeiros información sobre o convenio non é algo alleo á actividade laboral, e menos cando Navantia leva cerca de vinte anos violando o artigo do convenio que lle obriga a entregar a cada traballador un exemplar do mesmo (o último entregado foi o… ¡XXI Convenio da Bazán, asinado no ano 2000!).

Pero deixando a un lado este aspecto, con esa prohibición Navantia viola incluso a súa propia norma interna N-013 sobre uso do correo electrónico, que no seu punto

6.1.2.2 recolle explicitamente o dereito a un uso do correo para fins persoais cando é de forma ocasional, razoable e leal con Navantia. Ó mellor o problema é que a xefatura de Recursos Humanos de Navantia pensa que rexeitar o recente convenio é ser desleal coa empresa. Sexa como sexa, outro síntoma máis de mentalidade predemocrática.

Navantia xa foi condenada en 2014 por discriminación sindical (contra a CIG), cando gobernaba o PP. Pero que cun goberno que se declara socialista unha empresa pública discrimine a un sindicato e a un traballador é escandaloso porque se trata dunha vulneración do dereito democrático dos traballadores a organizarse.

Por iso o comité de empresa e o resto das seccións sindicais deberían dicir algo. Neste senso, a CGT dirixiuse ó comité e a todas elas o luns da semana pasada para pedirlles un pronunciamento público e que lle esixan á empresa un correo para a CGT e a retirada da ameaza de sanción contra o compañeiro Xaquín García Sinde, esixencia que, como sabe calquera que coñeza un pouco as relacións laborais en Navantia, sería suficiente para acabar con estas actitudes antisindicais.

Neste mesmo senso, tamén estaría ben que o PSOE local e o seu candidato á alcaldía de Ferrol lle dixeran a tódolos traballadores de Navantia se comparten ou non estas actuacións claramente antidemocráticas duns xestores nomeados polo seu partido.

Sección Sindical Unitaria de CGT – Navantia Ferrol