post

Solidariedade cos despedidos en Decathlon-Xetafe

A CGT da Coruña convoca unha concentración diante da tenda de Decathlon na rúa Real, número 48, o próximo venres, día 23, ás 19:00 horas, en solidariedade cos compañeiros despedidos por esta multinacional en Xetafe.

O pasado 8 de agosto, a multinacional Decathlon deu un paso máis na súa sistemática e premeditada estratexia de reprimir a delegados sindicais e membros activos de seccións sindicais, ao despedir a Mario Jiménez, delegado sindical por CGT e membro do comité de empresa no almacén que a empresa ten no polígono os Gaviláns de Xetafe. Este feito non é un caso illado, xa que no mesmo centro despediuse a Ovidiu Nae en outubro do ano anterior, membro da sección sindical, que ía entrar a formar parte do mesmo comité dese centro. Desde que CGT entrou a formar parte do comité de empresa en febreiro do 2020, as amoestacións por escrito e as sancións viñéronse sucedendo aos membros da sección sindical de maneira totalmente arbitraria, xa que se buscaban retortos argumentos para tipificar como faltas os propios acontecementos do traballo diario. Sancións por usar o correo corporativo para informar ao persoal sobre os seus dereitos, acusacións de roubo infundadas, que logo foron desmontadas por un xuíz, ou pedir o acompañamento dun membro do comité en reunións individuais son as escusas que esta multinacional, que alardea de protexer aos traballadores e traballadoras e de fomentar un ambiente de traballo inmellorable, utilizou para sancionar e despedir a membros electos do comité e compañeiros activos da nosa sección sindical.

Pero aí non acaba a cousa, xa que en todo o territorio do estado español, as sancións a outros grupos sindicais sucédense. Como ben mencionabamos antes, o que non toleran é que haxa persoas loitando polos seus dereitos, e denunciando as irregularidades que cometen como:

  • a non regulación das fichaxes que por lei teñen obrigación.
  • non pagar excesos de xornada aos traballadores e traballadoras con contratos a tempo parcial ata que a cantidade de denuncias foi escandalosamente grande.
  • perseguir por negarse a asinar convenios que supoñen un claro retroceso en dereitos do persoal, ou por poñer de manifesto que se cometen abusos contra o persoal e intimidacións nos centros de traballo.

Por todo isto, e xa que a empresa Decathlon non ten ningún rubor para ir ata onde faga falta para librarse da xente que eles consideran “molesta” só polo feito de loitar por unhas condicións dignas de traballo, pedimos o apoio de todos e todas, e pedimos o boicot á multinacional, ata que cese a súa represión sindical que xa nin sequera disimulan.

Non pararemos ata que se readmita aos traballadores de Decathlon despedidos, e deixe de sancionar e amoestar a quen loita polas súas condicións laborais.

Comité Local da Coruña da CGT