CGT Galicia http://www.cgtgalicia.org/solidariedade-con-traballadores-de-ferroatlantica-en-loita/ Export date: Sat Nov 23 12:07:03 2024 / +0000 GMT |
Solidariedade con traballadores de FerroAtlántica en loitaA CGT de Vigo e Pontevedra organizan autobuses en solidariedade cos traballadores de FerroAtlántica e da comarca CEE-Dumbría, para acudir á manifestación do 8 de xullo, en Santiago, para evitar os Plans da empresa de Villar Mir, que supoñen unha agresón e unha ameaza certa sobre a clase traballadora de toda a rexión. O bus sairá ás 9,30h da Praza de España en Vigo e as 10,30h do Pabellón Municipal de Deportes en Pontevedra. Os traballadores de Ferroatlántica e a comarca enteira da Costa da Morte están a sufrir unha grave agresión nos seus intereses e dereitos como consecuencia do intento da empresa de proceder á segregación das presas hidroeléctricas da propia empresa metalúrxica en Cee-Dumbría e, acto seguido, desfacerse dos complexos hidroeléctricos, instalados nos ríos Xallas (Dumbría) e Grande do Porto (Vimianzo). A historia desta empresa iníciase precisamente co aproveitamento eléctrico do río Xallas e, por tanto, este representa a razón de ser e xustificación, política e legal, da aceptación polos veciños das expropiacións necesarias no seu momento para os Saltos, como a asunción do deterioro agropecuario e ambiental, non só dos terreos alagados, senón tamén dos lindeiros. A comunidade veciñal de Cee-Dumbría e o conxunto da clase traballadora que se incorporou ás fábricas e empresas auxiliares coñecen moi ben que a presenza das fábricas na Costa da Morte está ligada de modo necesario e indisoluble aos saltos hidroeléctricos, que durante os últimos case 100 anos veñen fornecéndolle da electricidade necesaria. Baseándose nese mesmo convencemento, Ferroatlántica dispón dunha concesión por 99 anos para a explotación hidroeléctrica de ambos os ríos. Agora mesmo, Ferroatlántica, que en 2015 anunciou a súa fusión coa multinacional estadounidense Globe Speciality Metals (GSM), está en mans do empresario Juan Miguel Villar Mir, cuxo nome figura como protagonista esencial en todos aqueles casos de corrupción política e empresarial que desde uns anos para acó converteron o país nun lameiro fedorento. Por estas razóns diversos grupos, colectivos e entidades da comarca, así como o Comité de Empresa de Ferroatlántica Cee-Dumbría e numerosos Comités das empresas auxiliares, expoñen a necesidade de celebrar en Santiago, o 8 de xullo, unha gran manifestación que evite o intento da Empresa de segregar e desvincular as presas hidroeléctricas da propia empresa metalúrxica, sen outra garantía para os postos de traballo e a propia supervivencia da fábrica na Costa da Morte que fume, promesas e a fraude habitual: anunciar como un feito e acto de vontade o que se decidiu de antemán non cumprir. Ante esta xusta convocatoria, a CGT considera que esta organización anarcosindicalista está obrigada a facer o maior esforzo posible para facerse presente na manifestación en Santiago o 8 de xullo, para o que pide que o devandito esforzo sexa compartido polo conxunto da sociedade galega, cada un na medida das súas posibilidades NON Á SEGREGACIÓN DAS HIDROELÉCTRICAS! CONTRA A ESPECULACIÓN E AS MENTIRAS! SOLIDARIEDADE COS COMPAà‘EIROS E COMPAà‘EIRAS DE FERROATLÁNTICA! CGT Pontevedra - Comité Local (Pontevedra, 27.06.2015) |
Post date: 2017-06-27 19:34:09 Post date GMT: 2017-06-27 18:34:09 Post modified date: 2017-06-27 19:34:09 Post modified date GMT: 2017-06-27 18:34:09 |
Export date: Sat Nov 23 12:07:03 2024 / +0000 GMT This page was exported from CGT Galicia [ http://www.cgtgalicia.org/wp ] Export of Post and Page has been powered by [ Universal Post Manager ] plugin from www.ProfProjects.com |