A CGT denuncia o acoso e a persecución á que está a someter Atento aos traballadores e traballadoras que plantan cara aos seus abusos; nos últimos días a empresa está a sancionar con amoestacións escritas ao redor de 80 traballadoras e traballadores do 1002 (servizo técnico de liñas de voz, internet e TV de Movistar) que o pasado 8 de setembro, ante a caída xeral das aplicacións informáticas, desconectaron os seus postos de traballo por non existir un mínimo de garantías para desempeñalo, nin un protocolo de actuación ante tales situacións (protocolo que as compañeiras e compañeiros esixían ter por escrito para volver atender as chamadas dos clientes, xa que non está recollido na operativa do servizo e non cumprir a operativa pode carrexar sancións).
Ademais, Atento abriu un expediente sancionador infestado de falsidades ás dúas delegadas da CGT presentes ese día no centro de traballo, acusándoas de instigadoras do plante laboral -espontáneo, razoado e razoable- do persoal; e tamén de extralimitarse nas súas funcións sindicais, cando neste sentido a súa actuación foi irreprochable ao defender aos traballadores e traballadoras das ameazas da empresa. Non só iso, senón que a CGT presentou inmediatamente unha denuncia polos feitos ocorridos ante a Inspección de Traballo, polo que cremos firmemente que a empresa está a tomar represalias contra o noso sindicato. A apertura dos expedientes disciplinarios pode supoñer unha sanción de ata 3 meses de emprego e soldo ou o despedimento das compañeiras.
O único fin que persegue Atento con esta noxenta e represiva actitude é a de frear a loita que este sindicato está a levar a cabo en defensa dos postos de traballo e da consecución dunhas condicións laborais dignas; basta lembrar que en menos dun ano a CGT conseguiu a declaración de nulidade dun ERE e a readmisión doutros 33 compañeiros tras demandar á empresa por outro ERE encuberto.
Desde xaneiro de 2014, a CGT leva convocando periodicamente paros e mobilizacións e facendo públicas as pésimas condicións laborais que padecen os traballadores e traballadoras en Atento, e desde entón a empresa estivo tentando amedrentar e silenciar á CGT, ata o extremo de demandala por folga ilegal durante as convocatorias deste ano. Posteriormente a demanda foi retirada, xa que a súa única pretensión era frear as mobilizacións que tanto molestan a Atento e Movistar, e non o conseguiron.
A Coruña a 24 de setembro de 2015
Sección Sindical da CGT en Atento-A Coruña