CGT Galicia
http://www.cgtgalicia.org/renfe-condenada-a-indemnizar-a-cgt-por-vulneracion-do-dereito-a-folga/
Export date: Wed Dec 18 4:27:05 2024 / +0000 GMT

Renfe condenada a indemnizar a CGT por vulneración do dereito á folga




A empresa pública RENFE-Operadora foi condenada por vulnerar o dereito de folga dun traballador de RENFE-Operadora, ao substituílo por outro traballador durante a Folga Xeral que C.G.T.-Galiza convocou contra a reforma das pensións o pasado 27 de Xaneiro.

O Xulgado do Social Nº4 de Vigo recoñeceu como feito probado que durante a citada Folga Xeral, RENFE ordenou substituír a Carlos, maquinista de Vigo afiliado á CGT que secundou a folga, con outro



traballador maquinista, nos trens 12434 con saída de Vigo ás 17:00hs. e chegada á Coruña ás 19:00 e 12441 con orixe na Coruña (20:55) e destino Vigo (23:00), polo que a Xuíz considera vulnerado o dereito fundamental de folga, sentenciando unha indemnización para o Sindicato C.G.T. de 2.926 €, que é a recadación dos trens mencionados, entendendo esa indemnización acorde co dano producido, xa que eses trens non debían ter circulado por folga do maquinista que os debía conducir.

A Sentenza non da por bos os argumentos da empresa de que o traballador que tiña en gráfico asignados servizos complementarios, e que obedecen a servizos de reserva para cubrir baixas por enfermidade, licenzas, vacacións, cursos de formación etc., podía realizar a quenda do folguista, ao non saber se a súa ausencia era debida a secundar a folga ou a unha enfermidade imprevista, entendendo a Xuíz que en todo caso, o traballador está obrigado a comunicar o motivo da súa ausencia, agás cando é por secundar a folga, como é o caso.

Dende C.G.T. entendemos que a sentenza publicada se axusta ás nosas demandas, e supón un merecido correctivo para os Directivos de RENFE que coa súa actitude perseguiron reducir o impacto da folga, aínda dando ordes que supoñen unha vulneración dun dereito fundamental protexido pola Constitución, como é o dereito de folga de traballadores e traballadoras, precisamente nunha empresa que se xacta de manter unha estratexia de responsabilidade social empresarial nas súas actuacións.
Post date: 2011-06-03 18:09:03
Post date GMT: 2011-06-03 17:09:03

Post modified date: 2011-06-03 18:11:40
Post modified date GMT: 2011-06-03 17:11:40

Export date: Wed Dec 18 4:27:05 2024 / +0000 GMT
This page was exported from CGT Galicia [ http://www.cgtgalicia.org/wp ]
Export of Post and Page has been powered by [ Universal Post Manager ] plugin from www.ProfProjects.com