CGT Galicia
http://www.cgtgalicia.org/reactivacion-de-navantia-razons-econoicas-non-sanitarias/
Export date: Tue Jul 16 6:34:45 2024 / +0000 GMT

Reactivación de Navantia: razóns económicas, non sanitarias




Se houbese que utilizar unha soa palabra para definir a situación da pandemia sería INCERTEZA. Hai demasiadas cousas que non están claras, hai demasiadas cousas que non se saben.

Hai persoas infectadas que non presentan síntomas; non se sabe se a superación da doenza deixa inmunizado ou non, nin canto tempo dura esa posible inmunidade; hai problemas co material de protección, tanto de cantidade (falta de material) como de calidade (material defectuoso, como as máscaras que se tiveron que retirar estes días e que estaban sendo usadas incluso nas ucis)...

¿Como se vai controlar a entrada nos centros de traballo de posibles infectados asintomáticos? ¿É ético consumir epis para fabricar coches ou barcos cando os traballadores e traballadoras dos sectores que si son esenciais denuncian acotío a falta de medios de protección?

A reanudación das actividades económicas non esenciais non responde a criterios sanitarios. De feito, os expertos médicos opinan que é precipitada, que o é, como demostra que sigamos en estado de alarma.

Por tanto, A CGT SEGUE OPOà‘ÉNDOSE Á REANUDACIÓN DA ACTIVIDADE EN NAVANTIA, CON PROTOCOLO OU SEN PROTOCOLO. Non é unha cuestión de cubrir expediente, senón de que na actual situación sanitaria da sociedade entendemos que todo actividade económica non esencial implica un risco inxustificado de propagación do coronavirus, por moitos protocolos que haxa ou por moi perfectas que sexan as medidas que conteñan. ¿Por que implica tal risco? Porque unha cousa son os protocolos e outra a realidade.

1) Tanto na IA como na principal xa houbo casos de indicacións para que se reutilicen as máscaras dun día para outro, a pesar de que as prescricións de uso din que deben desbotarse ó remate de cada xornada laboral.

2) O xoves coñeceuse que estaba infectada a muller dun traballador de compañías que estaba traballando en Navantia-Ferrol, o que o cataloga como posible contaxiado. Cantos máis traballadores haxa na factoría, máis probabilidades haberá de que un infectado asintomático ou un infectado ó que aínda non lle apareceron os síntomas contaxie a outra persoa.

3) Tamén o xoves, atopouse a catro traballadores dunha compañía metidos sen epis nun espazo diminuto que violaba tódalas normas de separación física entre persoas.

E isto antes de que empece a recuperarse en serio a actividade. ¿Están os traballadores da IA en condicións de negarse a traballar, de esixir epis, etcétera? ¿Que garantías teñen de que non van sufrir represalias laborais se non fan o que quere a súa empresa? Ningunha.

A reanudación das actividades económicas nonesenciais responde ás presións da CEOE. O ano pasado, as empresas do Estado español tiveron uns beneficios de medio billón de euros. Isto significa que gañaron case 1.370 millóns de euros diarios. Por iso queren que se reanude a actividade xa. Todo o demais non lles importa.

Os beneficios son o único que lles preocupa ós empresarios, incluídos os da Industria Auxiliar de Ferrolterra, como deixa claro o seu patético comunicado de onte, no que afirman que están preocupados por se esta situación lles obriga a facer fronte a sancións. ¡Teñen unha cara que a pisan!

Se lles impoñen sancións, será porque violan a lei. E quen viola a lei comete un delicto, ou sexa, é un delincuente. ¿E os delincuentes non deben ser sancionados? ¿Ou iso só é cando un morto de fame rouba unha galiña?

É máis, os empresarios que violan os dereitos dos seus traballadores/as non só deberían ser multados, senón que se lles debería prohibir a actividade empresarial, igual que a un cargo público condenado por corrupción se lle pode prohibir presentarse ás eleccións.

Outra cousa que esta pandemia está poñendo de manifesto é a completa falsidade do discurso ideolóxico sobre a maior eficiencia da xestión privada sobre a xestión pública, como se ve nas residencias da 3ª idade ou nos hospitais privados: cando se trata de poñer a man para que a Administración lles solte subvencións, son os primeiros; cando aparecen problemas serios, piden que o Estado se faga cargo dos seus establecementos, que eles están para gañar cartos, non para gastalos.

Algúns presentan os empresarios como imprescindibles e os "benefactores" da sociedade polos postos de traballo que "crean" e as doazóns caritativas que fan. Pero se crean emprego é porque lles convén; en canto deixa de convirlles, todo o mundo á rúa. E esas doazóns non compensan non de lonxe os impostos que deixan de pagar e, en calquera caso, son unha esmola porque representan unha parte insignificante dos seus beneficios anuais de 500.000 millóns.

Os empresarios son prescindibles. Os imprescindibles somos a clase traballadora, como tamén está a poñer de manifesto a pandemia: persoal sanitario (non só médicos e enfermeiros, tamén celadores, cociñeiras, limpadoras...), persoal da recollida de lixo, caixeiras de supermercados..., persoas que realizan un traballo de valor incalculable, pero que na gran maioría dos casos teñen un contrato precario e un salario de miseria que non chega nin ós 1.000 € mensuais.

E mentres, os empresarios que xestionan eses servizos —que onte eran públicos e hoxe son privados por decisión do PP ou do PSOE— facéndose de ouro a costa do sangue, o suor e as bágoas alleas.

Sección Sindical Unitaria da CGT en Navantia-Ferrol

Post date: 2020-04-18 17:00:48
Post date GMT: 2020-04-18 16:00:48

Post modified date: 2020-04-20 17:10:59
Post modified date GMT: 2020-04-20 16:10:59

Export date: Tue Jul 16 6:34:45 2024 / +0000 GMT
This page was exported from CGT Galicia [ http://www.cgtgalicia.org/wp ]
Export of Post and Page has been powered by [ Universal Post Manager ] plugin from www.ProfProjects.com