Onte pola tarde, Navantia publicou as listas provisorias do exame teórico-práctico das tres especialidades pendentes (Asistencia á dirección, Bacharelato e Mecatrónica) da convocatoria de prazas de operarios e empregados júnior 2019.
Finalmente, Navantia excluíu a 4 persoas que nese exame sacaron a nota suficiente para obter praza (que é o que recollen as bases), pero que non obtiveron o "visto e prace" dun psicólogo contratado por Navantia para facer algunhas entrevistas persoais telemáticas (entrevista que non aparece por ningures nas bases, e que tampouco se lle fixo a tódolos candidatos). Noutras palabras: Navantia viola as bases da convocatoria.
Este nivel de nepotismo empresarial son, infelizmente, habituais no sector privado. Pero que ocorran nunha empresa pública é gravísimo. Neste senso, a CGT defendeu na permanente do comité de Ferrol a convocatoria inmediata dunha asemblea xeral para abordar co conxunto dos traballadores/as toda esta situación, proposta que lamentablemente non saíu adiante. Â
Pero non se trata só de loitar para solucionar este caso. Hai que impedir que isto volva a repetirse. Trátase de acabar con tódalas irregularidades, escurantismos e arbitrariedades que se producen nas contratacións de Navantia, e que, no caso das prazas de titulados universitarios, veñen de lonxe.
Non hai nada que inventar. Navantia é unha empresa pública. Por tanto, debe seguir os procedementos transparentes e obxectivos propios da Administración pública.
Mentres a SEPI, matriz de Navantia, convoca prazas de titulados universitarios rexidas polo principio de igualdade, mérito e capacidade, Navantia exclúe xente por motivos escuros que oculta trala escusa do secreto clínico dun psicólogo. Ou por exceso de coñecemento, como pasou nas prazas de universitarios júnior.
A CGT vai facer todo o que estea na nosa man para loitar contra esta cacicada e para que a arbitrariedade desapareza de Navantia, deixando paso a uns procesos de ingreso transparentes e nos que haxa unha igualdade de oportunidades real conforme ós principios de igualdade, mérito e capacidade, e de non discriminación entre homes e mulleres, como corresponde a unha empresa pública. Â
Sección Sindical Unitaria de CGT en Navantia-ferrol