CGT Galicia http://www.cgtgalicia.org/prazas-de-navantia-isto-xa-alcanza-niveis-surrealistas/ Export date: Thu Dec 26 16:11:35 2024 / +0000 GMT |
Prazas de Navantia: isto xa alcanza niveis surrealistasAs listas provisorias do exame teórico-práctico de 3 especialidades (Asistencia á dirección, Bacharelato e Mecatrónica) da convocatoria de prazas de operarios e empregados júnior 2019 de Navantia seguen pendentes de publicación. O motivo é a intención da empresa de excluír a 4 aprobados destas tres especialidades. A xustificación de Navantia é que un psicólogo que os entrevistou por Skype así o recomenda. Por que o psicólogo non considera aptas a esas persoas? Non se dan explicacións concretas. Alúdese simplemente a unha serie de posibles causas xenéricas como, por exemplo, a inmadureza persoal. Ou sexa, Navantia convoca prazas júnior ás que te podes presentar con 18 anos... e despois pode que non che dea a praza alegando que es inmaduro!!! Isto é surrealista. A actuación de Navantia en todo este proceso é impresentable. Está MALTRATANDO ós aspirantes, que nin se merecen nin teñen por que aturar as arbitrariedades e a falta de transparencia de Navantia, que aínda por riba é unha empresa pública, malia que non o pareza vendo como actúa a xefatura de RRHH. O último (que non derradeiro, por desgraza) exemplo témolo nas listas provisorias das 6 especialidades que si se publicaron: sen nota do exame (que determina o obter praza ou non) e desordenadas, de forma que un aspirante non puido saber cal era a súa situación relativa na lista, a canto estaba da derradeira persoa que obtiña praza, etc., informacións fundamentais de cara a unha posible reclamación. Esta mañá houbo unha reunión coa dirección de RRHH de Navantia. A postura sindical maioritaria é que, sen unha explicación que o xustifique, non se admitirá as exclusións. Para a CGT é insuficiente: non imos admitir a exclusión de ninguén porque unha entrevista persoal é un método de selección SUBXECTIVO. Isto non pasaría se CCOO, MAS e UGT, que constitúen a maioría sindical do comité de empresa, defendesen uns procesos de selección baseados exclusivamente en probas obxectivas e nos principios de igualdade, mérito e capacidade. E tampouco pasaría se a maioría sindical non lle permitise a Navantia andar cambiando as regras do xogo á súa comenencia, como pasou neste caso: a entrevista non aparece nas bases da convocatoria e, por tanto, significa violalas. Esiximos a publicación inmediata das listas provisorias sen exclusións e a continuación do proceso, a fin de que poida producirse canto antes o ingreso dos novos compañeiros e compañeiras. Sección Sindical Unitaria de CGT-Navantia |
Post date: 2020-11-18 18:43:53 Post date GMT: 2020-11-18 17:43:53 Post modified date: 2020-11-18 18:43:55 Post modified date GMT: 2020-11-18 17:43:55 |
Export date: Thu Dec 26 16:11:35 2024 / +0000 GMT This page was exported from CGT Galicia [ http://www.cgtgalicia.org/wp ] Export of Post and Page has been powered by [ Universal Post Manager ] plugin from www.ProfProjects.com |