CGT Galicia
http://www.cgtgalicia.org/o-capitalismo-e-un-depredador-que-morrera-matando/
Export date: Thu Nov 21 21:30:39 2024 / +0000 GMT

O capitalismo é un depredador que morrerá matando


...Como matando viviu, ben é certo. Pero os mortos e outros damnificados colaterais (lateral, foxo, sanguenta cuneta) producidos pola súa idolatría a Mammon eran previstos subprodutos no medre do seu organismo omnívoro, na súa carreira cara o crecemento orgánico-económico, ao xeito do Sen-Cara da película de Miyazaki, devorando a moitos no seu imparable medre para pagar con pebidas de falso ouro a uns poucos. Pero é agora que esta besta da plusvalía se ve ferida de morte, cando nos vai amosar toda a súa obscena inhumanidade, e calquera careta non ha tardar en caer na súa derradeira e brutal acometida. Non son outra cousa que asomos impúdicos dese agachado rostro os recentes rescates gobernamentais dos mesmos causantes do rebentón financieiro (só os EE.UU. lévanlles dado máis do que se gastou en toda a Segunda Guerra Mundial). Non son senón fendas imposibles de tapar esas que nacen nas pétreas faces do capital e que nos transmiten as capelas catódicas nas que o adoramos a cotío (deus Mercado, Mammon, Becerro de Ouro). Sinto arrepíos ao comprobar con que facilidade fan comungar as masas con esas rodas de muíño, a cada paso meirandes. E sei que só é o comezo ...precisamente porque é a fin. E xa non hai volta atrás, nin tempo para andarmos con rodeos. Velaquí a fin do monstro, a fin da praga. Bioloxía, mito e economía danse a man nesta apocalipse: o ciclo de praga é natural en calquera especie que dispón dun exceso de sustento tan á mán. Ese sustento é o petróleo e a praga ten o nome eufemístico de libre mercado.
As solucións que uns poucos conscientes propoñen ao cul-de-sac enerxético no que o sistema industrial, produtivista e capitalista nos ten metido, e que é coñecido polo nome paradoxal de cénit do petróleo, poderían ter algunha oportunidade de funcionar. Si, poderían, pero baixo condicionantes que semellan abondo optimistas: da noite para a mañá os que teñen o poder (de facer algo) deberían caer do cabalo cortopracista do politiquexo electoral e mais do lucro inmediato e ver a luz da realidade que, rabuda ela, contradí os seus dogmas económicos: o crecemento non é sostible, o petróleo non pode ser substituído mediante investimento, o planeta ten uns límites... Por dicírmolo en poucas palabras: que de onde non hai, non se dá sacado. Terían que dar un curso acelerado de Dinámica de Sistemas para dummies e así comprenderen que sobreconsumo, cambio climático, crise enerxética e alimentación humana están ineludiblemente interrelacionados. Deberían aprender que a economía non é un sistema illado, senón un subconxunto integrado noutro maior, a biosfera; recoñecer que non poden fuxir das leis da Termodinámica, e abrazar arrepentidos a Economía Ecolóxica (tamén chamada Bioeconomía). Admitir que esa idolatrada e curvada cruz do seu deus, a Lei da Oferta e da Demanda, lle importa un pataco á Xeofísica. Ah, e de propina, sería preciso que abandonaren o "Ou comigo ou contra min" e os seus intereses particulares, asumiren sen fariseísmos os principios de xustiza e equidade entre os países/persoas de aquí (ou sexa, o mundo rico occidental) e os/as de acolá (ou sexa, o mundo empobrecido polos primeiros), recoñecer quen debe en realidade a quen, e que cada país é dono dos seus recursos. Recoñeceren que nos tiveron enganados todo este tempo, que todo o desenvolvemento capitalista foi unha descomunal estafa (non era que chovera: era que mexaban por nós todo o tempo), o maior roubo da Historia que aínda por riba deixou un planeta estragado; que o Imperio das Barras e as Estrelas turrou de nós a toda máquina por un camiño que non tiña saída. Todo iso cun consenso a nivel mundial e para mañá mesmo, a máis tardar. ...Por que será que esta hipótese de salvación me cheira un chisco irreal?
A alternativa bastante máis probable (por simple lóxica deducida da nosa organización xeopolítica) é unha loita sen cuartel polos recursos que queden. Un Lebensraum que en realidade xa principiou en Irak, en Afganistán, no Cáucaso, en Sudán, en Bolivia... Atentos, logo, porque velaí nos están a botar o trailer da película máis probable que nos vai tocar vivir nos vindeiros anos, cuns toques adicionais de terror postpetrolífero (zombis ao asalto dos supermercados en cidades en descomposición, racismo desbocado, pelexas nas gasolineiras ...homo consumens homini lupus), e cunha cacofónica banda sonora de derrubamento do Estado do Benestar e mais das conquistas sociais e das liberdades individuais e colectivas, con contrapunto de redobres neofascistas in crescendo. Fukuyama tiña razón: chega a Fin de Historia, pero non por termos chegado ao cumio senón ao escagallamento total (Sampedro dixit).
A única maneira que terá o capitalismo de sobrevivir será mediante a rapina e a destrución desenfreada (o devir histórico está a convertir o Informe Lugano en realidade). Pero xa non poderá ser un capitalismo industrial baseado no petróleo, e menos aínda globalizado: para sobrevivir deberá mutar, encollerse, dividirse, involucionar. O que fique del será máis parecido a un modelo feudal high-tech, onde unhas minorías en cada pequeno territorio controlarán todos os recursos (enerxéticos e alimentares principalmente) por medio das armas e dos restos da tecnoloxía que dean acaparado. A explotación dará paso á dominación, onde os excluídos se tornan eliminables. Unha Nova Idade Media, unha nova era de barbarie e crueldade, con Hitler como precursor (escoitade a Carl Amery). Iso se antes, no fragor do seu delirio final e da súa descomposición corpórea, unha gadoupa do monstro non lanza un ataque nuclear contra as fauces, nunha autoagresión suicida e ecocida que acabe con todo de vez. Ou se a aceleración exponencial do cambio climático non dispara antes o chamado fusil de clatratos (descomunais depósitos de metano baixo un permafrost xa a se desconxelar) na boca da nosa especie. A evidencia xa está aí, para quen queira vela: o capitalismo hase devorar a si mesmo. O único que podemos facer é tentar que non nos leve a nós e mais o planeta por diante no proceso, elexir o noso propio camiño pola inevitable costa abaixo económica e demográfica.
Pero quen está a se espabilar máis para influir nese camiño? Nos grupiños de activistas locais que xorden polos países un chisco máis espilidos có noso, nesas vilas en transición que tentan preparar as súas comunidades para afrontaren con menor sufrimento a que vai caer, xa se detectaron elementos neofascistas infiltrados. Están a se preparar para uns tempos de oportunidades onde caian as barreiras dos dereitos e do benestar, da lei e do estado burgueses parlamentares, para tomaren o poder, ofrecendo as súas vellas receitas baseadas no medo: "O cénit do petróleo marcará o comezo dunha era de escaseza na que un partido nacionalista (sic) ben organizado pode realmente producir un impacto. (..) é unha oportunidade que se dá cada 200 anos. (...) Os partidos de extrema dereita deben prepararse para este momento de crise" (Nick Griffin, do British National Party).
No entanto, a esquerda espreguízase do seu sopor e pregunta: Que pasou? Onde estou? Que foi do meu televisor de plasma? Atópase de súpeto na encrucillada histórica de morrer dormindo ou espertar a tempo para botar fóra o tardo que lle aplasta o peito no seu sono. E esquerda transformadora pode e debe reaxir nunha catarse máis soberanista e ao tempo máis internacionalista ca nunca: porque as solucións, se aínda estamos a tempo de as tomarmos, están no local e no mundial. No local porque as comunidades deben se preparar para resistiren tempos moi duros, tempos coma non lembran nin os nosos avós, tempos de escaseza, de altísima conflitividade social, de asoballamento e de fame. É o noso deber histórico irmos construíndo, con urxencia axeitada a estes tempos excepcionais, unha estructura paralela sustentable de apoio mutuo, que rache amarras dependentes deste Estado ancorado na mitoloxía suicida dun capitalismo que afunde. Construíndo a resistencia, a resilencia, a autosuficiencia e a independencia desde abaixo, en man común. E ao tempo hai que combater no plano mundial, na loita drástica internacional contra o cambio climático, a paz e o desarme nuclear, o multilateralismo e a desmundialización (ou relocalización) económica... rachando con quen haxa que rachar (OTAN, UE... España) se seguen a se engangrenar cos mitos cornucopiáns do crecemento ilimitado, e seguen a estragar, desmantelar, deslocalizar, contaminar, prohibir, desincentivar, coutar... o que deu mantenza durante séculos ao noso país. E debemos contar con que seguerán teimudos nese camiño xenocida. Daquela haberá que defender con máis azos ca nunca o noso (futuro): os nosos recursos, o noso rural, a nosa enerxía, o noso aire, a nosa auga, as nosas sementes e especies autóctonas, o noso saber e costumes tradicionais ...única cultura sustentable. E rexeitar radicalmente os velenos do sistema: o consumo, a publicidade, o sistema financieiro, o transporte hipertrofiado, o agricultura intensiva, a alimentación industrializada ...o crecemento. Debemos abrir a nosa consciencia ao momento histórico económico e cultural que comeza, e aos dorosos sacrificios que ha requerir e que debemos asumir e defender sen dubidarmos. E xa que logo, enfocarmos a mente e as mans na cuestión política de fondo do noso tempo: deixaremos as sociedades occidentais derivaren cara a un novo nazismo antes que renunciaren ao seu sobreconsumo? (Jorge Riechmann). Abrazando a causa do decremento sustentable (a estas alturas necesariamente radical) e a soberanía alimentar-enerxética, e armándose con estratexias de comunicación de guerrilla que furen o muro hipnomediático, que saboteen o imaxinario capitalista, é a maneira en que modelos como o socialista, o libertario, o soberanista... han dispor da mellor ocasión que nunca tiveron para ofrecer as súas respostas diversas, creativas, mutuamente fértiles á Humanidade no seu conxunto e a cada un dos pobos que a formamos. Ímos perder esa oportunidade? O renacemento da utopía tórnase imprescindible. Porque non vos deixedes enganar: non é viable construírmos unha sociedade eco-sustentable, unha sociedade que teña algunha oportunidade de sobrevivir nas vindeiras décadas, sen trocarmos radicalmente as estruturas do poder e mais da propiedade. O futuro só será menos, en común e local. Ou non será en absoluto.
Coda informativa: Na actualización que fixeron os Meadows 30 anos despois do seu famoso informe para o Club de Roma "Limits to Growth", advirten: os límites do planeta xa foron traspasados; estamos nunha fase de translimitación e contra 2014 as súas consecuencias comezarán ser claramente observables. A catástrofe climática xa está en marcha: o Instituto Nacional do Xeo dos EE.UU. situou o día 16 de Setembro de 2007 como o punto de non-retorno do Ártico. O que tentaba evitar Kyoto xa o estamos a presenciar. A Axencia Internacional da Enerxía advertiu no seu informe de Novembro de 2008 dunha probable crise petroleira pola escaseza de petróleo a partir de 2010. ASPO, a maior organización científica que estuda o cénit do petróleo e o gas natural, ten calculado que este feito xeolóxico se producirá en 2010. As revisións que están a facer a raíz do comezo da recesión económica mundial, apuntan a que grazas á diminución da demanda, o pico se podería convertir nunha pequena meseta que se prolongase uns 5 anos máis. Porén, é comunmente aceptado que un pico prolongado non é desexable porque tras el, o declive da produción e o conseguinte medre dos prezos, serían máis abruptos, e as medidas paliativas do colapso socioeconómico tardarían máis en se poñer en marcha e terían un efecto moito menor.
Manuel Casal Lodeiro, 'Casdeiro'
Post date: 2008-12-08 19:16:23
Post date GMT: 2008-12-08 18:16:23

Post modified date: 2008-12-08 19:16:23
Post modified date GMT: 2008-12-08 18:16:23

Export date: Thu Nov 21 21:30:39 2024 / +0000 GMT
This page was exported from CGT Galicia [ http://www.cgtgalicia.org/wp ]
Export of Post and Page has been powered by [ Universal Post Manager ] plugin from www.ProfProjects.com