post

 

Hoxe houbo unha reunión entre Navantia e os comités de empresa de Fene e Ferrol sobre o proceso de reclamacións á lista provisoria de aprobados na primeira proba das prazas de operarios e empregados júnior 2019.  

Aparte de informar sobre a revisión das reclamacións sobre a nota ou o baremo, que está a piques de rematar, falouse das reclamacións por ser declarado "non apto" ó non acadar 28 puntos no exame teórico. 

As reclamacións alegan que as bases recollen que esa nota mínima no exame só é un requisito para poder obter puntos de baremo, pero non para acceder á segunda proba (psicotécnico). Alegan tamén que as bases recollen explicitamente que á segunda proba pasarán 3 persoas por praza, cousa que non se cumpre nas súas especialidades.  

Que propón facer con esas reclamacións a dirección de Navantia? DEIXALAS SEN RESPONDER. Con que argumento? Que non son reclamacións nin sobre a nota do exame teórico nin sobre a puntuación do baremo.  

Son reclamacións sobre as listas provisorias da primeira fase de persoas que entenden que deberían ser aptas e reclaman que se lles considere como tales nas listas definitivas. Se agora non é o momento para que reclamen, cando vai ser?  

A resposta ás reclamacións non é unha opción, é un dereito dos aspirantes.  Outras reclamacións están sendo respondidas. Navantia non pode negarse a responder algunhas. É totalmente inaceptable nunha empresa pública. A CGT considera a actitude escurantista e prepotente da empresa un auténtico escándalo que non imos aceptar. Esiximos que Navantia responda a tódalas reclamacións presentadas sen excepción.  

Todo isto é un exemplo máis da monumental chapuza deste proceso. Non se pode falar agora do "espíritu" das bases. Se as bases están mal redactadas, terán que asumilo. E as bases poñen o que poñen: os 28 puntos no exame é un requisito para obter puntos de baremo, non para poder pasar á segunda proba. Por tanto, á segunda proba deben pasar 3 persoas por praza.  

Navantia xa ten unha denuncia presentada no xulgado polo proceso de selección nas prazas de titulados universitarios júnior 2019. Actuando así, está comprando boletos para que as prazas de operarios e empregados acaben no mesmo lugar.

Sección Sindical Unitaria de CGT en Navantia-Ferrol




Comparte esta entrada ...