Todo o proceso dos novos ingresos en Navantia é un esperpento. O nivel de chapuza alcanza cotas astronómicas: proceso máis que farragoso, fallos da aplicación de inscrición, prazos dilatadísimos, proceso de reinscrición para tódolos non admitidos…
E sobre este proceso de reinscrición para as prazas de operarios- empregados de 2019 queremos falar.
O proceso consistiu nun envío, o 15 de xuño, dun correo por parte de Navantia a tódolos non admitidos dándolles unha segunda oportunidade para, antes das 15:00 h. do xoves 18, reinscribirse subsanando os erros cometidos no proceso de inscrición en setembro.
Pero ese correo do 15 de xuño tamén incluía unha nota final que dicía literalmente: "Independientemente de lo anterior, no olvide subir toda la documentación en su perfil del Portal de Empleo antes del próximo 10 de julio".
As listas definitivas de admitidos están publicadas, Navantia xa anunciou as probas para a semana que vén, aínda que non se sabe o día e hora concreta de cada especialidade (hai que ter en conta que haberá aspirantes que teñen que pedir permiso no seu traballo e/ou desprazarse desde localidades de fóra da nosa comarca)… Tarde, mal, a rastras e con tódolos defectos que se lle queiran engadir, pero polo menos parecía que a cousa empezaba a aclararse.
Pero non. Hoxe xurdiu o tema desa nota final incluída no correo do
15 de xuño sobre o requisito de subir ó perfil persoal do Portal de Emprego toda a documentación requirida por Navantia.
Ante a posibilidade de que o non subila en prazo sexa motivo de perda da opción a obter praza, a proposta sindical inicial foi: "que cada sindicato avise ós seus afiliados".
¿E os traballadores de Navantia (principal ou industria auxiliar) que non están afiliados? ¿E os que traballan noutras empresas? ¿E os estudantes? A CGT non pode estar máis en desacordo con ese enfoque clientelista porque somos un sindicato de clase, non unha xestoría laboral que só se preocupa polos seus "socios".
O comité de empresa non está ó servizo dos sindicatos que o compoñemos; está ó servizo do conxunto dos traballadores/as. Ou polo menos debería estalo.
Por este motivo, a CGT planteou a necesidade dun comunicado do comité de empresa, e cun contido determinado.
O comité enviou un correo contra as 14:40 de hoxe lembrando a necesidade de que as persoas admitidas a través do proceso de reinscrición suban ó Portal de Emprego determinada documentación.
Non compartimos o contido dese comunicado. A postura da CGT sobre este tema é a seguinte:
- XA ESTÁ BEN!!! AS PERSOAS QUE SE PRESENTAN ÁS PRAZAS MERECEN UN POUCO DE RESPECTO!!!
- NAVANTIA TOLEOU Á XENTE: fíxolle inscribirse mediante unha aplicación que fallaba por todos lados, non lle comunicou ás persoas cuxas reclamacións foron admitidas tal circunstancia e obrigounas a reinscribirse, ten toda a documentación requirida das persoas admitidas ós exames… ¿Sería tolerable, despois de tanta desfeita, que alguén quedase sen opción a praza por non cumprir unha formalidade burocrática? NON.
- Sexa no Portal de Emprego ou sexa no correo electrónico, Navantia ten copia de toda a documentación que pedía para poder ir a exame. Sería inaceptable que alguén perdese a opción a ingresar en Navantia por non subir en prazo ó Portal de Emprego un documento QUE NAVANTIA XA TEN.
- A CGT non vai aceptar exclusións por este motivo. E se chegase a habelas, faremos todo o que está nas nosas mans para que haxa unha resposta social o máis contundente posible.
Sección Sindical Unitaria da CGT en Navantia-Ferrol