A Secretaria de saúde laboral da sección sindical de CGT na empresa de telemarketing "Bosch communication center" en Vigo, Beatriz del Amo García, foi despedida o día 10 de xuño pola empresa mediante despido disciplinario.

 

 

Dende CGT entendemos que o despedimento se produce en represalia directa á actividade sindical que dita traballadora estaba a exercer na empresa.


A actividade sindical de Beatriz foise intensificando nos últimos tempos ante a inaplicación da empresa da sentencia de 4 de Marzo do Tribunal Supremo sobre pausas en pantallas de visualización de datos. Segundo esta sentencia, Bosch está a vulnerar e comprometer a saúde visual do seu cadro de persoal ao eliminar unilateralmente aquelas pausas que establecen as normativas de seguridade e hixiene no traballo no referente ao traballo fronte a pantallas de ordenador no sector do Telemarketing. Beatriz del Amo, como responsable de saúde laboral na empresa accionou os mecanismos correspondentes para restablecer a legalidade ao respecto, e avisou, días antes á empresa de que de non mudar de actitude efectuaría as correspondentes denuncias ante inspección de traballo. A resposta da empresa chegou en forma de despido disciplinario aos 15 días de entregarlle este escrito.

Dende CGT non podemos tolerar esta vulneración de dereitos fundamentais, onde se castiga a quen esixe o cumprimento de dereitos relacionados ca saúde e benestar de arredor de mil empregados en Bosch Communication Center Vigo. Porque o castigo cara a  nosa secretaria de saúde laboral non é máis que a mera tentativa de amedrentar á sección sindical de CGT en Bosch e por ende, a tod@s @s traballadores/as da empresa, cousa que este sindicato xamais vai consentir.

Quen ataca a un membro da CGT ataca a toda a CGT.

 

Comparte esta entrada ...