post

 

Os traballadores de Navantia debemos contribuír ó éxito da folga comarcal que está convocada para mañá nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, acudindo masivamente á cadea humana que unirá os concellos de Ferrol e Narón entre as 11:00 e as 13:00 h.

Coa escusa da pandemia, disparáronse os despedimentos, os peches, os recortes salariais e de dereitos, provocando un sufrimento brutal á nosa clase: os desafiuzamentos, as colas da fame, a fenda dixital ou os recortes en educación e sanidade golpean especialmente ós traballador@s máis vulnerables.

Tan só na nosa factoría, milleiros de empregos foron desmantelados nos últimos dous anos. Cando se entregue o AAOR-2 serán moitos máis. A perspectiva é moi dura. A destrución de emprego é un cancro que se estende por todo o Estado español, facendo moi difícil atopar traballo noutro lugar. Na nosa comarca, empresas coma Poligal, Noa, Cándido Hermida, Gamesa ou a central térmica das Pontes súmanse ó desastre de Navantia. A situación é similar no resto do Estado: Nissan ou Alcoa son só a expresión más avanzada dun proceso que afecta a toda a industria (automóbil, aeronáutica, electrointensiva, enerxética…) e, por tanto, ó resto dos sectores económicos.

Mentres despiden, pechan fábricas e recortan salarios e dereitos, a patronal e a banca non paran de esixir cartos públicos e de amasar beneficios. Alcoa (2.500 millóns en axudas do Estado en dúas décadas) ou o rescate multimillonario da banca son dous exemplos dun proceso sistemático e xeneralizado de parasitismo que a pandemia está a acelerar: os centos de miles de millóns de euros do escudo social anunciado polo goberno están indo a parar ós grandes capitalistas, xa sexa mediante axudas directas ou indirectas. Por exemplo, os ERTES están permitindo que as empresas non teñan que empregar os beneficios millonarios amasados ano tras ano (500.000 millóns só en 2019) en pagar salarios dos traballadores, a costa dun endebedamento do Estado que pagamos os traballadores.

Non hai cartos para implantar un subsidio de desemprego digno e indefinido para tódolos parados, pero si os hai para a banca é as grandes empresas. Isto non é inevitable. É unha decisión dos capitalistas para manter e aumentar os seus beneficios a costa da vida da clase obreira. ¡É un proceso global de ataques contra a clase obreira, sen precedentes dende os anos 30 do século pasado!

A experiencia do goberno de PSOE e Unidas Podemos está a demostrar os límites do parlamentarismo para defender os intereses dos traballadores. A loita (mobilización nas rúas, paralización da produción, folgas xerais…) é o único camiño. Hai que unificar as forzas do conxunto dos traballador@s para así poder defender os intereses da clase obreira fronte ós intereses da clase empresarial, que son absolutamente incompatibles cos nosos. A xornada de mañá ten que ser o inicio dun proceso ascendente de mobilización no que o seguinte paso sexa a convocatoria dunha folga xeral en Galiza a comezos do vindeiro ano, como preparación dunha Folga Xeral en todo o Estado para antes do verán.

¡Defendamos cada posto de traballo!

Sección Sindical Unitaria de CGT en Navantia-Ferrol




Comparte esta entrada ...