CGT Galicia
http://www.cgtgalicia.org/navantia-sobre-a-situacion-dos-novos-ingresos/
Export date: Fri Nov 22 12:39:57 2024 / +0000 GMT

Navantia: sobre a situación dos novos ingresos




Prazas universitarias júnior 2019: O luns publicouse a lista definitiva de admitidos ás probas. A empresa anunciou que se poría en contacto con esas persoas antes de mañá para informalas do día e a hora das probas. Tamén se comprometeu a que, antes de publicar a lista definitiva de aprobados, a comisión de Emprego poderá revisar calquera aspecto dos seus expedientes.

Prazas sénior 2019 (operarios, empregados e universitarios): A intención é ir avanzando, aínda que a prioridade sindical é rematar o proceso das prazas júnior. A empresa enviou onte a súa proposta para as prazas de operarios e empregados. Está pendente de análise.

Prazas de 2019 que quedaran para 2020: A proposta sindical é que se aborden conxuntamente coas prazas sénior de 2019.

Prazas de técnicos de Prevención e Medio Ambiente (júnior e sénior): A semana pasada publicáronse de novo partindo de cero, aínda que houbo que corrixir algún erro (as titulacións esixidas eran diferentes en Fene e en Ferrol). O prazo de inscrición rematará o día 19.

Prazas de operarios-empregados júnior 2019: A empresa plantexou que os exames fosen on-line; a comisión de Emprego rexeitouno. Pero a empresa segue a amosar unha actitude ambigua, así que haberá que estar vixiantes.

Así mesmo, estableceuse un proceso extraordinario de reinscrición para que os non admitidos poidan achegar a documentación que lles faltaba, inscribirse só nunha especialidade, etc. Os que xa están admitidos non teñen que facer nada. Non se permitirá a inscrición de ninguén que non se inscribise cando estivo aberto o prazo en setembro. Aínda que non se lle queira chamar así, na práctica é o período de subsanación de erros que a CGT defendeu con insistencia fronte a outros sindicatos, que, cun discurso neoliberal, esquecían tódolos problemas da aplicación informática e opinaban que a subsanación de erros sería darlles oportunidades a quen o fixera mal.

O proceso para reinscribirse é así: iniciouse este luns e rematará ás 15:00 h. de mañá, xoves 18. Se non houbo fallos, tódolos afectados deberon recibir un correo da empresa coas instrucións (indicar por correo electrónico o nome e a especialidade á que se quere optar, achegando o  título, o certificado de vida laboral e, se esta supera os 3 anos, tamén os contratos de traballo). Ademais, se lles indica que, antes do 10 de xullo, teñen que subir ó seu perfil no Portal de Emprego de Navantia toda a documentación.

Pero está volvendo a haber problemas informáticos: algúns dos correos de reinscrición están sendo rexeitados. A CGT fixo unha comprobación e o problema non era da persoa que quería reinscribirse, senón de Navantia.

É incrible que hai corenta anos, usando papel e lapis, se fixesen exames para centos e centos de persoas sen ningunha incidencia, e que hoxe en día todo sexan problemas. Evidentemente, isto non é a causa dos medios técnicos modernos, senón unha consecuencia máis da política de subcontratación, que, entre outras cousas, dificulta a intervención nuns procesos postos en mans alleas.

Navantia ten que tomar medidas para resolver o problema, como alongar prazos ou habilitar a presentación en man da documentación. Están en xogo 85 postos de traballo. Os aspirantes non se merecen tódalas voltas e reviravoltas que dou e, infelizmente, segue a dar a convocatoria destas prazas.

Seccióon Sindical Unitaria de CGT en Navantia-Ferrol

Post date: 2020-06-17 17:07:43
Post date GMT: 2020-06-17 16:07:43

Post modified date: 2020-06-17 17:08:17
Post modified date GMT: 2020-06-17 16:08:17

Export date: Fri Nov 22 12:39:57 2024 / +0000 GMT
This page was exported from CGT Galicia [ http://www.cgtgalicia.org/wp ]
Export of Post and Page has been powered by [ Universal Post Manager ] plugin from www.ProfProjects.com