post

 

Hai uns días, nunha xuntanza da permanente do comité, CCOO plantexou a posibilidade dunha convocatoria de prazas de ingreso exclusivamente para estudantes da FP dual. Segundo CCOO, "non sería bo que chegasen á oposición". Estas prazas serían a maiores das asinadas no plan de empresa.

CCOO pediunos ós demais sindicatos que valorásemos a súa proposta. A CGT así o fixo nunha asemblea de afiliadas/os. E a nosa opinión é a seguinte:

  1. A proposta de CCOO supón unha clara discriminación, e por triplicado: a) Discrimina ós traballadores de compañías, que son os que están a facer os barcos. b) Discrimina ós estudantes da FP non dual, cuxas titulacións teñen o mesmo valor académico cás da FP dual e algúns dos cales tamén fan prácticas na nosa factoría. c) Discrimina en xeral a calquera traballador que queira optar a entrar aquí.
  2. Navantia é unha empresa pública. Nas convocatorias de prazas de ingreso debe haber unha IGUALDADE DE OPORTUNIDADES REAL, non ficticia.
  3. A CGT reivindica máis plantilla da principal porque a actual é insuficiente e porque estamos en contra da subcontratación. Neste senso, celebraríamos un aumento do número de prazas de ingreso. Pero se ese aumento está vencellado á aceptación de condicións inxustas, a nosa resposta é NON.
  4. Creando expectativas que agora non pode cumprir, CCOO conseguiu afiliar á gran maioría dos estudantes da FP Dual. Pero a solución ó enguedello en que se meteu por substituír o sindicalismo polo clientelismo non pode ser unha convocatoria exclusiva para ese grupo reducido de persoas.
  5. No canto de facer propostas discriminatorias, mellor sería adicarse a corrixir as deficiencias e inxustizas da convocatoria de prazas xa en marcha, que non hai por onde collela.
  6. Recentemente houbo dúas asembleas xerais en dous días consecutivos, unha pola situación das prazas (só para a principal) e outra pola carga de traballo (conxunta). A CGT propuxo celebrar unha única asemblea con tódolos traballadores para tratar ambos temas, por entender que eran de interese para os dous colectivos. Os demais sindicatos rexeitárono. CCOO "argumentou" que convocar ós compañeiros da IA á asemblea da principal sobre as prazas discriminaría a aqueles traballadores da IA que están nos talleres da rúa. Pois se iso era discriminatorio, como cualificar a proposta que fai agora CCOO? E como cualificar que CCOO lle solicitase á empresa pases de visita para que estudantes da FP dual afiliados seus puidesen entrar na factoría para asistir á asemblea da principal? Tratar ós compañeiros da IA como traballadores de segunda ou como súbditos é máis propio do sindicalismo corporativista que do sindicalismo de clase.

Sección Sindical Unitaria de CGT en Navantia-Ferrol




Comparte esta entrada ...