post

 

As negociacións sobre os novos ingresos non avanzan. Das 563 prazas previstas para este ano, a empresa ofrece para as factorías da nosa ría só 164, o 29"13%, cando as prexubilacións de Fene-Ferrol representan o 44"58% do total de Navantia. De feito, a propia empresa contempla no POA (Plan Operativo Anual) 250 novos ingresos na ría este ano (o 44"4% do total). Ademáis, o reparto entre os diferentes grupos profesionais é moi desproporcionado: 22 operarios, 78 empregados e 64 TS. Está claro que a empresa aposta por subcontratar toda a produción, o que por outra banda non constitúe ningunha sorpresa porque leva anos dando pasos nesa dirección co silencio cómplice dos sindicatos oficiais.

A empresa argumenta que o desequilibrio obedece a que na baía de Cádiz hai necesidades maiores, pola construción das corvetas saudís. Pero isto contrasta con que, das 218 prazas que ofrece para alí, só 14 sexan de operarios (6"4%), cando os operarios representan o 48,18% dos prexubilados das tres factorías gaditanas.

Pero non se trata só de que o reparto debe ser proporcional ás saídas en cada zona. A construción das corvetas afecta tamén a outras áreas xeográficas: Motores Cartagena fabricará os motores e Turbinas Ferrol, as caixas redutoras (por certo, ¿por que non fai Turbinas tamén os eixos de cola?). Por tanto, hai que cubrir as saídas que se produzan nas dúas fábricas. Non facelo indicaría que a empresa tamén aspira a subcontratar as súas actividades.

Tamén está a cuestión dos perfís profesionais. O 10 e 11 de abril, Navantia organiza en Cádiz un encontro con aspirantes ás prazas de ingreso. Os requisitos son ter unha determinada titulación universitaria (24 posibles), nivel B2 de inglés e… ¡menos de 3 anos de experiencia laboral! Que a empresa exclúa a quen leve traballando máis de 3 anos é un indicativo de que aposta por persoas novas que, precisamente porque para labrarse un futuro necesitan adquirir experiencia, están máis dispostas a aceptar malas condicións laborais. E tamén son máis doadas de adoutrinar nesa nova "cultura laboral" que Navantia anuncia, que só consiste en que os traballadores substitúan a conciencia de clase pola conciencia de empresa, ou sexa, en tentar de inculcar a falsa idea de que os nosos intereses como traballadores son os que marca a dirección da empresa.

Respecto ós tipos de contratos, a empresa está propoñendo que todos sexan eventuais. Un dos principais argumentos que deron os sindicatos que apoiaron a sinatura do convenio/plan foi que se crearía moito emprego fixo. O día do referendo (18 de decembro), CCOO distribuíu un comunicado titulado Proposta de acordo global do plan estratéxico: unha grande oportunidade, que di o seguinte: "Plan de emprego: Entradas do 75% das saídas, como fixos de plantilla". Pero o certo é que a acta que se prevía asinar dous días máis tarde (e que efectivamente se asinou) pon unha cousa moi distinta: "A distribución xeográfica e de perfís, así como a definición dos tipos de contrato será analizada pola comisión central de emprego, incorporando ditos contratos como indefinidos de forma progresiva ó longo da execución do plan" (o subliñado é noso). É dicir, o asinado é que as entradas sexan mediante contratos precarios. Por iso non se entenden moito algunhas queixas dos sindicatos asinantes do plan ante esta proposta da empresa. ¿Que se esperaban? ¿Que lles agradecese os servizos prestados? ¿Ou é que hai tanta confianza no xefe de Persoal que non len o que asinan?

Respecto ó proceso de selección, a empresa quere que, en nome da imparcialidade, se encargue unha empresa externa. Pero unha empresa externa pagada por Navantia non é unha empresa imparcial, senón unha empresa mercenaria porque vai facer o que a dirección de Navantia lle diga. Como sempre se dixo: quen paga, manda. O proceso de selección debe contar con control sindical e basearse en criterios medibles obxectivamente, non en criterios subxectivos como a entrevista persoal, fórmula habitual para meter enchufados.

Proximamente haberá eleccións xerais e municipais. Debemos aproveitalas para plantear as nosas demandas e mobilizarnos a prol delas. Pero aínda que todo este tema dos novos ingresos é en si mesmo o suficientemente grave como para que os traballadores deamos un golpe na mesa, non é o único tema. Tamén está o retraso das F-110, especialmente relevante para os traballadores de compañías. É posible que incluso a soa ameaza de mobilizarnos seriamente fose suficiente para espabilar ó goberno e que asine a orde de execución antes das xerais.

O comité de empresa ten que saír do furado no que está metido e convocar unha asemblea xeral para informar de todo isto ós traballadores e debater as posibles medidas a tomar.

Sección Sindial Unitaria de CGT en Navantia-Ferrol




Comparte esta entrada ...