post

 

Navantia tamén ten as súas portas xiratorias, os seus transvasamentos dende postos de responsabilidade na empresa pública á empresa privada.

En 2005, o número dous de Izar dimiteu para formar a empresa que o ano seguinte comprou Izar-Sestao. Máis recentemente, en 2017, o que ata había pouco fora o director de Fene-Ferrol converteuse en director xeral dunha empresa do Grupo Daniel Alonso, propietario de Windar.

Agora temos un novo caso: un individuo que ata hai ben pouco aparecía no organigrama como adxunto á Dirección Comercial e Desenvolvemento de Negocio corporativa, vencellado á eólica mariña, e que tamén foi unha das persoas que o ano pasado non se xubilou cando cumpreu os 65 anos, fichou por Windar ós poucos días de entrar no ERE, operación grazas á cal se embolsará decenas de milleiros de euros libres de impostos en concepto de indemnización por un suposto despedimento.

¿TODO LEGAL? PODE SER. ¿ÉTICO? PARA NADA. TODO O CONTRARIO: É UNHA VERGONZA E UNHA INDECENCIA.

Para xustificar o plan, cansamos de oír (lamentablemente non só pola parte empresarial) que a situación da empresa era delicadísima, que estaba ó borde da bancarrota, que as asimilacións e outros aspectos do convenio eran unha carga económica excesiva, que o futuro de Navantia podía estar en perigo… Pero unha vez máis demóstrase que, para o que lle interesa á dirección da empresa, hai cartos dabondo. ¡Que se deixen de lerias!

E unha vez máis demóstrase tamén que hai directivos de Navantia que parasitan a empresa pública en beneficio de intereses privados. Este individuo andaba o xoves pasado revoloteando por Informática a última hora da xornada. ¿A que andaba? Con toda seguridade, na busca de información ou dalgunha comenencia para a súa nova empresa. É inexplicable que a Dirección o deixe entrar. Ou, visto o visto, quizais non tan inexplicable.

Sección Sindical Unitaria da CGT en Navantia-Ferrol




Comparte esta entrada ...