post

 

O pasado novembro, tras solicitarllo previamente á dirección da empresa e recibir como resposta boas palabras que despois non se transformaron en feitos, a CGT denunciou a Navantia ante a Inspección de Traballo pola non publicación do escalafón no primeiro trimestre de 2020, como recolle o convenio colectivo en vigor.

Esta actuación por parte de Navantia non era ningunha novidade, vénse repetindo nos últimos anos: o último escalafón anual publicado corresponde a 2016.

A nosa denuncia xa ten resposta. A Inspección de Traballo dá a razón á CGT e considera que a non publicación do escalafón por parte de Navantia supón "transgredir os dereitos recoñecidos ós traballador@s no convenio, o que constitúe unha infracción laboral procedéndose regulamentariamente".

A CGT xa se dirixiu a Navantia esixíndolle que nos comunique inmediatamente unha data máxima para a publicación do escalafón. Esperemos que non se atrevan a ignorar a resolución da Inspección.

A dirección de Navantia comete irregularidades arreo, como a CGT vén denunciando repetidamente e como ás veces logramos demostrar.

É impresentable que unha empresa pública cometa ilegalidades. O Goberno do PSOE-Podemos debe tomar medidas de inmediato para poñer freo ós reaccionarios que ostentan responsabilidades en RRHH de Navantia, cuxas arbitrariedades e ilegalidades desprestixian á esquerda ante os traballador@s.

Sección Sindical Unitaria de CGT en Navantia-Ferrol




Comparte esta entrada ...