Prazas de ingreso en Navantia: Comparecencia xudicial polo incumprimento da sentenza da excluída por exceso de madureza e coñecemento
Tralo incumprimento, por parte da dirección de Navantia, tanto da sentenza firme no caso da persoa excluída dunhas prazas por “exceso de madureza persoal e exceso de coñecemento profesional”, e tamén dun primeiro auto xudicial que lle deu á empresa de prazo ata o pasado 18 de decembro para cumprila, hoxe tivo lugar no Xulgado nº 1 do Social de Ferrol unha comparecencia xudicial.
Como sospeitabamos que ía ocorrer, un argumento central do avogado de Navantia foi o acordo argallado en decembro entre a empresa e unha parte maioritaria do comité de empresa de Navantia-Ferrol (coa oposición da CGT), para que a demandante se dispute unha praza coas 85 persoas que en 2020 completaron o proceso sen lograr ingresar.
Cinicamente, os asinantes dese acordo xustifícano en nome da “igualdade de oportunidades”, cando en realidade significa todo o contrario: obtiveran ou non obtiveran praza, as persoas todas que remataron o proceso tiveron a súa oportunidade. Quen non a tivo, e a quen hai que darlla agora porque así o dita unha sentenza do TSXG, é a quen NON a tivo: a persoa excluída ILEGALMENTE por Navantia do proceso.
Non contentos con esa acta, CCOO, MAS e desta volta tamén a CIG asinaron en xaneiro unha segunda acta na que se minte sobre os feitos, co obxectivo de aparentar que a responsabilidade polo incumprimento da sentenza é unha suposta falta de colaboración da demandante.
Moito debeu prometerlles Navantia a CCOO, MAS e CIG (ou moito lle deben eles a Navantia) para que se presten a estas corruptelas indecentes que van en contra do principio de igualdade, mérito e capacidade no acceso ó emprego público, e tamén dos principios máis básicos do sindicalismo de clase.
Con motivo desta comparecencia, a CGT realizou unha concentración de delegados de Navantia diante dos Xulgados de Ferrol.
Por uns procesos de ingreso en Navantia obxectivos, transparentes e xustos!
Sección Sindical Unitaria de CGT en Navantia-Ferrol
