post

 

Desde a CGT vemos moi preocupantemente como os casos de COVID na nosa provincia non paran de aumentar. E desde esta organización seguimos moi preocupadas pola sensación de "dallequelibras" e de "maloserá" da dirección, incumprindo os seus propios protocolos -especialmente no que se refire a distancia de seguridade-. Todo o mundo sabe que a distancia de seguridade de 1,5 metros NON se cumpre nas horas de clasificación xeral da inmensa maioría dos centros, onde a xente traballa como se nada, cóbado con cóbado, en lugares pechados e mal ventilados, a maior parte das veces coa complicidade da persoa responsable que observa sen facer nada. Todas esas persoas son hipotéticos contactos estreitos, pero Correos cruza os dedos agardando que a pura sorte, o azar -o "maloserá"- protexa a nosa saúde e a das nosas familias e fía todo erroneamente e irresponsablemente a unha única medida: a máscara, tal como se demostrou no grave caso do CTA.

Tamén nos preocupa fondamente a bochornosa falta de información que se lle está ofrecendo ao persoal. Na maioría dos centros de traballo afectados o persoal nada sabía dos positivos ou illados probables. En moitas ocasións entéranse de segundas ou cando ven o equipo a desinfectar o centro. Unha vez máis a dirección trata ao persoal como se foramos nenxs, ocultando unha información que afecta profundamente ás nosas vidas  e á nosa saúde e priorizando a producción á saúde e á seguridade. É unha vergoña e unha indignidade.

Tamén vemos retrasos inxustificados na desinfección dos centros, que moitas veces chega tarde mal e case sempre pola porte de atrás. Sobre o persoal de risco: no mes de marzo, cunha incidencia moito menor da pandemia, o persoal de risco foi enviado preventivamente a casa, ¿¿a que espera Correos para volver a levar a cabo esta medida??

Desde a CGT levamos innumerables escritos á dirección pedindo a entrega da información actualizada e completa ao persoal; propoñendo medidas como o control de temperatura no acceso; elevando 4 denuncias xa na Inspección de Traballo por incumprimento de detección de contactos estreitos e falta de distancia de seguridade…

A improvisación e a ocultación é a norma de Correos. Una ocultación e unha improvisación que están xogando coa nosa saúde de maneira grave e perigosa e esiximos á dirección de Correos que:

  • Cumpra escrupulosamente coas medidas de seguridade, especialmente a distancia interpersoal nas tarefas comúns, poñendo en marcha medidas adicionais como o control de temperatura proposto por CGT nos grandes centros.
  • Informe inmediatamente nos centros sobre calquera incidencia que poida afectar á seguridade e á saúde do persoal, incluíndo cando se íalla unha persoa por un contacto estreito.
  • Mellore a detección e sinalización de contactos estreitos nos centros, que neste momento pensamos que se está facer dunha maneira subxectiva, superficial e pouco rigorosa.
  • Mellore os prazos de desinfección dos centros.
  • Prepare inmediatamente medidas para o persoal de risco e un plan de contención ante o preocupante aumento de casos na nosa provincia, poñendo en marcha o comité COVID que xa foi esixido no mes de febreiro pola CGT.

CORREOS: XA BASTA DE XOGAR COA NOSA SAÚDE

Sección Sindical de CGT en Correos – A Coruña




Comparte esta entrada ...