A manifestación do 25 de febreiro, convocada polas Marchas da Dignidade de Galicia na Coruña, dará prioridade á defensa das Pensións Públicas e a defensa dos Servizos Públicos como esenciais para todas as persoas.
A CGT de Galicia fai un chamamento a todos os traballadores e ao pobo galego en xeral para que participe nesta mobilización en defensa daquelas conquistas que, recoñecidas polo poder tras moita loita, sufrimento e, mesmo sangue, están a ser desmanteladas e expropiadas polos explotadores e os seus fieis servidores, os políticos de garda, para traspasalas a mans privadas e para encher os seus petos.
Así mesmo, a CGT de Galicia non pode esquecer a todas as persoas que, neste momento son reprimidas utilizando a lexislación chamada "democrática" como coartada. Reclamamos que todos aqueles encarcerados e procesados por loitar polo dereito de folga, o de manifestación, o de expresión ou o de protesta sexan liberados ou os seus procesamentos anulados. Non imos admitir sen máis que compañeiras e compañeiros que están a loitar polo de todos vexan partida a súa vida por estar en primeira liña de loita contra a inxustiza.
A CGT de Galicia chama a ocupar as rúas coruñesas o próximo 25 de febreiro e convida a participar a toda a clase obreira, en activo ou desempregada, a estudantes, pensionistas, inmigrantes, ás diferentes "Mareas", aos colectivos antidesafiuzamentos e a todas as persoas que sofren o feroz ataque desenvolvido contra a maioría social co pretexto da crise-estafa.
Para a CGT de Galicia non existen tempos mortos. Por iso é necesaria a unificación de todas as loitas. O sábado, 25 de febreiro de 2017 é un momento adecuado para levalo a cabo e vaticinamos que esta mobilización será un excelente preludio para a manifestación que terá lugar en Madrid o 25 de maio.
PAN, TRABALLO E TEITO!
CONTRA O DESMANTELAMENTO DAS PENSIÓNS!
POLO PÚBLICO, PORQUE É DE TODOS!
BASTA DE REPRESIÓN SINDICAL E SOCIAL!