A CGT da Coruña, ven de facer público o seguinte manifesto:

«CONTRA A CRISE. É HORA DE PASAR Á ACCIÓN

 O 1º de Maio é unha data especialmente simbólica para a clase traballadora de todo o mundo. Con ela lembramos e recuperamos a heroica loita dos traballadores asasinados pola patronal en Chicago en demanda da xornada de oito horas, aló polo ano 1886.
Hoxe, no 2011, temos que seguir aínda con máis contundencia, porque o ataque que estamos a sufrir por parte do capital recorda o salvaxismo patronal de épocas que algúns crían xa pasadas.

 
A clase traballadora, as clases populares, os colectivos sociais máis desfavorecidos, o pobo, sufrimos en primeira liña a explotación laboral e social, o despoxo dos dereitos máis básicos, a exclusión, a precariedade, a temporalidade, a marxinación, o paro… nun sistema capitalista xestionado polos gobernos e políticos profesionais, e sostidos pola patronal, as grandes multinacionais e un sindicalismo institucional que nos vende miserablemente por catro migallas.
Están degradando e recortando todo tipo de dereitos laborais, sociais e sindicais. Hoxe hai cinco millóns de parados e os que traballamos temos que facelo máis horas para cobrar menos, temos que traballar máis anos para ter dereito a unha pensión máis pequena, obrígannos a asinar contratos en branco podendo botarnos á rúa libremente e sen indemnización, e os poucos convenios colectivos que se asinan eliminan as cláusulas que poñían freo ás falcatruadas e abusos das empresas.
Non podemos seguir aturando que a política económica e antisocial a pacten Zapatero e o seu goberno cos grandes empresarios deste país, como se fosen os donos das nosas vidas.
Os homes e mulleres da CGT  dicimos non a esta sociedade violenta e agresiva. Non a esta sociedade separadora, racista e xenófoba. Non a este sistema consumista e desarrollista que antepón os intereses privados duns poucos, as plusvalías, a competitividade, a produtividade, aos dereitos humanos e á propia vida, que acepta a sinistralidade laboral como algo natural e que utiliza ás persoas como simples mercancías.
Dicimos non a un sistema económico e social que mantén unha lexislación laboral que castiga co paro a todo o que se move en defensa dos seus dereitos, aínda dos máis básicos, que impón o medo entre os traballadores e que reprime a todo aquel que non acepta ser pisoteado por uns empresarios cada vez máis cobizosos e voraces.
Para a CGT é a hora de tomar a palabra e a hora de pasar á acción para construír unha sociedade xusta e libre. É a hora da mobilización social e laboral para que sexamos os traballadores e as traballadoras os protagonistas do noso futuro. Chegou a hora da rebelión.
  
VIVA O 1º DE MAIO!»

Manifestación, ás 12:00 horas, na Praza de Pontevedra

Comparte esta entrada ...