Coa colaboración dos gobernantes e partidos políticos, lacaios do capital máis cobizoso e coa pasividade cómplice dos sindicatos institucionalizados, a situación da clase obreira non fai máis que empeorar: máis de cinco millóns de traballadoras e traballadores están no paro (240.000 en Galicia), case dous millóns de familias teñen todos os seus membros sen traballo e están condenadas á miseria e á exclusión social, centos de milleiros están perdendo as súas vivendas, trece millóns de traballadores teñen ingresos anuais inferiores aos 12.000 euros, conxelación das pensións, posta en mans privadas e espolio do patrimonio de todos, os gobernos están recortando a educación e a sanidade públicas e prodúcese a agresión salvaxe á natureza, ao medio ambiente e á saúde das persoas.
Como solución, os políticos só teñen unha receita: hai que apertarse o cinto. Pero nese apertarse o cinto nunca pensan no deles ou no dos poderosos; sempre son os máis débiles e desprotexidos os que teñen que facer o esforzo, men-tres que os de sempre seguen gozando dos privilexios acadados co sangue e a suor do resto.
Tamén nos dicían que o cambio de goberno nos ía axudar a saír do pozo, pero xa sabemos que estes que agora están no machito non darán un só paso que non lle veña imposto polo capitalismo máis voraz, que é quen realmente ten o mando. A proba témola na nova Reforma Laboral, unha reforma que permite que os empresarios decidan eles sos canto nos van pagar, que horarios imos ter, que traballos teremos que facer e que lles permite despedirnos libremente.
A cuestión é moito máis profunda; as raíces do problema están nun sistema económico e social podre no que a maioría está dominada por unha minoría, un sistema no que o seu fundamento é a explotación dos máis polos menos, un sistema depredador e cobizoso no que a destrución dos recursos naturais é a base do crecemento eco-nómico, un sistema no que os medios de produción e consumo están en mans dos grupos de privilexiados. Por iso, calquera reforma que non ataque as raíces do problema non será máis que un parche para que este sistema de iniquidade continúe.
Para a CGT e maila CUT, só a transformación radical do sistema e a construción dunha socie-dade xusta e igualitaria é a loita que paga a pena emprender: unha sociedade sen opresores e oprimidos, sen privilexios, con xustiza social, cunha distribución xusta e equitativa do traballo e da riqueza e coa utilización racional dos recursos.
Por isto a CUT e a CGT mobilízanse e fan un chamamento aos traballadores e á sociedade en xeral para que non se deixe arrebatar as conquistas que aínda nos quedan e que manifeste na rúa que xa estamos fartos de tanto ladrón, de tanto vividor e de tanto explotador e que non nos conformamos con recoller as migallas que sobran dos seus banquetes.
A mobilización é imprescindible e soamente se é contundente podemos chegar a deter os plans do capital de roubarnos os dereitos que nos quedan. A necesidade dunha Folga Xeral é evidente, pero non unha Folga Xeral de patacón que finalice antes de comezar, non unha Folga Xeral de pacotilla convocada para saír nos periódicos, non unha Folga Xeral que non sexa máis que un paripé para xustificar unha nova traizón. Por iso, estamos pola convocatoria dunha Folga Xeral que paralice realmente o país e que non se deteña ata acadar os obxectivos marcados. Calquera convocatoria que se faga desde outras bases está abocada, premeditadamente, á derrota e a desmobilización social interesada. Por isto, compañeiras e compañeiros, chamamos á mobilización permanente ata conseguir a derrogación desta nova agresión. 

VIVA A LOITA OBREIRA!
POLA DERROGACIÓN DA REFORMA LABORAL!
CONTRA AS AGRESIÓNS DO CAPITAL, MOBILIZACIÓN E FOLGA XERAL!

Comparte esta entrada ...