A Federación Local da CGT de Vigo, convoca a tod@s á manifestación conxunta con CUT, CNT, STEG, e o Sindicato Ferroviario Intersindical , por mor da Folga Xeral do 14N.

Partiremos da Praza de Fernando O Católico  ás 11:00 da mañá, para rematar na Porta do Sol, onde se lerá un manifesto conxunto.

Asimesmo, o vindeiro luns 12 de novembre ás 12:00, haberá unha rolda de prensa onde se informará dos actos a desenvolver polos sindicatos convocantes, con motivo desta Folga.

 

A vosa participación é importante, polo que esperamos a vosa presenza.

SAUDE!

 

 

 

MANIFESTO CONXUNTO:

 

Declaración do Sindicalismo de clase e alternativo

14 NOVEMBRO: FOLGA XERAL  LABORAL, SOCIAL, POLÍTICA E DE CONSUMO  NON AO PAGO DA DÉBEDA: PLANTEMOS CARA     

Vigo, Novembro de 2012

As organizacións sindicais aquí reunidas, dirixímonos a todas as traballadoras e  traballadores, en activo ou en desemprego, estudantes, pensionistas, colectivo de desfiuciados,  persoas migrantes e integrantes dos movementos sociais para manifestar que:

Convocamos Folga Xeral laboral, social, política e de consumo, hoxe 14 de novembro, á  vez que valoramos positivamente o ámbito europeo desta convocatoria,  porque  consideramos que isto é a consecuencia dunha reiterada demanda dende o sindicalismo de clase  e alternativo -como o manifestamos expresamente na xornada estatal de loita do pasado 26 de  setembro- e ademais é un clamor xeral nas manifestacións e folgas que percorren o noso país,  os territorios do estado e os territorios veciños, nos demais países da rexión europea.

Millóns de persoas abarrotamos as rúas nos derradeiros meses, en mobilizacións de pro- testa que non teñen precedentes: desde o 15-M, a folga xeral do 29-M, a marcha mineira, as  manifestacións do 19 de xullo, as do 25-S rodeando o Congreso, a devandita xornada estatal  de loita do 26S, etc… A lista é interminable; porque vimos asistindo a unha continua perdida de  dereitos e liberdades, agravada  pola  aceleración  no deterioro das condicións de vida e de  traballo. E para elo o goberno emprega como  instrumento a débeda pública, coa finalidade de  deteriorar e privatizar todo o sistema público para conquerir un novo nicho de negocio privado.

As políticas neoliberais levadas a cabo polos gobernos do  capital  leváronnos a esta  situación  de emerxencia social.  Polo tanto, dende  o sindicalismo de clase e alternativo,  non imos propiciar o apuntalamento do sistema capitalista con medidas parciais, antes ao  contrario, pronunciámonos pola loita e a mobilización como elementos fundamentais de  transformación social, fronte ás imposicións da troika (FMI, BCE e Comisión Europea) e as  políticas dos gobernos estatal e autonómicos que, de xeonllos, as asumen e nolas impoñen.

Os sindicatos institucionais, maioritarios polo se nivel de representatividade, configuraron  nas últimas décadas un modelo sindical de concertación e pacto social que contribuíu ao  mantemento do sistema capitalista, xestando un modelo de relacións laborais e negociación  colectiva, pactado cos distintos gobernos e patronal, xestionado dende a prepotencia, e formando  parte do engranaxe da  política económica e social, baseado na perda progresiva dos dereitos  laborais e sociais en beneficio do papel da  patronal.

En resumo, contribúen ao sostemento do sistema obtendo o apoio interesado do poder. Así  propiciaron o seu crecemento exponencial e a atribución da representatividade de toda a clase  traballadora, ignorando a pluralidade real existente e outras loitas sindicais e sociais na  defensa das traballadoras e traballadores,  polo que dende esta alternativa sindical  continuamos opoñéndonos ás políticas sindicais de concertación social.

Reiteramos que o referendo non pode ser utilizado como un instrumento de  desmobilización nin moito menos para solicitar un goberno de concentración nacional. A  vontade popular está sobradamente expresada nas mobilizacións, nas rúas e no caso de Galiza,  tamén nas urnas, xa que non podemos esquecer que a nova maioría absoluta do PP na Xunta  de Galiza se sustenta no apoio, tan só,  dun 25% da sociedade galega.

Opoñémonos á suba do IVE, que de xeito especial castiga á poboación que só ten ingresos  para cubrir o consumo de alimentos básicos. Denunciamos que os cartos destinados ao rescate  do sistema financeiro se faga a costa das persoas contribuíntes, incluso por enriba do  presupostado para os servizos públicos, tal como acordaron PSOE e PP coa reforma  constitucional de setembro de 2011.

 Asistimos a unha monumental estafa, que debería ter consecuencias de enxuizamento e  cárcere dos culpables desta situación. Esiximos unha auditoría da débeda.

Dende o sindicalismo de clase e alternativo apoiamos os procesos asemblearios e as loitas  impulsadas polas plataformas cidadás que defenden valores solidarios, de oposición ao actual  sistema capitalista e de construción dun novo modelo social, político e económico ao servizo dos  intereses xerais.

Contra o medo, hai que responder coa unidade e a loita.  O  PP só responde coa  criminalización da protesta social e a represión policial. Non ten ningún argumento máis. Pero  este xeito de actuar demostra a súa debilidade,  e  a súa falta de apoio social. Por  iso  é  imprescindible, e compre, ampliar, estender, e organizar as mobilizacións.

Compre xa, propor, de forma coordinada, un calendario de mobilizacións permanentes que  tenda a unificar as diversas loitas, a recoller as propostas feitas dende os movementos de base  e asemblearios e, en definitiva, a crear condicións favorables para que dea froitos esta nova  convocatoria de Folga Xeral do 14 de Novembro, antes da aprobación dos próximos Presupostos  Xerais do Estado.

Ante o máis que probable rescate, só retrasado por intereses partidistas, e que vai supoñer  máis medidas de recortes sociais e laborais e máis perda de soberanía  popular, seguiremos  impulsando mobilizacións contundentes e masivas con todos os sectores afectados, sen medo,  PLANTANDO CARA.

Esiximos a derogación de todos os Decretos  (Reformas Laborais e recortes salariais,  privatización da sanidade, educación, servizos sociais e servizos públicos, recortes en medidas  fiscais, rescates financeiros, reformas xudiciais, dereitos vulnerados das persoas migrantes,  reformas e recentralización das Administracións Públicas…) por considerar que atentan contra  os dereitos e liberdades da clase traballadora e da sociedade no seu conxunto, beneficiando en  exclusiva aos poderes económicos. A defensa inequívoca dos servizos públicos é garantía do  mantemento dos dereitos da cidadanía.

O sindicalismo de clase e alternativo apoiamos a loita das traballadoras e traballadores  dos servizos públicos, da industria, do agro e do mar galego, das e dos estudantes e ANPAs,  etc…, así coma as últimos movementos e mobilizacións do 15-M e 25-S que amosan que amplos  sectores populares van por diante das estruturas sindicais e políticas dominantes

POR TODO ISTO O SINDICALISMO DE CLASE E ALTERNATIVO NOS POSICIONAMOS,   E  PLANTEXAMOS:    

  • Non pagar a débeda nin os seus intereses. Esiximos unha auditoría da mesma e penas de  cárcere para os culpables..
  • Noso desacordo co crecente armamentismo e reafirmámonos no NON á OTAN.
  •  Rexeitamos rotundamente as medidas represivas que, de xeito crecente, se toman contra  as-os activistas sociais e sindicais que se opoñen ás medidas do goberno.
  •  Contra a reforma laboral e contra os recortes salariais.
  • Negativa a seguir solicitando cartos para dedicalos ao sistema financeiro.
  • Defensa dos servizos e empresas públicas (así como terras públicas e outros bens). Non  ao seu deterioro nin a súa privatización.
  • Parar as Políticas Agrarias e Pesqueiras Europeas XA.
  • Persecución do fraude fiscal. Non ás amnistías.
  • Pola igualdade de dereitos das persoas migrantes.
  • Polos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres.
  • Pola laicidade do Estado.
  • Contra a exclusión social e a pobreza. Esiximos unha Renda Básica que garante  alimentos, auga, medicamentos (sanidade), libros (educación e cultura) e vivenda.
  • Dimisión do Goberno central e dos Gobernos Autonómicos, así como de calquera outro  que estea ao servizo da Troika, por ser ilexítimos, xa que as súas medidas atentan contra  os intereses xerais da poboación.
  • Construción dunha alternativa social e política, de democracia directa, que defenda os  intereses das clases populares.
  • Establecemento dun salario mínimo e dunha pensión mínima que permitan vivir  dignamente.

Chamamos  ao conxunto das traballadoras e traballadores, persoas no paro, pensionistas,  estudantes, colectivos de desfiuciados, migrantes, e pertencentes aos movementos sociais para  que continuemos loitando e organizándonos contra os recortes e o saqueo de todo o publico.

Asimesmo facemos un chamamento a todas as organizacións a seguir mobilizándonos  despois de hoxe, 14 de novembro, para darlle continuidade á Folga Xeral e para que esta  consiga os seus obxectivos.

Como berramos nas rúas en todas as manifestacións: ¡Si, se pode!, e todo xuntos, e unidos  hoxe, podemos poñer a primeira pedra na caída deste goberno para defender o presente e o  futuro da clase traballadora, do movemento estudantil, dos movementos socias, e conquerir  outro xeito de facer política.

SF-Intersindical e STEG da Confederación Intersindical – (CGT) Confederación Xeral do Traballo  -  (CUT) Central Unitaria de Traballadores/as  -  (CNT) Confederacion Nacional do Traballo   

Comparte esta entrada ...