CGT Galicia
http://www.cgtgalicia.org/manifestacion-en-solidariedade-coas-traballadoras-de-conservas-pena/
Export date: Fri Nov 22 16:53:56 2024 / +0000 GMT

Manifestación en solidariedade coas traballadoras de Conservas Peña


Compañeiros e compañeiras:

Como xa sabedes, as traballadoras de Conservas Peña están sendo ameazadas co peche do seu centro de traballo en Vilaxoán. Apenas trinta traballadoras fixas da plantilla plantan cara a poderosos inimigos: a conivencia do goberno da Xunta cos intereses económicos do capital máis reaccionario e brutal do país. Pois os actuais donos de Conservas Peña, que a compraron fai un ano e que agora queren pechala para facerse cos terreos da fábrica e saquear os fondos públicos, non son outros que o grupo inmobiliario PROMALAR

A finais do ano pasado o grupo empresarial inmobiliario PROMALAR mercou a totalidade das accións de CONSERVAS PEà‘A e das conserveiras ALFAGEME (con tres centros de traballo, en Vigo, no Grove e en Ribadumia).

Once meses máis tarde, pretenden pechar os catro centros de traballo para abrir hipoteticamente unha nova factoría no Salnés nun lugar que aínda está por decidir. O custo desta operación, valorado en 126 millóns de euros, será financiado pola Xunta con subvencións a fondo perdido (uns 80 millóns de euros) e con aval de crédito para outros 24 millóns de euros. O que falta ata os 126 millóns de euros e para cubrir as necesidades de funcionamento dos próximos tres anos, a empresa conta coa venda dos terreos que ocupan hoxe os catro centros de traballo despois de ser recalificados para uso urbanístico e non industrial.

Todo este Plan non é máis que un fraude aos traballadores e a toda a sociedade galega, pois coa aparencia dunha estratexia industrial agóchase unha operación de desvío masivo de cartos públicos para petos privados e unha agresión sen precedentes a toda nosa comarca. Este Plan impón o despido de tódalas traballadoras actuais e o desmantelamento industrial da zona coa escusa da "necesaria concentración de empresas no sector conserveiro para ser máis competitivas". Sen embargo, esta escusa é un atrópello e un engano máis, pois unha cousa é a concentración do capital e a unión de varias empresas para formar unha única e outra cousa moi distinta é pechar tres centros de traballo (pertenzan ou non á mesma empresa) coa desculpa de que se vai abrir un novo.

A CGT e as traballadoras de Conservas Peña non imos consentir o peche da Conserveira, pois as instalacións e a plantilla están en condicións de producir o que sexa necesario e, coas inversións oportunas, atender ás novas esixencias do mercado conserveiro.

Non consentiremos que os intereses especulativos e inmobiliarios de PROMALAR afundan a vida das nosas compañeiras condenándoas ó paro. Non consentiremos que o goberno da Xunta ampare, avale e conceda crédito a semellante operación, que nada ten que ver coa modernización industrial de Galicia, senón cos intereses políticos, inmobiliarios e urbanísticos máis antisociais.

Dende Vilagarcía pedimos a solidariedade de tódolos compañeiros e compañeiras da CGT de Galicia para arroupar, animar e compartir esta desigual loita de trinta compañeiras, para acudir á MANIFESTACIÓN que se vai celebrar en Vilagarcía o próximo sábado, día 1 de decembro. Sairá ás 12 horas da Praza da Ravella.

SOV - CGT Vilagarcía de Arousa.
Post date: 2007-11-25 22:50:52
Post date GMT: 2007-11-25 21:50:52

Post modified date: 2007-11-25 22:52:11
Post modified date GMT: 2007-11-25 21:52:11

Export date: Fri Nov 22 16:53:56 2024 / +0000 GMT
This page was exported from CGT Galicia [ http://www.cgtgalicia.org/wp ]
Export of Post and Page has been powered by [ Universal Post Manager ] plugin from www.ProfProjects.com