CGT Galicia
http://www.cgtgalicia.org/manifestacion-contra-as-medidas-do-goberno-espanol/
Export date: Thu Dec 26 11:20:18 2024 / +0000 GMT

Manifestación contra a Reforma Laboral


A Federación Local de Vigo da CGT fai un chamamento a todos/as os/as afiliados/as e simpatizantes para que participemos todos/as xuntos/as nesta manifestación contra  a nova Reforma Laboral , contra este cúmulo de agresións do capital e pola folga xeral.

Será este martes 29 de xuño  ás 20:00 dende A Doblada ( cruce de Urzáiz con Gregorio Espino)



O pasado 16 de xuño aprobouse, mediante Real Decreto unha nova reforma laboral que entrou en vigor, e polo tanto comezou a aplicarse ao día seguinte da súa publicación. Esta reforma supón un ataque frontal aos dereitos dos/as traballadores/as en aspectos como o abaratamento do despido e flexibilización das condicións de traballo, cun aumento da precariedade para toda a clase traballadora.

No capítulo dedicado á modificación substancial das condicións de traballo, establécense causas "obxectivas" ("probadas" razóns técnicas, organizativas ou de produción) para modificar unilateralmente a capricho das empresas aspectos como: xornada de traballo, distribución irregular da xornada e horario, réxime de traballo a quendas, salario e sistema de remuneración, sistema de traballo, rendemento e funcións, independentemente do que establezan os Convenios Colectivos.

Na mesma liña inclúese unha nova cláusula de inaplicación salarial deixando en mans dun laudo arbitral o determinar "se a aplicación do réxime salarial establecido no convenio pode danar a situación e as perspectivas da empresa ou a súa estabilidade económica". Tamén ábrense novas vías para as suspensións temporais dos contratos ou redución da xornada por causas "obxectivas" ou de forza maior.

Créase un novo "contrato de fomento da contratación indefinida", cunha indemnización por despido de 33 días por ano traballado cun máximo de 24 mensualidades. Deses 33 días, 8 serán abonados directamente dende as arcas públicas e cos cartos de todos/as (mediante o FOGASA). A contratación nesta modalidade será subvencionada con cartos públicos ás empresas en cantidades que chegan aos 1400€ ao ano e durante tres anos. Inclúense tamén bonificacións do 100% ás cotas á seguridade social para os contratos de formación, sendo estes contratos precarios fomentados mediante novas modificacións no Estatuto dos/as traballadores/as que inclúen unha ampliación de 4 anos na idade máxima na que se poden aplicar (de 21 a 25 anos).

Ábrese a veda para as axencias de colocación con fins lucrativos, o que suporía a liquidación  dos servizos públicos de emprego e a súa substitución polas empresas de traballo temporal (ETT,s) de xeito xeneralizado e cunha nova formulación de ditas "empresas".

Todas estas medidas van maquilladas cunha ínfima subida da indemnización para o despido de contrato por obra que será de 12 días a partir do 2014, e algúns retoques en temas como a igualdade.

A FL de Vigo da CGT chegou a un acordo coa CUT e outras organizacións políticas, culturais e da mocidade para tentar dar unha resposta e facerlle ver aos sindicatos institucionais que só queda un camiño, o da loita e a mobilización permanente ata a retirada desta reforma lesiva para o conxunto da clase traballadora. Unha mobilización inmediata, por dignidade, e non un mero lavado de cara dentro de tres meses, cando xa temos o pastel enriba da mesa. Por unha folga xeral que sexa ferramenta de cambio e non un mero trámite.

Participa na manifestación deste martes e infórmate no Sindicato
Post date: 2010-06-24 16:22:04
Post date GMT: 2010-06-24 15:22:04

Post modified date: 2010-06-25 20:28:28
Post modified date GMT: 2010-06-25 19:28:28

Export date: Thu Dec 26 11:20:18 2024 / +0000 GMT
This page was exported from CGT Galicia [ http://www.cgtgalicia.org/wp ]
Export of Post and Page has been powered by [ Universal Post Manager ] plugin from www.ProfProjects.com