A CGT da Coruña apoia a manifestación que se celebrará o próximo domingo, día 25, ás 12:00 e que sairá da Delegación do Goberno da Coruña.

FÓRA AUTOXENERADORES, FÓRA DEPREDACIÓN, FÓRA ENGANOS

DAS MULTINACIONAIS DA ENERXÍA

            Desde a CGT unímonos á reivindicación contra da depredación enerxética e a favor da xestión directa, social, racional e solidaria do territorio, en lugar do pelotazo e do negocio, que xa sabemos para quen será.

            Ante a necesidade de abastecernos de enerxía, a solución non pode ser encher todos os cumes de aeroxeradores, e os campos e os vales de cables, aéreos ou enterrados, que en moitos casos estragan superficie de produción de alimentos, non indo por bordos de camiños e estradas, senón ocupando moito máis espazo do que nos poida parecer a primeira vista.

            A solución, tampouco pode ser, que as eléctricas se fagan coa propiedade do territorio.

            A solución tampouco pode ser o neofeudalismo das multinacionais eléctricas, coas súas esaxeradas esixencias dos aeroxeradores e os seus poligonais, que someten todo o que quede nas súas novas fronteiras trazadas polo capital e o seu sistema de dominación: casas, veciños, granxas, todo, sometido á multinacional.

            As nosas solucións pasan por un consumo enerxético de proximidade, por reducir o consumo ao necesario para manter unha calidade de vida aceptable, sen malgastar. As nosas solucións pasan por racionalizar e concienciar para un uso responsable da enerxía.

            As nosas solucións pasan por adaptar o urbanismo á dispoñibilidade enerxética, e non urbanizar coma se a produción de enerxía non tivera as súas propias consecuencias daniñas, e pola autoorganización, tendo o control do que necesitamos para vivir, sen expropiarnos o colectivo para beneficios millonarios das cúpulas das eléctricas e os seus salarios desorbitados.

Comité Local da Coruña da CGT




Comparte esta entrada ...