Con este peche, 70 camas de atención sociosanitaria (para persoas con doenzas crónicas, terminais ou convalecentes), hoxe imprescindibles na nosa cidade para non colapsar os Hospitais públicos, perderanse definitivamente.
Un hospital feito con doazóns de ciudadáns vigueses, en terreos cedidos polo Concello de Vigo, e sendo o único das súas características sociosanitarias na cidade, queren pechalo e dedicalo a outras actividades, Vigo non pode permitilo.
A loita que durante máis de dous meses temos levado as traballadoras do Hospital para tentar de impedilo, defendendo o noso posto de traballo (70 empregos), non ten chegado para evitalo.
A presentación de 25.000 sinaturas de cidadáns de Vigo e bisbarra contra o peche do Hospital da Cruz Vermella, non ten chegado para evitalo.
As denuncias dos familiares de situacións personais dramáticas, polo traslado de doentes do Hospital e centros de fora de Vigo, ou a centros non hospitalarios, non ten chegado para evitalo.
A constancia de que o peche provoca situacións de saturación nos Hospitais públicos e a falta de camas de ingreso, non ten chegado para evitalo.
Pero entre todos, temos que evitalo, temos que lograr que a Cruz Vermella dea marcha atrás na súa decisión, temos que lograr que a Xunta de Galicia e o SERGAS, tomen cartas no asunto e non deixen pechar este Hospital, e que a atención sanitaria en Vigo non perda recursos sanitarios hoxe insustituibeis.