A dirección de CCOO impuxo dende hai anos unha estratexia de desmobilización e paz social, que se converteu no mellor regalo posible para as patronais e os gobernos. Esta deriva dereitista supuxo a aceptación de recortes salariais e de dereitos, de dobres escalas nos convenios, a sinatura de EREs para despedir traballadores, de contrarreformas nas pensións e da elevación da idade de xubilación.
A situación chegou ó extremo de que un individuo como José María Fidalgo, estreitamente vencellado ó Partido Popular, fose secretario xeral ou de que recoñecidos dirixentes de CCOO estean implicados no escándalo de corrupción das tarxetas black e teñan que ingresar na cadea. Esta política implicou tamén o despedimento de traballadores do sindicato aplicando a reforma laboral do PP, sentenzas xudiciais condenatorias por violación de dereitos fundamentais dos mesmos ou a participación de CCOO en xestoras de fondos de pensións privados e outros tinglados financeiros.
Milleiros de afiliados/as e delegados/as, entre os que se atopa GañemosCCOO, enfrontámonos a esta deriva cara á dereita, defendendo a combatividade, democracia e asemblearismo que foron sinais de identidade das Comisións Obreiras históricas, polas que numerosos traballadores sufriron despedimento, cadea, tortura e incluso a morte.
A resposta permanente da dirección ós que dentro de CCOO mantemos o sindicalismo de clase foi a máis completa marxinación, cando non as expulsións. En paralelo, a vida interna de CCOO baleirouse de contido, participación e debate democrático.
Esta situación reprodúcese tamén na dirección da sección sindical de Navantia-Ferrol: aceptación do modelo de empresa baseado na subcontratación masiva, ausencia de asembleas, ocultación da información (texto do convenio, intereses dos atrasos das asimilacións, propostas da empresa para o convenio único…), tratamento ós compañeiros das auxiliares como se fosen traballadores de segunda, actuacións como correveidile da empresa (IV Convenio, colocación do bloque do BAM, fiscalidade dos atrasos das asimilacións…), postura reaccionaria ante a venda de bombas á ditadura saudí, declaracións de confianza no xefe de Persoal…, chegando incluso á colaboración activa coa patronal contra os traballadores na folga de compañías de hai un ano. Pouco queda hoxe das Comisións Obreiras históricas da Bazán de Ferrol.
Estas son as razóns que nos levan a tomar unha decisión transcendente: FORMAR A SECCIÓN SINDICAL DA CGT (CONFEDERACIÓN XERAL DO TRABALLO) EN NAVANTIA-FERROL, que se presentará ás eleccións sindicais de 2019 para impulsar tamén dende o comité o sindicalismo combativo, de clase e asembleario que esixe a situación.
E falamos de sección sindical "en" Navantia (e non "de" Navantia) porque a CGT terá unha SECCIÓN SINDICAL UNITARIA para toda a factoría, principal e compañías, porque un dos seus fundamentos é ese principio básico do movemento obreiro chamado SOLIDARIEDADE, tan esquecido polo comité actual. Neste senso, a principal debería participar mañá na saída á rúa das auxiliares, o que implica que o comité de empresa convoque unha asemblea xeral para que os traballadores se pronuncien. En todo caso,
CHAMAMOS ÓS TRABALLADORES DE NAVANTIA A PARTICIPAR EN TÓDALAS MOBILIZACIÓNS DAS COMPAà‘ÍAS. ¡A UNIÓN FAI A FORZA!
Invitamos a tódolos traballadores/as, tanto da principal como das compañías, a sumarse a este novo proxecto e construír xuntos un gran sindicato que non debe favores, libre de ataduras, só comprometido cun sindicalismo que defende intransixentemente os intereses da clase obreira e baseado na toma das decisións polas asembleas.