O martes 15 de xullo, os traballadores e traballadoras da empresa Atento, filial de Movistar ata finais de 2012, están chamadas a un paro de 24 horas en todo o estado para amosar o seu rexeitamento mais enérxico ao ERE presentado pola empresa, que pretende despedir a mais de 800 traballadores e traballadoras, 49 deles na Coruña. Coincidindo coa xornada de folga, a CGT ten convocado unha manifestación a partir das 12:00 horas que sairá desde Atento, na rúa de Juan Florez 80- 82.
O ERE encóntrase en proceso de negociación e ata hoxe se celebraron tres reunións nas que a empresa trata de xustificar o despedimento argumentando falsas causas económicas, productivas e organizativas. A CGT denuncia que Atento xera beneficios e que a carga de traballo é cada vez maior nos últimos meses, ao tempo que responsabiliza a Movistar de precarizar cada vez mais as condicións laborais e destruir emprego estable a través de empresas como Atento ou Extel. Lembramos que o plantel de ambas contratas leva realizando mobilizacións desde xaneiro, reclamando o cesamento das presións, abusos, ameazas e despedimentos inxustos e arbitrarios, todo isto froito das directrices que marca Telefónica.
Preto das tres cuartas partes do traballo que xera Atento no estado español é de atención ao cliente de Movistar, quen pretende ofrecer un valor engadido aos seus clientes -proximidade xeográfica e calidade nos seus servizos de atención- a costa de explotar aos seus traballadores e traballadoras, en maior medida aos subcontratados/as, que deben soportar ataques contra a súa saude e continuos e inxustificados despedimentos. Ata o de agora, a deslocalización dos servizos de Movistar (a Latinoamérica e Marrocos) provocaba precariedade e destrucción de emprego no estado español. Para a CGT é inconcebible que a anunciada volta á atención telefónica desde os centros de traballo no estado español siga a producir despedimentos e recortes laborais; a única explicación encóntrase na avaricia empresarial de Movistar e mailas súas contratas, que buscan aínda maior beneficio a costa dos dereitos laborais dos seus traballadores e traballadoras.
Mais información: Blog da Sección Sindical da CGT en Atento na Coruña