Os traballadores subcontratados por Movistar están chamados a un paro de 24 horas, o próximo mércores, día 30 de setembro
A CGT convoca de novo un paro de 24 horas na empresa de telemarketing Extel, situada en Matogrande, na Coruña e chama aos seus máis de mil traballadores a unha nova xornada de loita en defensa das súas condicións laborais.
Así mesmo, ese día, farase unha concentración ás 12:00 diante de Adecco (dono da empresa Extel), na rúa Rafael Dieste, 1, esquina coa Avda de Monelos.
Desde a adquisición de Canle + por parte de Movistar, os traballadores que atenden os seus servizos viron incrementada a carga de traballo e a presión á que están sometidos, empeorando aínda máis as condicións ás que son sometidos. Unha alta porcentaxe da plantilla está de baixa por tensión ou ansiedade, moitos traballadores deciden abandonar a empresa porque non poden máis.
A situación no centro de Extel na Coruña é insustentable: sancións desorbitadas de ata 47 días de emprego e soldo, por non tentar vender aos clientes que chaman ao 1004, presión desmedida, berros por parte dos superiores, imposibilidade de conciliar a vida laboral e familiar, modificacións substanciais, salarios conxelados e nulo diálogo co Comité de Empresa.
Sección Sindical da CGT en Extel-A Coruña