CGT Galicia
http://www.cgtgalicia.org/ferrol-un-laudo-arbitral-anula-o-voto-delegado-inventado-por-ccoo-en-navantia/
Export date: Sun Nov 24 1:55:44 2024 / +0000 GMT

[Ferrol] Un laudo arbitral anula o "voto delegado" inventado por CCOO en Navantia




CGT, CIG, MAS e UGT de Navantia fixeron público o seguinte comunicado conxunto:

O pasado 16 de xullo ven de emitirse o Laudo Arbitral que resolve a impugnación presentada ante a Autoridade Laboral (Oficiña Pública de Rexistro) polos sindicatos CIG, CGT, Mas e UGT contra a decisión da Mesa Electoral Central de habilitar, atendendo unha petición de CCOO, un procedemento de voto baixo o nome de "voto delegado".

O Laudo, na súa fundamentación xurídica afirma textualmente que:

  • A cuestión que se somete a arbitraxe é a de determinar a validez do procedemento de voto delegado.
  • O procedemento do voto delegado foise perfilando nos días seguintes á aceptación da solicitude, tal como consta nas actas nº 5, 6 e 7 da Mesa Electoral Central.
  • Non consta, máis ben parece que o contrario, que os traballadores que tiñan a condición de electores tiveran suficiente coñecemento deste medio de votación e dos requisitos que debería cumprir para exercer o voto delegado.
  • O exercicio do voto delegado non se contempla na regulación legal da materia electoral.
  • En todo caso a forma en que se levou a cabo o voto delegado non tivo garantías suficientes, nin publicidade, nin consenso, nin información ós traballadores.
  • Que o proceso de elección de representantes dos traballadores na empresa está rexido por normas de procedemento subtraídas á vontade das partes xa que non é unha institución de "dereito privado" senón de Dereito Público. É obvio por tanto, que non está no poder de disposición das partes intervintes no proceso, alterar a súa regulación legal.

Por todo elo, dicta Laudo polo que acorda: ESTIMAR a impugnación presentada, RESOLVENDO anular a resolución que establece o sistema de "voto delegado" e os actos posteriores derivados.

O laudo é claro e rotundo, recoñece como válidos todos e cada un dos argumentos expresados polos sindicatos que impugnamos e anula o procedemento do voto delegado.

Expresamos pois a nosa satisfacción, conscientes de que si non tivéramos actuado, podería terse perpetrado un fraude electoral pola alteración ilegal das normas de votación e pola falla de garantías que este sistema de votación conten, tal e como o propio Laudo recoñece.

Finalmente, foi a nosa presión a que freou esta iniciativa ilegal, foi a nosa presión a que forzou a modificar sobre a marcha este sistema de votación, foi a nosa presión a que impediu que os votos delegados contaminaran o proceso electoral.

Para os sindicatos asinantes, nada hai mais importante que a vontade dos traballadores e traballadoras expresada có seu voto, ese é o motivo de ter presentada esta impugnación que como o Laudo demostra é xusta, razoable e legal.

Post date: 2019-07-19 12:37:28
Post date GMT: 2019-07-19 11:37:28

Post modified date: 2019-07-19 12:37:28
Post modified date GMT: 2019-07-19 11:37:28

Export date: Sun Nov 24 1:55:44 2024 / +0000 GMT
This page was exported from CGT Galicia [ http://www.cgtgalicia.org/wp ]
Export of Post and Page has been powered by [ Universal Post Manager ] plugin from www.ProfProjects.com