Pasadas as 12:30 saía a manifestación convocada pola CGT, a CUT, o Sindicato da Elevación e diversos colectivos sociais para rememorar o Primeiro de Maio, reafirmar a pertenza á clase obreira e berrar reivindicacións e consignas de hoxendía.
Preto de 1000 persoas percorreron as rúas da Coruña, entre a Praza de Pontevedra e o Campo da Leña, botanto berros contra o capitalismo, a explotación, a represión e as reformas laborais e reivindicando condicións de traballo, salarios, pensións dignas e o fin doo saqueo e desmantelamento dos sevizos públicos esenciais.
No Campo da Leña, no remate da manifestación, leuse un comunicado que se pode ver completo máis abaixo. A continuación deuse micrófono libre nos que os colectivos presentes deron a coñecer as súas reivindicacións.
Rematadas as alocucións, abreuse o tempo para as actuacións musicais (Pandereteir@s da Comuna, el rap de El Cos, Juan Piños, Folkólikos, Praia Desmaio, Feral Booting e outros) e para a degustación dun xantar vegano a precios populares.
Comité Local da CGT da Coruña
MANIFESTO DO PRIMEIRO DE MAIO
Salarios de miseria, condicións de traballo de escravitude, contratos mínimos a tempo parcial, horarios estendidos sen cobrar, convenios incumpridos, formación en seguridade falseada ou inexistente, desemprego sen protección, lexislación que reforza as prerrogativas do patrón… esa é a situación para a meirande parte da clase obreira. Explotación e dor por todas partes, mentres os chamados poderes públicos, cómplices e servís co poder económico, miran cara outro lado ou, o que é peor, dan carta de natureza e lexislan para recortar os poucos dereitos laborais que nos quedan e os converten en simbólicos ou son meras coartadas para seguir afondando na submisión absoluta dos traballadores e traballadoras.
Conscientes de que o pobo non vai aturar esta situación por moito tempo, os poderes políticos xa están prevendo a reacción social a través da súa arma máis poderosa: o medo. Se non é suficiente o medo a perder o traballo, eles aplican a represión selectiva. Así, temos o caso dos 27 de Barcelona, os casos dos rapeiros, os dos titiriteiros, o caso dos sindicalistas de Logroño, o caso dos xoves de Alsasua, o caso do fotógrafo Boro, os casos que supoñen a recuperación dos delitos de blasfemia, os casos disfrazados de delitos de odio, e centos de compañeiras e compañeiros máis que sufriron ou están a sufrir a acción represiva destes gobernantes infames, cómplices do saqueo da riqueza socialmente creada.
Non lles é suficiente estar chuchando durante anos das ubres do Estado, senón que aplican unha política de saqueo permanente da riqueza común, colaborando co capitalismo máis voraz en canto este ve perigar os seus petos: primeiro foi o rescate da banca con cartos de todos, que nunca han devolver, agora son unhas autoestradas que nunca fixeron falla e que se rescatan sen rubor porque dan perdas. Non podemos esquecer o permanente deterioro da Seguridade Social, entregada en gran parte aos grandes grupos sanitarios privados, nin o sistema público de pensións, intentando convencer ao pobo de que os plans de pensións privados son a solución para uns recortes que son froito de decisións políticas xestadas nos despachos dos poderosos. O mesmo podemos dicir do ensino público, que se deixa podrecer mentres se subvenciona con partidas millonarias aos centros de ensino privado.
Ante todo este cúmulo de canalladas, a clase obreira non ten máis que unha solución: o enfrontamento directo coa situación e con aqueles que a están provocando. A explotación, a dor que se espalla nos nosos fogares, a iniquidade, debe ser combatida nunha mobilización permanente que reverta a situación actual. Non é tempo de covardías nin son horas de quedarse agardando a que outros nos veñan a solucionar os nosos problemas. A loita é o único camiño. Eles o queren, que así sexa.
VIVA O PRIMEIRO DE MAIO!
VIVA A CLASE OBREIRA!