Hoxe a CGT da Coruña fixo unha concentración diante da Delegación do Goberno para denunciar a represión sindical e social que se está a producir en todo o territorio español. A partir das 13:00 horas, unhas 30 persoas xuntáronse para protestar cunha pancarta alusiva. A continuación, entregaron un escrito da Delegación que dicía o seguinte:
Sr. Delegado do Goberno en Galicia
A CoruñaQueremos trasladarlle e, a través de vostede, ao Goberno que representa, o noso máis absoluto rexeitamento e indignación polas súas políticas de permanentes recortes de dereitos e liberdades á cidadanía, que están a empobrecer de xeito dramático á maioría da sociedade, xerando situacións de extrema necesidade que non estamos dispostos a consentir.
O incremento da represión policial e xudicial que están vostedes levando a cabo contra as persoas máis coherentes e activas da clase traballadora e dos movementos sociais, supón que no 2014 haxa máis de corenta procesos penais abertos contra manifestantes e folguistas, aos que se lles pide dende as fiscalías máis de cento corenta anos de cárcere e infinidade de multas económicas inasumibles, todo iso sen probar a súa implicación nin culpabilidade.
Estamos ante unha escalada da represión arbitraria, aleatoria, indiscriminada, inxustificada e xeneralizada por todos os cantos do estado español. Unha represión que se exerce dende a máis absoluta impunidade, que recorre a vellas técnicas de réximes políticos autoritarios e fascistas, con policías encapuchados entre os manifestantes que exercen de provocadores e cuxo único fin é amedrentar a poboación e amordazala para rematar coa disidencia, a discrepancia e a protesta sindical e social.
Isto acontece nunha paisaxe enchida de corrupción empresarial, institucional e política cuxa persecución e condenas non gardan ningunha proporcionalidade coas que se exercen contra persoas inocentes que o único que fan é exercer o seu dereito á protesta, de forma pacífica.
Son moitos miles de persoas as que están a ser identificadas, reprimidas, represaliadas, castigadas, procesadas, multadas, vexadas, extorsionadas, encarceradas e maltratadas…. dende que comezou a resposta sindical e social a esta crise-estafa, dende as Folgas Xerais pasadas, ata as Marchas do 22 M e todas as Concentracións e Manifestacións que lexitimamente se fóron realizando.
A gravidade da represión que exerce o goberno ao que vostede representa non está a pasar desapercibida para o resto de Europa, para as Nacións Unidas, nin tampouco para organizacións como Amnistía Internacional, que enviaron informes que poñen de manifesto que no estado español se están a acernar dereitos e liberdades democráticas como o de liberdade de expresión e de reunión, de manifestación, de folga, etc…
Este goberno, dun réxime que se está a esborrallar, corrompido, desacreditado, inxusto, elitista, afastado da realidade, desautorizado pola maioría social, está a recorrer á violencia e á represión para escravizarnos, para defenderse dun pobo que reclama os seus dereitos.
Esta e outras organizacións non estamos dispostos a calar, a permanecer de brazos cruzados mentres nos despiden, róubannos, estáfannos, desafiúzannos, déixannos na indixencia, sen servizos públicos nin liberdades. Somos moitos xa os que estamos a defender a xustiza social, a democracia directa, o apoio mutuo, a liberdade con maiúsculas.
Non descansaremos ata conseguir a liberación, o sobresemento, a absolución, a excarceración, etc.. de todas as nosas compañeiras e compañeiros inxustamente represaliados.
Traslade esta mensaxe a quen corresponda. Nós farémosllo chegar dende a rúa, porque a loita é o único camiño que nos deixan.
A Coruña, 30 de setembro de 2014
Comité Local da CGT da Coruña