post

 

De non amañarse, desembocarán nunha folga indefinida na unidade

O 100% da plantilla da Unidade de Reparto 3 da Coruña concentrouse hoxe na porta da súa unidade, sita na rúa Entrepeñas número 43 do barrio da Agra do Orzán. Esta foi a primeira da concentracións, que durarán toda toda a semana, e que (en caso de non haber acordo coa dirección) desembocarán nunha folga indefinida a partir da semana que ven. Así mesmo o persoal comezará a tomar contacto con diferentes asociacións das zonas afectadas polo recorte, para informarlles da perda da calidade no servizo postal que suporá a posta en marcha do mesmo.
Lembremos que o motivo de estas concentracións é o anuncio de Correos de recortar postos de traballo de reparto nos distritos 10 e 11 da Coruña, que comprende zonas como Agra do Orzán, Labañou, Cidade Escolar, Visma, Ventorrillo, A silva ou Cidade Xardín, entre outras.
O persoal entende que o recorte presentado por Correos na devandita unidade é desproporcionado, pois as pretensións de Correos son quitar 6 postos de traballo de reparto a pé, (dos 24 que existen nestes momentos) e deixar algunhas desas sen percorrido estable (o que internamente lle chaman "flotantes"), así como non cubrir as ausencias que se produzan. O persoal alerta que estas modificacións farán empeorar a calidade do servizo e imposibilitará cumprir co servizo coa calidade que ten dereito a cidadanía, pois o persoal será insuficiente para cumprir co reparto diario.
O persoal do centro elaborou a seguinte táboa reivindicativa:
– Demandamos que se manteña o número actual de postos de traballo existentes na nosa unidade, 24 seccións de reparto a pe e 4 motorizados (1 furgoneta e 3 motocicletas), e que se cubran con persoal fixo.
– Demandamos que todas as persoas da unidade teñan unha zona de reparto estable. Coñecer a nosa zona de reparto é a maneira de prestar un mellor servizo a toda a veciñanza, e vemos tamén que inestabilidade xera peores condicións laborais.
– Demandamos que Correos se comprometa a cubrir as ausencias de persoal (baixas, vacacións, permisos), así como as seccións que proximamente quedarán vacantes por xubilación ou traslado.
– Demandamos que a empresa evite que as persoas que neste momento prestan o servizo nesta unidade teñan que ser desprazadas forzosamente.

As mobilizacións contan co respaldo da CGT, así como de CCOO, CIG, CSIF, UGT e SL.

Comparte esta entrada ...