CGT Galicia
http://www.cgtgalicia.org/concentracion-contra-a-represion-a-cgt-en-correos/
Export date: Tue Jul 16 13:45:45 2024 / +0000 GMT

Concentración contra a represión á CGT en Correos


Logo CGT Correos buzonO venres, día 5 de abril, ás 9,30 horas, a CGT convoca unha concentración diante da Oficina Principal de Correos na Coruña en contra da represión que se está a producir aos afiliados e simpatizantes do sindicato.

Os compañeiros e compañeiras da CGT en Correos na Coruña, levan moito tempo denunciando os continuos ataques que o servizo público postal está a sufrir por parte da dirección da SAE Correos. Nos últimos anos, Correos suprimiu 9.000 postos de traballo, argumentando unha suposta baixada do tráfico postal do 30 %, aínda que só foi capaz de xustificar un descenso do 7%. Pero a eliminación de postos de traballo é do 21%, claramente desproporcionada, sen ter en conta outras variables como a distancia,o número de vivendas, …

Agora, os traballadores e traballadoras postais da Coruña se atopan directamente ameazados pola perda de postos de traballo que a empresa tenta por en marcha a partir do vindeiro 15 de abril. A CGT xa ten manifestado a súa oposición a esta intención de suprimir 9 postos de traballo que afectará á UR2 de Os Mallos, denunciando tamén que esta merma se produce sen información e consulta previa aos traballadores e traballadoras. Ademais, rexeita a aplicación da mobilidade xeográfica recollida no Convenio, que levará á reubicación de dúas persoas en Arteixo. A CGT rexeitou hai xa dous anos a asinar un texto que amparaba estes ataques aos dereitos laborais, logo estendidos pola reforma laboral e o decreto 20/2012.

A CGT segue a denunciar que estes ataques conlevan un empeoramento do servizo, especialmente gravoso en seccións duns distritos que xa estaban sobrecargadas. A redución de persoal provoca que cada vez sexa máis habitual que os empregados de Correos non poidan cumprir regularmente co establecido na "Lei do servizo postal universal, dos dereitos dos usuarios e do mercado postal". Dende a CGT facemos un chamado á cidadanía para que reclame os seus dereitos, atacados tamén por estas medidas, especialmente o dereito ao libre acceso ás comunicacións que, constitucionalmente, deben ser garantidas polo Estado en todo o seu territorio en igualdade de condicións. Ao tempo, Chronoexprés, empresa do grupo Correos, notificou o pasado 5 de marzo a apertura dun ERE, que afectará presumiblemente a 150 traballadores en todo o Estado.

Fronte ao deterioro do servizo, Correos fai recaer a responsabilidade sobre os propios empregados, recorrendo á represión, en forma de sancións e despedimentos, e tratando de amedrentar e silenciar o malestar do persoal. Pero se topou coa firme defensa do servizo público por parte da CGT, que se ten convertido no principal obxectivo da represión en Correos nos últimos tempos, sendo sancionados 9 dos seus delegados incluíndo a súa Secretaria Xeral, o Secretario de Saúde Laboral e o Secretario de Acción Social, aos que se suman numerosos expedientes a afiliados e afiliadas á CGT en todo o estado. Como teñen recoñecido diferentes resolución xudiciais, tras denuncia da CGT, Correos discrimina á nosa organización, excluíndoa de Comisións Negociadoras e negando o dereito a recibir información que si reciben o resto de organizacións sindicais representativas. Outro exemplo destas prácticas antisindicais, na provincia da Coruña, foi o precintado do local sindical da CGT do Centro Tratamento Automatizado de Lavacolla. Estes gravísimos ataques serán xulgados nun xuízo penal por agresión aos dereitos sindicais o vindeiro luns 0 8 de abril.
A CGT considera estas condutas represivas de Correos como un ataque a toda a Confederación, razón pola que se convoca a todos os traballadores e traballadoras a participar nas concentracións que teñen sido convocadas en distintas cidades de todo o estado no marco dunha Xornada de Loita, o vindeiro día 5 de abril, coincidindo co segundo aniversario do lesivo Convenio en vigor na SAE, para respostar ás agresións coas armas da clase obreira: a Solidariedade e o Apoio Mutuo.

Sección Sindical da CGT en Correos - A Coruña

Post date: 2013-04-03 17:25:24
Post date GMT: 2013-04-03 16:25:24

Post modified date: 2013-04-04 07:56:53
Post modified date GMT: 2013-04-04 06:56:53

Export date: Tue Jul 16 13:45:45 2024 / +0000 GMT
This page was exported from CGT Galicia [ http://www.cgtgalicia.org/wp ]
Export of Post and Page has been powered by [ Universal Post Manager ] plugin from www.ProfProjects.com