Compostela, manifestación en solidariedade cos traballadores de FerroAtlántica.
Nesta gran mobilización sindical galega berramos xuntos:
Non á segregación das hidroléctricas!
Non á agresión aos dereitos e futuro dos traballadores!
Os traballadores de Ferroatlántica e a comarca enteira da Costa da Morte están a sufrir unha grave agresión nos seus intereses e dereitos como consecuencia do intento da empresa de proceder á segregación das presas hidroeléctricas da propia empresa metalúrxica en Cee-Dumbría e, acto seguido, desfacerse dos complexos hidroeléctricos, instalados nos ríos Xallas (Dumbría) e Grande do Porto (Vimianzo).
A historia desta empresa iníciase precisamente co aproveitamento eléctrico do río Xallas e, por tanto, este representa a razón de ser e xustificación, política e legal, da aceptación polos veciños das expropiacións necesarias no seu momento para os Saltos, como a asunción do deterioro agropecuario e ambiental, non só dos terreos alagados, senón tamén dos lindeiros. A comunidade veciñal de Cee-Dumbría e o conxunto da clase traballadora que se incorporou ás fábricas e empresas auxiliares coñecen moi ben que a presenza das fábricas na Costa da Morte está ligada de modo necesario e indisoluble aos saltos hidroeléctricos, que durante os últimos case 100 anos veñen fornecéndolle da electricidade necesaria. Baseándose nese mesmo convencemento, Ferroatlántica dispón dunha concesión por 99 anos para a explotación hidroeléctrica de ambos os ríos.
Agora mesmo, Ferroatlántica, que en 2015 anunciou a súa fusión coa multinacional estadounidense Globe Speciality Metals (GSM), está en mans do empresario Juan Miguel Villar Mir, cuxo nome figura como protagonista esencial en todos aqueles casos de corrupción política e empresarial que desde uns anos para acó converteron o país nun lameiro fedorento.
Por estas razóns diversos grupos, colectivos e entidades da comarca, así como o Comité de Empresa de Ferroatlántica Cee-Dumbría e numerosos Comités das empresas auxiliares, expoñen a necesidade de celebrar en Santiago, o 8 de xullo, unha gran manifestación que evite o intento da Empresa de segregar e desvincular as presas hidroeléctricas da propia empresa metalúrxica, sen outra garantía para os postos de traballo e a propia supervivencia da fábrica na Costa da Morte que fume, promesas e a fraude habitual: anunciar como un feito e acto de vontade o que se decidiu de antemán non cumprir.