O DÍA 14, PAREMOS O PAÍS, PAREMOS AOS MALFEITORES

A CGT convoca, o próximo 14 de novembro, en coincidencia co resto de centrais sindicais, un Paro Xeral de 24 horas para protestar pola política antiobreira e antisocial do goberno e esixir a derrogación das medidas de reforma laboral e dos recortes de dereitos en todos os eidos. Esta protesta coincidirá tamén coas mobilizacións na maior parte de países europeos, así como con folgas xerais en Portugal, Italia, Grecia, Chipre e Malta.

Para a CGT, a situación que están pasando as clases populares, ante a indiferenza do poder, é intolerable. Case seis millóns de persoas sen traballo, preto de dous millóns de familias con todos no paro, máis de 500 familias que perden a súa vivenda cada día, un 20% da poboación en risco de exclusión e 8 millóns de nenos por baixo do albor de pobreza. Se a isto lle engadimos os recortes en educación, sanidade e dereitos laborais, teremos una fotografía arrepiante que hai que atallar.

A CGT considera que non podemos permanecer impasibles ante esta situación e, por iso, convoca a toda a poboación a que participe no paro e nas mobilizacións previstas. O día 14 de novembro debemos paralizar a produción e os servizos para facer ver a este fato de malfeitores que non poden actuar impunemente e que non nos importan as súas presuntas lexitimidades electorais se as utilizan en contra do seu propio pobo e como coartada para impoñer un sistema escravizador e corrupto.

A CGT fai un chamamento aos traballadores con emprego, que son os protagonistas imprescindibles no paro xeral, pero tamén fai un chamamento á participación dos parados, pensionistas e estudantes nas mobilizacións, manifestacións e piquetes que se fagan ese día; tamén convoca a estes colectivos e á poboación en xeral a que o paro teña unha incidencia no consumo, evitando que a maquinaria capitalista siga funcionando como se non fose con ela.

A CGT sabe que, nestes momentos de agresividade capitalista e empresarial, coa colaboración cómplice do goberno, non é suficiente un paro dun día para frealos. Somos conscientes de que acabar con este sistema corrupto, inxusto e depredador é unha tarefa dura e difícil, pero tamén sabemos que non o conseguiremos con lamentacións, resignación e covardía. Será necesaria a mobilización constante, máis días de folga, e quizás haberá que formular folgas de maior duración e dureza. Sabemos tamén que a reacción do poder será violenta e represora, pero non por iso debemos desmoralizarnos; ao contrario, estas mobilizacións teñen que ter como horizonte a consecución dunha sociedade máis xusta e igualitaria, na que estean desterradas a explotación, a corrupción, a destrución depredadora dos recursos naturais, e na que o pobo poda ter unha vida digna, unha vida merecente de ser vivida con plenitude.

CONTRA AS POLÍTICAS ANTOSOCIAIS E ANTIOBREIRAS DO GOBERNO!
VIVA A LOITA DOS TRABALLADORES!
O 14 DE NOVEMBRO, FOLGA XERAL!
NON TRABALLES, NON CONSUMAS!

CGT da Coruña

Comparte esta entrada ...