O pasado 18 de marzo tivo lugar, en Alfageme-Vigo, unha reunión da Empresa Bernardo Alfageme SA cos Comités de Empresa dos catro centros de traballo (Vigo, Conservas Peña-Vilaxoán, Marsac-O Grove e Alfageme-Ribadumia) máis algúns representantes das centrais sindicais implicadas (CGT, CIG, UGT e CC.OO). Teoricamente a reunión estaba convocada para falar da repentina paralización do traballo nos catro centros dende o luns, 16 de marzo, por "falta de liquidez" da empresa, xa que, segundo a dirección, nin tiña fondos para mercar materia prima nin stock almacenado nas instalacións propias. Por outra banda, os rumores que circulaban polas fábricas (todos ca mesma orixe e procedencia: a empresa) confirmaban que o Director Xeral mantiña a esa mesma hora diversos encontros con algúns bancos e co goberno saínte da Xunta para lograr un novo aval do IGAPE (organismo da Consellería de Economía da Xunta) por valor de 6 millóns de euros.
Xa ninguén se asombra de que as vacas voen, nin tampouco de que un Conselleiro da Xunta saínte firme, das dez da mañá para as once, un aval bancario por ¡1.000 millóns das antigas pesetas! a unha empresa en dificultades tan repentinas. Tan repentinas que, catro meses antes, visitara a Empresa o Vicepresidente da Xunta, Sr. Quintana, e a Conselleira da Vivenda, Sra. Taboas, para firmar un Convenio de colaboración entre Bernardo Alfageme SA e a Xunta polo que a Consellería de Vivenda "se compromete a iniciar las actuaciones necesarias para declarar como ‘proyecto empresarial singular" la expansión del ente, lo que en palabras del vicepresidente del Ejecutivo autonómico, Anxo Quintana, supone ‘tejer complicidades" entre la Administración y las empresas para potenciar la ‘economía productiva». (Europa Press, 10.11.2008).
Cando a CGT decidiu acudir á reunión en Vigo do día 16, xa sabía que estaba anunciada no Concello de Vigo unha xuntanza da Xerencia Municipal de Urbanismo, para acordar definitivamente a modalidade de "recalificación" dos terreos de Alfageme en Bouzas. PROMALAR (a empresa inmobiliaria propietaria de Alfageme) pretendía evitar a catalogación da parcela de 14.000 metros cadrados como "chan urbano non consolidado" xa que tal decisión obriga a Promalar a ceder o 10% de aproveitamento urbanístico, a reservar o 23% da edificabilidade residencial para vivenda protexida (67 de 290) e a ceder 2.000 metros cadrados para equipamento cultural.
¿Sabíano o resto dos sindicatos? Evidentemente. Non so o sabían senón que en diversas ocasións (a última o 10 de xaneiro) UGT e CIG xa tiñan firmado coa empresa acordos que "vinculaban o traslado da fábrica e o manteñemento do empleo á reclasificación do solar fabril, chan industrial, como chan urbano consolidado". As burocracias sindicais de UGT e CIG non dubidaron en xogar con centos de postos de traballo e coa dignidade de centos de traballadoras e traballadores, para que a empresa Promalar fixese un grandísimo negocio ca especulación inmobiliaria, nunca operación típica das mafias do ladrillo.
Nada máis comezar a reunión en Vigo, xa todos os presentes estabamos de volta e media sobre o que ía suceder. A Empresa e os representantes de CIG, UGT e CC.OO dedicáronse a falar de calquera cousa, excepto -¡iso nin mentalo!- do que realmente interesaba ós traballadores e traballadoras dos catro centros de traballo. É dicir, o famoso Plan Estratéxico empresarial contra o que a CGT e as traballadoras de Vilaxoan vimos loitando dende fai dous anos. Temos feito contra ese Plan decenas de denuncias á Inspección de Traballo, a tódalas Consellerías da Xunta implicadas, ó Igape, ó Concello de Vilagarcía e ante os medios de comunicación. Tamén fixemos concentracións fronte a fábrica e na praza de Galicia de Vilagarcía e manifestacións en Vilagarcía… e todo, con un só obxectivo, para denunciar que ese Plan Estratéxico de Promalar non era ningún Plan para a Conserva, senón un Plan inmobiliario sobre os solares actuais das fábricas, que poñía en risco máis de trescentos postos de traballo e ameazaba co peche de, ó menos, dous dos catro centros de traballo.
A CGT foi a única central sindical que, na reunión de Vigo, denunciou estes feitos.
Polo contra, as intervencións da Empresa confirmaron que tiña a intención de pechar tres dos catro centros de traballo, pois xa tiñan superadas as circunstancias de "falta de liquidez" e confiaban nunha resolución favorable da Xerencia de Urbanismo do Concello de Vigo. As intervencións que seguiron a da Empresa foron as dos representantes de CIG e UGT, para confirmar que estaban con Promalar para o que fose necesario. Xa tiñan vendido a todas as traballadoras e traballadores de Vigo, pois todos aqueles que queiran manter seu posto de traballo quedan obrigados a desprazarse a Vilaxoán (Vilagarcía), o seu ‘novo" centro de traballo. Pero no so teñen condenada a morte a Fábrica de Vigo, tamén tratan de vender ás traballadoras de Vilaxoán, coa metade do persoal fixo-discontinuo, e, por suposto, ás traballadoras de O Grove e Ribadumia, ás que ameazan co peche dos seus centros de traballo.
Ó saír da asemblea, decenas de traballadoras de Vigo xuntáronse á entrada da Fábrica e pedíronlle á representación da CGT que informase do ocorrido na reunión. A CGT informou cabalmente: Alfageme ía vender a Promalar (isto é, a sí mesmos) o solar de Vigo, previa recalificación de chan industrial a chan urbano; peche da fábrica de Vigo e traslado de quen quixer manter o posto de traballo a Vilaxoán, en condicións aínda descoñecidas (por nós, aínda que os que os venderon seguramente xa as coñecen); procurar o peche de dúas (O Grove e Ribadumia) das tres fábricas do Salnés, para concentrar nas instalacións de Conservas Peña-Vilaxoán toda a actividade productiva.
A indignación das traballadoras de Vigo foi tan grande coma a indignidade dos membros da UGT e CIG que quixeron calar a CGT, acusándoa de facer unha asemblea nun centro de traballo alleo a súa representación. A contestación foi inmediata, as dúas delegadas de CGT no Comité de Empresa de Bernardo Alfageme, polo centro de traballo de Conservas Peña-Vilaxoán, continuaron informando ós traballadores e traballadoras presentes.
NOTA FINAL: Na reunión do venres, 20 de marzo, a Xerencia Municipal de Urbanismo do Concello de Vigo, negou a PROMALAR súas pretensións en relación a clasificación da súa parcela en Vigo, considerándoa como "suelo urbano no consolidado".
CGT – Pontevedra e Vilagarcía