Comunicado de prensa da CGT de Arousa – Perante a decisión da Xunta de Galicia de declarar deserto o procedemento de adxudicación e venta das fábricas de Ribadumia, Vilaxoán e a Marca "Miau" de Conservas "Bernardo Alfagme, S.A." e, polo tanto, a súa negativa a apoiar un proxecto industrial para reactivar a actividade conserveira na comarca de Arousa e propiciar a recuperación dos postos de traballo que hoxe penden dun fío pola irresponsable actuación dos axentes intervintes nesta última fase do proceso (IGAPE, Conselleiro de Economía e Industria…), esta Central Sindical quere chamar a atención sobre algúns aspectos que, sorprendentemente, se teñen aceptado por casí todos como bos para xustificar ise máis que sospeitoso acordo.

Así, non estaría mal que lembraramos que o ponto de referencia para avaliar o resultado da decisión da Xunta ten que ser o das condicións que ela mesma se fixou na Resolución do IGAPE de 11.09.2012, publicada no DOG de 13.09.2012, e na mesma figuran dous apartados claramente diferenciados: para antes e para despois da adxudicación:

1.- No seu apartado primeiro (Procedemento de Selección), establécense unha serie de requisitos sobre a solvencia técnica e económica da empresa que opte á adxudicación, así como dos da oferta económica que presente.

A partires de aí, o IGAPE tiña que seleccionar a mellor oferta, textualmente "Á vista das ofertas presentadas, o Igape seleccionará aquela que cumpra os criterios de solvencia mínimos e presente a mellor oferta económica".

Atá aquí, a única oferta que se coñece públicamente, a do Consorcio, parece cumplir escrupulosamente ises requisito, de feito a Xunta, polos argumentos que dá públicamente, nada obxecta ao respecto.

Pois ben, tería que ter adxudicado xa ises bens e non o fixo, a razón, ao noso entender, podería ser a que levamos denunciando dende que se coñece a decisión de non facelo, e que non é outra que a de ceder, presuntamente, ás máis que probables presións das conserveiras galegas para evitar a competencia doutra empresa.

2.- No apartado segundo, transcrito literalmente, se dí "compromisos mínimos que se propoñerán ao adxudicatario final que opte por solicitar o inexercicio das accións de regreso derivadas do aboamento dos avais prestados polo Igape, é dicer, primeiro se adxudica e despois, se a empresa adxudicataria pretende o inexercicio das accións de regreso, se lle propoñerán outra serie de requisitos. E é respecto ás condicións deste segundo apartado ao que, parece ser e polo que coñecemos públicamente, se agarra a Xunta para xustificar o inxustificable: non ter adxudicado xa os bens e apoiado o proxecto industrial.

Proba de que isas condicións deberían cumplirse a posteriori da adxudicación, e só aos efectos de solicitar o inexercicio das accións de regreso, é que nas ofertas, polo menos na única oferta que se coñece públicamente, a do Consorcio, figuran as condicións mínimas, baste como exemplo a presentada na mesma respecto ás obrigas para con os traballadores e traballadoras que hai tempo que xa se teñen superado cos acordos acadados coa representación dos mesmos, pero non figuran as concrecións das necesarias, unha vez feita a adxudicación, para solicitar o inexercicio das accións de regreso.

Así as cousas, temos que reafirmarnos en que, cando xa todo parecía encamiñado para resolverse con ben, a Xunta de Galicia, por intereses espúrios, inconfesables e inconfesados, novamente bloquea a saída a tan inxusto conflicto. O Conselleiro de Economía e Industria, escusándose en informes técnicos e/ou xurídicos, toma a peor das decisións posibles, négase a adxudicación á mellor oferta de compra das dúas fábricas (que non é outra que a presentada polo Grupo Consorcio, que contempla un Plan de actividade industrial), coa esperanza de que o Xulgado do Mercantil saque a subasta os edificios, restos de maquinaria e marcas comerciais (Miau) e poidan ser adquiridos por especuladores para outros fins distintos ao da conserva, utilizando novamente o proceso xudicial para exculparse das súas proprias responsabilidades.

¡Esiximos, que se explique por qué ás fábricas non están a funcionar e as traballadoras no seu posto de traballo, cando hai unha empresa disposta a reiniciar a actividade industrial dende hai máis dun ano!

A CGT non tolerará esta fraude millonaria nen permitirá que remate con éxito esta intriga, seguramente delictiva. A CGT non acepta que tan indignante decisión -arroxar ao paro a 150 traballadoras máis e evitar o funcionamento de dúas fábricas conserveiras na Arousa- poida culminarse con éxito. E, moito menos, vaise resignar a CGT á que os responsables poidan sair impunes de semellante atentado á clase traballadora. Seguiremos insistindo para que se depuren as responsabilidades de orden penal que se poidan derivar das actuacións, públicas e privadas, levadas, e que se están a levar a cabo, en todo este sospeitoso proceso.

En Vilagarcía de Arousa a 17 de novembro de 2012
CGT Arousa

Comparte esta entrada ...