O venres, día 5 de abril, ás 9,30 horas, a CGT convoca unha concentración diante da Oficina Principal de Correos na Coruña en contra da represión que se está a producir aos afiliados e simpatizantes do sindicato.
Os compañeiros e compañeiras da CGT en Correos na Coruña, levan moito tempo denunciando os continuos ataques que o servizo público postal está a sufrir por parte da dirección da SAE Correos. Nos últimos anos, Correos suprimiu 9.000 postos de traballo, argumentando unha suposta baixada do tráfico postal do 30 %, aínda que só foi capaz de xustificar un descenso do 7%. Pero a eliminación de postos de traballo é do 21%, claramente desproporcionada, sen ter en conta outras variables como a distancia,o número de vivendas, …
Agora, os traballadores e traballadoras postais da Coruña se atopan directamente ameazados pola perda de postos de traballo que a empresa tenta por en marcha a partir do vindeiro 15 de abril. A CGT xa ten manifestado a súa oposición a esta intención de suprimir 9 postos de traballo que afectará á UR2 de Os Mallos, denunciando tamén que esta merma se produce sen información e consulta previa aos traballadores e traballadoras. Ademais, rexeita a aplicación da mobilidade xeográfica recollida no Convenio, que levará á reubicación de dúas persoas en Arteixo. A CGT rexeitou hai xa dous anos a asinar un texto que amparaba estes ataques aos dereitos laborais, logo estendidos pola reforma laboral e o decreto 20/2012. Read More