post

ANTES DESTRUIRON O MONTE, AGORA O QUEIMAN POLÍTICA FORESTAL Ó SERVIZO DO CAPITAL: DEVASTACIÓN AMBIENTAL

 

Agora, tal como aconteceu o ano pasado e viña sucedendo en todos os anteriores, os incendios forestais carbonizan decenas de miles de hectáreas de bosque galego. Decenas de montes están ardendo. Miles xa arderan, nos derradeiros 20 anos, a unha media de 25.000 hectáreas anuais.
Desde que o capitalismo máis voraz se fixo dono do monte galego, coincidindo coa instalación de consorcios madeireiros e taboleiros en distintos lugares de Galicia, fixéronse desaparecer do noso bosque as súas árbores propias para ser substituídos masivamente por outras especies máis "rendibles", sobre todo eucalipto e piñeiro. Read More

 

A CGT de Galicia fai un chamamento para participar na manifestación das Marchas da Dignidade do día 27 de maio en Madrid

As Marchas da Dignidade, das que forma parte a CGT, volven a Madrid o día 27 de maio. Unha vez máis, encheremos as rúas de Madrid para manifestar o noso rexeitamento da situación actual, para reclamar a derrogación da Reforma Laboral, para pedir a liberdade de todos os condenados por protestar e o sobreseemento dos procesados e sancionados, para reclamar rendas suficientes, para esixir traballos dignos en condicións dignas, para volver berrar PAN, TRABALLO, TEITO E DIGNIDADE.

As Marchas de Galicia conseguiron negociar que haxa tren a Madrid. Está prevista a saída ás 07:50 horas da Coruña, pasando por Compostela (saída 08:20) e Ourense, de onde sairá ás 09:00 horas, con chegada ás 14:00 horas a Chamartín e volverá á noitiña, con saída de Chamartín ás 22:00 horas. Para os compañeiros de Ferrol, Lugo, Pontevedra e Vigo haberá autobuses que os achegarán ás estacións do tren.

Para que isto sexa posible é imprescindible encher os trens e hai que facelo antes do día 20. Hai que pagar todas as prazas, se ocupen ou non, polo que levar o tren medio baleiro sería inviable.

Consideramos que é unha oportunidade única para levar a Madrid os problemas dos sectores e das empresas, onde nos encontraremos con compañeir@s do resto de España, tanto da CGT como doutros movementos.

Para anotarse, están hábiles os teléfonos seguintes:

  • Zona A Coruña, Ferrol, Lugo e Compostela (Santi – 654 629 190, Ángel-696 903 890)
  • Zona Vigo (Costoya  661 402 997 )
  • Zona Pontevedra (MIguel 627791 645)

Os afiliados da CGT, nos locais do sindicato.

O DÍA 27, TOD@S A MADRID!

UNIFICANDO LOITAS!

PAN, TRABALLO, TEITO, DIGNIDADE E IGUALDADE!

 

post

A CGT, por petición de En Marea, reúnese conxuntamente co resto dos sindicatos para ser informados da súa proposta de moción de censura

En Marea anuncia a intención de levar a cabo unha moción de censura contra o executivo do Partido Popular tras os últimos acontecementos relacionados coa corrupción política e xudicial

Tras a petición de reunión de En Marea, a Confederación Xeral do Traballo de Galicia (CGT) acudiu na tarde de hoxe ao Auditorio de Galicia para ser informada da proposta de moción de censura que están a promover contra o goberno de Mariano Rajoy.

CGT agradece a deferencia e escoita con atención as explicacións que xustifican esta iniciativa política pero, á vez, pon de manifesto que a forza transformadora da sociedade está na loita da xente e non no parlamentarismo. CGT considera que non se pode abandonar a mobilización porque é a única garantía para transformar o modelo social e recuperar as conquistas que nos foron arrebatadas nos últimos anos.

Do mesmo xeito, CGT expuxo a nosas reivindicacións máis importantes nestes momentos, como a necesaria e urxente derrogación das dúas últimas reformas laborais (PSOE e PP), a derrogación das leis "mordazas", a garantía dun Sistema Público de Pensións,  a defensa dos Servizos Públicos e do Común como dereitos esenciais das persoas, a anulación dos procesos penais e administrativos de todas as persoas represaliadas por exercer o dereito á protesta e, por suposto, a recuperación do poder adquisitivo da Clase Traballadora.

Por outra banda, é evidente e totalmente noxenta a trama de corrupción que estableceu o partido gobernante actual, polo que esperamos que a maioría social reaccione coa mobilización na rúa para botalos, o que non desculpa os episodios de corrupción de gobernos anteriores, de gobernos autonómicos e municipais igualmente noxentos e delituosos.

Calquera iniciativa que vaia na dirección de botalos non será rexeitada pola CGT, só que cremos que é a resposta da sociedade no seu conxunto, coa mobilización colectiva, a que debe ser o motor do saneamento que se pretende e que CGT entende como urxente e necesario.

A reunión transcorreu con parámetros de cordialidade e respecto mutuo.

Compostela, 02 de maio de 2017

 

post

O «enterro de Correos» en Compostela

O día 24 as seccións de CGT de Correos da Zona 1 protestarán polo que consideran «O enterro de Correos«. Estades convidad@s ao velorio que se levará a cabo ás 12:00 na Praza Vermella, ás 13:00 na Praza do Toural e rematando ás 13:45 diante da dirección da Zona 1, na rúa do Franco, 4.

Esixirase mellor servizo postal no rural, a cobertura de todas as prazas, o fin da precariedade e un sistema de contratación transparente.

Agardamos representantes de León, Asturies, A Coruña, Ourense e Pontevedra, nunha primeira acción que pretende coordinarse con outras en todo o Estado.

ACUDE A TENTAR REVIVIR O SERVIZO POSTAL, PÚBLICO E DIGNO!!

Seccións Sindicais da CGT de Correos

 

post

Folga de 24 horas no sector de telemárquetin

O venres 17 de marzo, os 90.000 teleoperadores e teleoperadoras de todo o estado están chamados a unha nova xornada de folga en protesta pola falta de avances na negociación do convenio colectivo que regula o sector de contact center (telemárquetin) e que leva máis de dous anos en proceso de negociación.

Para a CGT é imprescindible a eliminación do artigo 17 do devandito convenio pola súa flagrante ilegalidade, a incorporación da subrogación obrigatoria dos traballadores no cambio de empresa contratista contemplado no artigo 18 e unha recuperación do poder adquisitivo perdido tanto mediante unha subida salarial digna, como mediante a extensión das xornadas a tempo completo, que a día de hoxe xa son sumamente excepcionais nas novas contratacións do sector.

Con motivo desta mobilización, a CGT ten convocadas os seguintes actos:

  • Pontevedra: concentración de solidariedade ante a oficina principal de Movistar, entre as 19:30 e as 20:15, na rúa Rosalía de Castro, 6.
  • Vigo: concetración ante a empresa Unisono (rúa Gran Vía, 114), entre as 11:00 e as 13:00 horas.
  • A Coruña: performance-representación no Obelisco, ás 12:00 horas.

CGT de Galicia

 

 

post

A CGT de Galicia apoia a Marcha do persoal precario das Administracións Públicas

A CGT de Galicia apoia a Marcha do persoal precario das Administracións Públicas que terá lugar o xoves, 16 de marzo en Compostela, por canto esa mobilización ten como obxectivo declarado denunciar unha situación de inxustiza o paro e a precariedade laboral, vivamente sentida por toda a afiliación da CGT.

A loita contra o paro, a precariedade e a explotación laboral representan reivindicacións principais que definen a acción sindical e social da CGT, aprobada reiteradamente nos seus Congresos e desenvolvida nas mobilizacións sostidas desde sempre por esta organización, incluídas varias Folgas Xerais.

A loita contra o paro, a precariedade e a explotación laboral compromete a toda a clase traballadora e, en particular, a toda a afiliación e militancia da CGT, independentemente da modalidade ou contido do seu contrato laboral ou da súa situación de emprego. Tanto o "paro" como a "precariedade laboral" ou a "explotación laboral" son danos e violencias que e implican a todos os traballadores, sexa como realidade inminente, sexa como ameaza omnipresente.

Neste aspecto, dita loita non pode, nin debe sectorializarse, segregarse ou illarse, sexa simbólica ou realmente, da loita común cotiá en defensa  dos intereses da clase traballadora e esta sectorialización compromete a eficacia da mobilización emprendida.

Por iso, o chamamento da CGT non se fai exclusivamente aos traballadores precarios da Administración Pública, nin sequera a todos os traballadores do devandito sector, senón a todos aqueles traballadores que poidan acudir a unha mobilización que a todos implica.

A Coruña, 14 de marzo de 2017

CGT de Galicia

 

post

A CXT de Galicia chama a tomar as rúas da Coruña o 25F en defensa das pensións e dos servizos públicos

A manifestación do 25 de febreiro, convocada polas Marchas da Dignidade de Galicia na Coruña, dará prioridade á defensa das Pensións Públicas e a defensa dos Servizos Públicos como esenciais para todas as persoas.

 

A CGT de Galicia fai un chamamento a todos os traballadores e ao pobo galego en xeral para que participe nesta mobilización en defensa daquelas conquistas que, recoñecidas polo poder tras moita loita, sufrimento e, mesmo sangue, están a ser desmanteladas e expropiadas polos explotadores e os seus fieis servidores, os políticos de garda, para traspasalas a mans privadas e para encher os seus petos.

Así mesmo, a CGT de Galicia non pode esquecer a todas as persoas que, neste momento son reprimidas utilizando a lexislación chamada "democrática" como coartada. Reclamamos que todos aqueles encarcerados e procesados por loitar polo dereito de folga, o de manifestación, o de expresión ou o de protesta sexan liberados ou os seus procesamentos anulados. Non imos admitir sen máis que compañeiras e compañeiros que están a loitar polo de todos vexan partida a súa vida por estar en primeira liña de loita contra a inxustiza.

 

A CGT de Galicia chama a ocupar as rúas coruñesas o próximo 25 de febreiro e convida a participar a toda a clase obreira, en activo ou desempregada, a estudantes, pensionistas, inmigrantes, ás diferentes "Mareas", aos colectivos antidesafiuzamentos e a todas as persoas que sofren o feroz ataque desenvolvido contra a maioría social co pretexto da crise-estafa.

 

Para a CGT de Galicia non existen tempos mortos. Por iso é necesaria a unificación de todas as loitas. O sábado, 25 de febreiro de 2017 é un momento adecuado para levalo a cabo e vaticinamos que esta mobilización será un excelente preludio para a manifestación que terá lugar en Madrid o 25 de maio.

 

PAN, TRABALLO E TEITO!

CONTRA O DESMANTELAMENTO DAS PENSIÓNS!

POLO PÚBLICO, PORQUE É DE TODOS!

BASTA DE REPRESIÓN SINDICAL E SOCIAL!

 

post

CGT Confederal

A CGT oponse á instrumentalización dos axentes sociais do réxime con mobilizacións espectáculo para volver asinar un Pacto Social e outro novo Pacto de Toledo.

Os sindicatos do Pacto Social continuo, escondidos durante estes longos anos de crise-estafa, volven querer «ser necesitados» pola patronal e os partidos gobernantes, para tentar chamar a atención e que lles fagan un pouco de caso.

Tentárono en novembro pasado, con dous chamamentos á «mobilización», para «presionar» aos seus interlocutores, goberno por unha banda, na mesa do Pacto Social onde se discute o marco de relacións laborais e as pensións e, por outro, á patronal CEOE, coa que pretenden establecer referencias de incrementos salariais para a negociación colectiva. Read More

 

post

RENFE e ADIF planean o peche da venda de billetes en 7 cidades galegas

RENFE e ADIF planean o peche da venda de billetes en 7 cidades galegas

Cando o Sector Ferroviario de CGT-Galiza, tivo coñecemento das intencións das empresas RENFE-Viaxeiros e ADIF de deixar de dar servizo de venda de billetes nas estacións galegas onde esta función está sendo feita por persoal de Circulación (Guillarei, Ribadavia, Sarria, O Carballiño, A Rúa e O Barco), puxemos en marcha unha campaña de denuncia ante os medios de comunicación, Concellos, veciños, Grupos políticos e Xunta de Galiza, informando das intencións empresariais e requirindo  dos veciños e de todas as institucións a defensa dos servizos de venda de billetes nestas estacións ferroviarias intermedias.

Esta campaña está a dar os seus primeiros resultados e Concellos como o de A Rúa e Sarria xa comezaron a mobilizarse contra os recortes dos servizos ferroviarios, concentrándose os veciños destas vilas e facendo unha viaxe reivindicativa dende A Rúa ata O Barco, onde participaron preto de 500 veciñ@s. https://goo.gl/ZjTNj6. Read More

 

post

Segunda Marcha Laranxa de Unipost. Imos a Pontevedra

Segunda Marcha Laranxa de Unipost. Imos a Pontevedra

Venres 3 de Febreiro, ás 19:30, celebrarase a segunda marcha laranxa en Galicia, concretamente na cidade de Pontevedra ( saída do hospital provincial na rúa Loureiro Crespo n.º2).

Aínda que a través da vía xurídica CGT estea a denunciar a falta de pagamentos e inxustizas aos que nos vemos sometidos os traballadores de Unipost, cremos imprescindible seguir facendo público o conflito continuando coas mobilizacións e concentracións e así facer un chamamento á solidariedade do pobo traballador e demostrar á dirección de Unipost que este persoal non é submiso nin pasivo.

O obxectivo é loitar a través da acción sindical e unión dos seus traballadores contra as devanditas inxustizas, polo que desde CGT chamamos á asistencia á marcha de todo o persoal de Unipost Galicia.

Non é momento de escusarse nin acomodarse, é o momento de loitar por un emprego digno tanto para nós como para o dos nosos fillos.

A unión dos traballadores pode facer posible que esta situación se reverta, polo que se pide a todos que acudades o venres día 3 de febreiro a Pontevedra a loitar polos nosos dereitos.

Saúde

CGT Unipost Galicia