post

Navantia: a Folla da CGT nº 29

Ven de saír este novo número da Folla, que se centra en pedir mobilizacións para reclamar carga de traballo. Informa, á vez, das asembleas que se produciron na factoría de Cádiz, segue a voltas cos novos ingresos e coa FP Dual e remata posicionándose sobre o teletraballo en Navantia.

Para ler ou descargar a Folla, só hai que picar nas ligazóns de embaixo.

Sección Sindical Unitaria da CGT en Navantia-Ferrol

 

post

Novos ingresos en Navantia…Basta xa de coñas!

Todo o proceso dos novos ingresos en Navantia é un esperpento. O nivel de chapuza alcanza cotas astronómicas: proceso máis que farragoso, fallos da aplicación de inscrición, prazos dilatadísimos, proceso de reinscrición para tódolos non admitidos…

E sobre este proceso de reinscrición para as prazas de operarios- empregados de 2019 queremos falar.

O proceso consistiu nun envío, o 15 de xuño, dun correo por parte de Navantia a tódolos non admitidos dándolles unha segunda oportunidade para, antes das 15:00 h. do xoves 18, reinscribirse subsanando os erros cometidos no proceso de inscrición en setembro.

Pero ese correo do 15 de xuño tamén incluía unha nota final que dicía literalmente: "Independientemente de lo anterior, no olvide subir toda la documentación en su perfil del Portal de Empleo antes del próximo 10 de julio".

As listas definitivas de admitidos están publicadas, Navantia xa anunciou as probas para a semana que vén, aínda que non se sabe o día e hora concreta de cada especialidade (hai que ter en conta que haberá aspirantes que teñen que pedir permiso no seu traballo e/ou desprazarse desde localidades de fóra da nosa comarca)… Tarde, mal, a rastras e con tódolos defectos que se lle queiran engadir, pero polo menos parecía que a cousa empezaba a aclararse.

Pero non. Hoxe xurdiu o tema desa nota final incluída no correo do

15 de xuño sobre o requisito de subir ó perfil persoal do Portal de Emprego toda a documentación requirida por Navantia.

Ante a posibilidade de que o non subila en prazo sexa motivo de perda da opción a obter praza, a proposta sindical inicial foi: "que cada sindicato avise ós seus afiliados".

¿E os traballadores de Navantia (principal ou industria auxiliar) que non están afiliados? ¿E os que traballan noutras empresas? ¿E os estudantes? A CGT non pode estar máis en desacordo con ese enfoque clientelista porque somos un sindicato de clase, non unha xestoría laboral que só se preocupa polos seus "socios".

O comité de empresa non está ó servizo dos sindicatos que o compoñemos; está ó servizo do conxunto dos traballadores/as. Ou polo menos debería estalo.

Por este motivo, a CGT planteou a necesidade dun comunicado do comité de empresa, e cun contido determinado.

O comité enviou un correo contra as 14:40 de hoxe lembrando a necesidade de que as persoas admitidas a través do proceso de reinscrición suban ó Portal de Emprego determinada documentación.

Non compartimos o contido dese comunicado. A postura da CGT sobre este tema é a seguinte:

  1. XA ESTÁ BEN!!! AS PERSOAS QUE SE PRESENTAN ÁS PRAZAS MERECEN UN POUCO DE RESPECTO!!!
  2. NAVANTIA TOLEOU Á XENTE: fíxolle inscribirse mediante unha aplicación que fallaba por todos lados, non lle comunicou ás persoas cuxas reclamacións foron admitidas tal circunstancia e obrigounas a reinscribirse, ten toda a documentación requirida das persoas admitidas ós exames… ¿Sería tolerable, despois de tanta desfeita, que alguén quedase sen opción a praza por non cumprir unha formalidade burocrática? NON.
  3. Sexa no Portal de Emprego ou sexa no correo electrónico, Navantia ten copia de toda a documentación que pedía para poder ir a exame. Sería inaceptable que alguén perdese a opción a ingresar en Navantia por non subir en prazo ó Portal de Emprego un documento QUE NAVANTIA XA TEN.
  4. A CGT non vai aceptar exclusións por este motivo. E se chegase a habelas, faremos todo o que está nas nosas mans para que haxa unha resposta social o máis contundente posible.

Sección Sindical Unitaria da CGT en Navantia-Ferrol

 

post

Solidariedade con Nissan na comarca de Ferrol

A federación do Metal da CGT ten convocadas diversas accións contra o peche da Nissan e en solidariedade cos seus traballadores e traballadoras. Hoxe, luns 22, a acción prevista a nivel estatal era celebrar concentracións diante dos concesionarios da Nissan. No marco desta campaña, delegados da CGT en Navantia-Ferrol e en Emafesa realizamos hoxe unha concentración no concesionario da Nissan na nosa comarca, que está situado no polígono da Gándara.

Así mesmo, adiantámosvos que o xoves 25 pola tarde celebraremos unha concentración en Ferrol, sobre a que vos mandaremos un comunicado específico porque, neste caso, ademais queremos que tamén sirva para solidarizarnos cos traballadores e traballadoras de Alcoa e das empresas da comarca que están ameazadas co peche, como Noa ou Cándido Hermida.

CGT en Ferrol

 

post

Navantia: sobre a situación dos novos ingresos

Prazas universitarias júnior 2019: O luns publicouse a lista definitiva de admitidos ás probas. A empresa anunciou que se poría en contacto con esas persoas antes de mañá para informalas do día e a hora das probas. Tamén se comprometeu a que, antes de publicar a lista definitiva de aprobados, a comisión de Emprego poderá revisar calquera aspecto dos seus expedientes.

Prazas sénior 2019 (operarios, empregados e universitarios): A intención é ir avanzando, aínda que a prioridade sindical é rematar o proceso das prazas júnior. A empresa enviou onte a súa proposta para as prazas de operarios e empregados. Está pendente de análise.

Prazas de 2019 que quedaran para 2020: A proposta sindical é que se aborden conxuntamente coas prazas sénior de 2019.

Prazas de técnicos de Prevención e Medio Ambiente (júnior e sénior): A semana pasada publicáronse de novo partindo de cero, aínda que houbo que corrixir algún erro (as titulacións esixidas eran diferentes en Fene e en Ferrol). O prazo de inscrición rematará o día 19.

Prazas de operarios-empregados júnior 2019: A empresa plantexou que os exames fosen on-line; a comisión de Emprego rexeitouno. Pero a empresa segue a amosar unha actitude ambigua, así que haberá que estar vixiantes.

Así mesmo, estableceuse un proceso extraordinario de reinscrición para que os non admitidos poidan achegar a documentación que lles faltaba, inscribirse só nunha especialidade, etc. Os que xa están admitidos non teñen que facer nada. Non se permitirá a inscrición de ninguén que non se inscribise cando estivo aberto o prazo en setembro. Aínda que non se lle queira chamar así, na práctica é o período de subsanación de erros que a CGT defendeu con insistencia fronte a outros sindicatos, que, cun discurso neoliberal, esquecían tódolos problemas da aplicación informática e opinaban que a subsanación de erros sería darlles oportunidades a quen o fixera mal.

O proceso para reinscribirse é así: iniciouse este luns e rematará ás 15:00 h. de mañá, xoves 18. Se non houbo fallos, tódolos afectados deberon recibir un correo da empresa coas instrucións (indicar por correo electrónico o nome e a especialidade á que se quere optar, achegando o  título, o certificado de vida laboral e, se esta supera os 3 anos, tamén os contratos de traballo). Ademais, se lles indica que, antes do 10 de xullo, teñen que subir ó seu perfil no Portal de Emprego de Navantia toda a documentación.

Pero está volvendo a haber problemas informáticos: algúns dos correos de reinscrición están sendo rexeitados. A CGT fixo unha comprobación e o problema non era da persoa que quería reinscribirse, senón de Navantia.

É incrible que hai corenta anos, usando papel e lapis, se fixesen exames para centos e centos de persoas sen ningunha incidencia, e que hoxe en día todo sexan problemas. Evidentemente, isto non é a causa dos medios técnicos modernos, senón unha consecuencia máis da política de subcontratación, que, entre outras cousas, dificulta a intervención nuns procesos postos en mans alleas.

Navantia ten que tomar medidas para resolver o problema, como alongar prazos ou habilitar a presentación en man da documentación. Están en xogo 85 postos de traballo. Os aspirantes non se merecen tódalas voltas e reviravoltas que dou e, infelizmente, segue a dar a convocatoria destas prazas.

Seccióon Sindical Unitaria de CGT en Navantia-Ferrol

 

post

Navantia: a forza está nos traballadores

Xa saíu o número 22 da Folla da CGT da Sección Sindical Unitaria de Navantia. neste número, ademási do artigo que da título a esta entrada, fálase da xuntanza empresa-intercentros, da cuestión dos novos ingresos, do teletraballo e os TES, para finalizar coas vacacións pendentes.

Picando nas ligazóns de embaixo pódese abrir ou descargar a Folla.

Sección Sindical Unitaria da CGT en Navantia-Ferrol

 

post

A seguridade segue sen estar garantida en Navantia

A paralización da factoría onte demostrou o que a CGT vén mantendo dende o reinicio da actividade: A SEGURIDADE NON ESTÁ GARANTIDA.
O martes 19 pola tarde, o comité estimou que non había condicións de prevención e decidiu paralizar a actividade ó día seguinte. O mércores 20 non se traballou.
Se o martes non se daban as condicións e o mércores non se traballou, incluída a limpeza, ¿COMO É POSIBLE QUE O COMITÉ DECIDISE QUE HOXE SI HAI CONDICIÓNS PARA TRABALLAR?
Só coa acción de onte, a empresa xa accedeu a aumentar o persoal de limpeza, máis do que se conseguiu en cinco semanas de debates coa empresa no Comité de Emerxencia sobre deficiencias, propostas, medidas, etc.
Imaxinémonos o que se podería lograr se por parte do comité de empresa se elaborase un plan de acción debatido cos traballadores e con obxectivos concretos.
A CGT opúxose na permanente de onte á noite a que hoxe se retomase a actividade. A nosa proposta foi a seguinte:
1) Para que haxa o reingreso de traballadores, primeiro teñen que estar garantidas as condicións de seguridade.
2) Esas condicións pasan por facer investimentos en recursos materiais e humanos concretos, ó que Navantia se resiste.
3) Establecer un plan de loita sindical para que os traballadores/as non paguemos os pratos rotos desta crise.

A LOITA É O ÚNICO CAMIà‘O !

Sección Sindical Unitaria de CGT en Navantia-Ferrol

 

post

Primeiro a prevención, despois a produción [Navantia]

O 20 de abril, un cento de traballadores do AAOR-1 foron obrigados a empezar a traballar. Dende aquela, o número de persoas na factoría vai aumentando progresivamente, aumentando tamén os problemas de seguridade.

Ante isto, o comité de empresa transmitiulle hoxe á dirección tres cousas:

  1. A esixencia de limitar ó número de traballadores ós que entraron o venres pasado mentres non se garante o cumprimento do protocolo.
  2. A dirección debe dar unha resposta antes das 20:00 h.
  3. En caso de non aceptar a limitación, o comité impedirá mañá que se traballe.

En abril, a CGT opuxémonos ó reinicio da actividade por considerar que non se daban as condicións. A realidade confirma esa postura. Por iso, aínda que apoiamos a proposta do comité porque nos parece un paso na dirección correcta, tamén dixemos que se queda curta. Os problemas só apareceron a raíz das 200 persoas máis que entraron onte pola mañá respecto ó venres? Por suposto que non. Por iso a nosa proposta é voltar á situación anterior ó 20 de abril e garantir a adaptación das instalacións antes de chamar a traballar a ninguén.

Sabemos que hai compañeiros/as que poden dicir que están a perder moitos cartos porque levan moito tempo nun ERE. Pero non deberíamos aceptar que a presión económica nos obrigue ós traballadores a ter que traballar sen as condicións axeitadas.

Nesta situación, o deber dos sindicatos de clase é reivindicar que os beneficios amasados polas empresas durante todos estes anos sirvan agora tanto para garantir os salarios dos traballadores/as (que somos os que xeramos eses beneficios) como para tomar tódalas medidas preventivas necesarias fronte a pandemia (máis planteis de limpeza e de prevención, máis medios, máis epis de calidade…).

NIN ERTES NIN ERES!

QUE OS CAPITALISTAS PAGUEN A CRISE !

A SAÚDE NON SE VENDE, DEFÉNDESE !

Sección Sindical Unitaria de CGT en Navantia-Ferrol

 

post

Nova Folla da CGT en Navantia

Saíu a Folla número 21, co seguinte contido:

  • Análise do risco de contaxio a causa da masificación e a ausencia de recursos
  • Denuncia á Inspección
  • O papel dun sindicato de clase
  • Nova trangallada nos novos ingresos
  • Queremos auga xa
  • A irresponsabilidade en Correos

As ligazóns de embaixo para quen queira ler o descargar a Folla.

Sección Sindical Unitaria de CGT en Navantia Ferrol

 

post

CGTe CIG denuncian a Navantia na Inspección

O reinicio da actividade en Navantia comezou a segunda feira 20 de abril.

Por imperativo legal, o reinicio estivo supeditado á elaboración dun protocolo coas medidas preventivas e hixiénico- sanitarias destinadas a evitar infeccións de covid-19 dentro da factoría.

Malia o tempo transcorrido, tódolos días segue a haber incidencias, especialmente relacionadas coa hixienización das instalacións.

Noutras palabras: O PROTOCOLO NON SE ESTÁ A CUMPRIR

Malia isto, a dirección de Navantia está empeñada en aumentar o número de traballadores/as na factoría, antepoñendo as razóns produtivas á saúde dos traballadores/as.

Estamos xa na cuarta semana do proceso de reinicio. Esta situación non é aceptable.

Na xuntanza da permanente do comité de empresa celebrada o sábado pasado plantexouse que o comité denunciase a situación na Inspección de Traballo. Pero a proposta non tivo o apoio doutros sindicatos.

Por este motivo, as seccións sindicais da CIG e da CGT presentamos unha denuncia conxunta, que esperamos axude a corrixir as deficiencias que observamos acotío.

Sección Sindical Unitaria de CGT en Navantia-Ferrol

 

post

Navantia: esta crise non a pagamos os traballadores

Saíu xa o número 20 da Folla da CGT, a publicación da CGT de Navantia-Ferrol, co artigo principal referenciado no título desta entrada, dedicado ao Primeiro de Maio e á necesidade de organizarse neste sindicato.

Manifesta tamén a Folla o posicionamento contra os ERTE, os despedimentos e o reinicio da actividade, unha nova sobre os novos reingresos e o posicionamento da Sección Sindical en contra de facerlle concesións á empresa.

Pódese ler ou descargar a Folla picando embaixo.