post

Incidencias nas convocatorias de prazas de Navantia

Prazas operarios-empregados júnior 2019: Se alguén pensou que polo menos o ingreso na factoría se desenvolvería con normalidade, equivocouse. Dúas persoas que superaron o segundo exame non ingresarán. En ambos casos acordouse chamar ós seguintes da respectiva especialidade.  

Nun caso, a persoa non respondeu ás comunicacións de Navantia para o recoñecemento médico. Navantia di que non sabe o motivo; outra posibilidade é que non o queira contar.  

No outro, pasou o recoñecemento médico e incluso apareceu na lista oficial de ingresos publicada por Navantia. Pero co resto da súa especialidade xa dentro, Navantia comunica… que a persoa NON TIà‘A A TITULACIÓN REQUIRIDA PARA PRESENTARSE ÁS PRAZAS.  

Dada a limitación de 3 por praza no segundo exame, este erro significou que unha persoa ficou inxustamente sen posibilidade de optar a unha praza. Despois de ano e medio de proceso, este descontrol é de escándalo.  

A CGT pediu explicacións. ¿Esa persoa enganou na inscrición? ¿Navantia equivocouse ó dala por admitida? Se foi este caso, ¿que pasou? ¿Foi neglixencia ou hai outra causa? Como sempre, RRHH de Navantia non responde.  

As persoas poden equivocarse, pero o proceso non pode ter fallos porque estamos falando do futuro de persoas. A CGT esixe que Navantia garanta que isto non volve ocorrer e que a solicitude dos orixinais dos títulos académicos se faga antes da publicación das listas definitivas do primeiro exame.  

Decenas de convocatorias para a antiga Escola de Aprendices facendo todo a man, manexando milleiros de papeis entregados en persoa, e nunca houbo ningún problema. E agora, na Navantia 4.0 e cunha compañía subcontratada, un psicólogo fachendoso, un portal de emprego, medios informáticos, etc., e todo son problemas. Está claro que o verdadeiro problema é que non hai vontade de facer uns procesos obxectivos e transparentes, a pesar de que Navantia debería dar exemplo como empresa pública que é.  

Prazas sénior 2019: Onte houbo reunión empresa-comité. A CGT protestou pola publicación das listas provisorias de admitidos e non admitidos nas prazas de operarios-empregados en plena Semana Santa e tamén porque o prazo de reclamacións violara os criterios usados até agora, posto que empezou o mesmo día da publicación e rematou en festivo (Xoves Santo). A CGT plantexou dúas cousas:  

1) Apertura dun novo prazo de reclamacións, por entender que publicalas en Semana Santa non era axeitado.  

2) Que, como mínimo, se aceptasen tódalas reclamacións recibidas dentro do que sería o prazo de reclamacións se chegan a usarse os criterios que se viñan utilizando até agora (inicio do prazo ó día seguinte da publicación e non incluír nin festivos nin fins de semana).  

Só a CIG apoiou estas propostas. CCOO e MAS posicionáronse coa empresa, para variar. UGT non particpou na xuntanza.  

Respecto ás prazas universitarias,a CGT esixiu a publicación de listaxes de admitidos e non admitidos. Non publicalas é unha total falla de respecto a tódolos aspirantes, que o menos que se merecen é saber canto antes se están dentro ou fóra da convocatoria e ter a posibilidade de reclamar. A empresa rexeitouno argumentando que non se acordara así coa parte social.  

Dado o nivel de non admitidos que hai nas prazas, ¿por que RRHH de Navantia, CCOO e MAS teñen tanto interese en converter os procesos de ingreso en auténticas carreiras de obstáculos para a maioría da xente?  

Sección Sindical Unitaria de CGT-Navantia

 

post

Número 59 da «Folla da CGT» de Navantia

Foi distribuido xa o número 59 da Folla da CGT en Navantia. O contido, como sempre de interés, é o seguinte:

  • Asembleas manipuladas e á carta
  • @s de novo ingreso, atracad@s
  • Continúa o escándalo dos novos ingresos
  • As retribucións variables
  • Horas sindicais de marzo

Quen teña interés, pode abrir ou descargar a Folla picando nas ligazóns de embaixo.

Sección Sindical Unitaria da CGT en Navantia – Ferrol

 

post

Prazas de Navantia: isto é impresentable

Navantia publicou esta mañá as listaxes de admitidos e non admitidos nas prazas de operarios e empregados sénior 2019.

O xoves pasado, nunha xuntanza da Comisión de Emprego, decidiuse pedirlle á empresa que, antes de publicalas, entregase as listaxes ó comité, para poder revisalas e, no seu caso, facer un cribado de comprobación, como se fixo tanto nas prazas júnior coma nas de universitarios sénior.

A empresa negouse. MAS e CCOO aceptaron a negativa. Por que Navantia négase agora a facer o que se fixo noutras convocatorias? Por que MAS e CCOO, no canto de esixir o mesmo ca noutras prazas, aceptaron esa negativa? Por que impediron que todo o comité fixese unha revisión antes da publicación?

A maiores, as listaxes seguen tendo toda unha serie de eivas.

É impresentable que siga sen especificarse os motivos concretos da non admisión. Non abonda con dicir "documentación incompleta"; hai que especificar que documentos faltan.

Máis grave. Despois de que tanto a empresa como CCOO e MAS mantivesen paralizadas as convocatorias durante meses, agora teñen tanta, tanta présa, que o prazo de reclamacións VIOLA AS BASES da convocatoria, que establecen tres días. As listas provisorias de aprobados na 1ª proba das prazas júnior publicáronse o venres 31 de xullo de 2020. Cal foi o período de reclamacións? Das 00:00 h. do luns 3 de agosto ás 23:59 h. do mércores 5.

Agora o prazo comezou hoxe mesmo e rematará ás 11:59 h. do Xoves Santo. Se chega a aplicarse o mesmo criterio, o prazo comezaría ás 00:00 do martes 30 e remataría ás 23:59 h. do martes 6 de abril. Non só dificultan as reclamacións non informando dos motivos concretos e publicando as listaxes no medio da Semana Santa, senón que na práctica reducen, con festividade e alevosía, o prazo para reclamar. Por que queren dificultar as reclamacións?

A CGT esixe:

1) QUE TÓDOLOS SINDICATOS POIDAMOS COMPROBAR O QUE ESTIMEMOS OPORTUNO.

2) PUBLICACIÓN POSTERIOR DUNHAS NOVAS LISTAXES PROVISORIAS QUE INCLÚAN TÓDOLOS MOTIVOS CONCRETOS DA NON ADMISIÓN.

Sección Sindical Unitaria de CGT en Navantia – Ferrol

 

post

Número 58 da Folla da CGT en Navantia

Ven de ser publicado o número 58 da Folla que a CGT distribúe an Navantia de Ferrol. O contido é o seguinte:

  • Novidades informativas sobre novos ingresos
  • A actitude dalgún membro do Comité cos compañeiros retronados do teletraballo
  • A cuestión das vacacións anuais por cambio de devindicación
  • Sobre a carga de traballo e os intereses políticos
  • Necesidade de máis áreas de descanso
  • O escalafón e a Inspeción de Traballo

Pódese ler ou descargar a Folla picando nas ligazóns de embaixo.

Sección Sindical Unitaria da CGT en Navantia-Ferrol

 

post

Narón di non!

Esta é a portada do número 35 do Buzón Rebelde, o boletín da Sección Sindical da CGT da Coruña en Correos. Este número ven cargado, coma sempre, de interesante información:

  • Ano de récord ou situación catastrófica: algúen mente
  • Queremos a vacina anti-covid para o persoal
  • Cambios importantes no CTA de Lavacolla
  • Fin dos sábados?, pero ollo coas xornadas especiais
  • Os dereitos nos recoñecementos médicos
  • Reclamamos a inclusión no EBEP
  • Duplícase o gasto de persoal «falso autónomo»
  • Chapuzas e ilegalidades en paquetería de Correos
  • Serrano é igual de malo que os anteriores
  • O edificio ameaza ruina e a culpa non é nosa
  • Bolsas: a instauración da precariedade
  • Ferrol di basta; Xerez tamén

Pódese ler ou descargar o Buzón Rebelde número 35 picando nas ligazóns de embaixo.

Sección Sindical de CGT en Correos da Coruña

 

post

Balance da Folga Xeral en Ferrolterra

Este é o primeiro contido da Folla da CGT número 57. Este boletín infromativo da CGT de Navantia contén, ademáis, o seguinte:

  • A cuestión do teletraballo en Navantia
  • A necesidade de organización na Industria Auxiliar
  • Novos ingresos. Concentración o xoves, día 18, ás 9:15 diante dos Xulgados de Ferrol
  • Visita da presidenta
  • O ERE anunciado por Gabadi

Pódese ler ou descargar a Folla picando nas ligazóns de embaixo.

Sección Sindical Unitaria de CGT en Navantia-Ferrol

 

post

Navantia: Folla da CGT número 56

Este número 56 presenta o seguinte contido:

  • Fin da folga na UTE de mantemento tras cinco semanas
  • Chamamento á Folga Xeral do 10 de marzo
  • O futuro de Turbinas
  • Mobilización en Correos de Narón
  • Xuízo gañado e cobrado
  • Desigualdade nos anticipos

Pódese ler ou descargar este número da Folla da CGT premento nas ligazóns do final desta entrada.

Sección Sindical Unitaria da CGT en Navantia-Ferrol

 

post

8 de marzo, todas á rúa

Este é o titular do número 55 da Folla da CGT, editao pola Sección Sindical Unitaria en Navantia de Ferrol. Ademáis, este número contén o seguinte:

  • O misterio dos contactos estreitos negativos por Covid na Industria Auxiliar
  • O teletraballo non é cuestión de negociación individual
  • Os novos ingresos
  • O aumento salarial de 2020
  • Habilitación de áreas de descanso
  • Horas dos delegados sindicais de febreiro

Pódese abrir ou descargar a Folla picando nas ligazóns de embaixo.

Sección Sindical Unitaria da CGT en Navantia-Ferrol

 

post

10 de marzo: folga xeral comarcal en Ferrolterra

Basta de agresións contra a clase traballadora!

Rescatar as persoas, non as empresas!

10 de marzo: todas e todos á Folga Xeral!

Ferrolterra leva décadas padecendo unha grave crise: reconversión de Astano e reducións de persoal en Navantia, até o peche de moitas pequenas e medianas empresas. Nos últimos tempos a situación agravouse cunha nova onda de EREs ou peches: Poligal, Cándido Hermida, Noa, Galicia Textil, Gamesa, térmica das Pontes, centos de despedimentos na industria auxiliar de Navantia… Pode dicirse o mesmo da Mariña, onde só a loita obreira puido evitar de momento os despedimentos en Alcoa.

Os traballador@s desta comarca tamén vimos sufrindo, como o resto da clase obreira do Estado español, ataques permanentes en forma de contrarreformas laborais, contrarreformas das pensións, recortes nos servizos públicos (nomeadamente sanidade e ensino) e mesmo recortes nos dereitos democráticos (Lei Mordaza).

Todo isto non é consecuencia dun cataclismo natural, senón dunha política consciente por parte dos empresarios e os seus representantes políticos para EMPOBRECER á clase traballadora, e así ENRIQUECERSE eles aínda máis.

Para evitar a nosa resposta, os traballador@s sufrimos un constante bombardeo de mentiras para facernos crer que, se ás empresas lles vai ben, entón ós traballador@s tamén nos irá ben e, xa que logo, debemos mirar polos intereses da empresa. Nada máis falso.

En primeiro lugar, porque sobran os exemplos (o último Gamesa) de empresas que, tras irlles moi ben, pecharon.

E en segundo lugar, porque que haxa emprego (ou carga de traballo en Navantia) só é a metade do problema. A outra metade son as condicións laborais en que traballamos. Os empresarios e a dereita téñeno claro: hai que conformarse co que hai, pedir dereitos xa é vicio. Para a CGT, a actitude é toda a contraria: para mirar polos intereses das empresas xa están os empresarios; os traballadores temos que mirar polos nosos intereses propios, polos nosos intereses de clase porque se non miramos nós por eles, non mirará ninguén.

Hai un profundo malestar social latente pola situación sanitaria, económica e laboral. Se aínda non se converteu nunha protesta masiva é fundamentalmente polo papel de CCOO e UGT, empeñados nunha política de paz social que nos debilita e que na práctica equivale a colaborar nos ataques que sufrimos. Só hai que mirar o que fan en moitas empresas ou nas compañías de Navantia.

O desemprego, a desindustrialización, o empobrecemento non afectan  exclusivamente a Ferrolterra. Estamos ante unha auténtica guerra dos capitalistas contra toda a clase obreira. Esta situación ten unha causa: a economía de libre mercado, o capitalismo, un sistema que non pensa no benestar da maioría da sociedade, senón nos beneficios privados. As mesmas grandes empresas que levan anos amasando beneficios e recibindo moreas de cartos públicos deixan na rúa ós traballador@s, queren que sexamos nós os que paguemos os pratos rotos da súa crise.

A situación é grave. A CGT convoca a folga xeral do 10 de marzo en Ferrolterra e chama a tódolos traballadores e traballadoras a secundala. A CGT vai a esta folga coas reivindicacións que os traballador@s necesitamos:

  • En defensa de tódolos empregos.
  • Carga de traballo para Navantia.
  • Contratación directa por Navantia da man de obra que necesita. Fóra a subcontratación. Por unha Navantia 100% pública.
  • Expropiación sen indemnización e nacionalización baixo control obreiro de Siemens Gamesa.
  • Expropiación sen indemnización e nacionalización baixo control obreiro da térmica das Pontes para, en combinación coa factoría das Somozas, crear un polo industrial de enerxías limpas e sostibles.
  • Derrogación das reformas laborais e de pensións, tanto a de Rajoy como a asinada por Zapatero con CCOO e UGT. Redución da idade de xubilación con contratos de relevo.
  • Por un Salario Mínimo Interprofesional de 1.200 € e un subsidio de desemprego indefinido igual ó SMI.
  • Traballar menos para traballar tod@s: xornada laboral de 35 horas sen redución salarial.
  • Expropiación sen indemnización e nacionalización baixo control obreiro da banca, para acabar cos abusos dos bancos privados e dispoñer de recursos para crear empregos e eliminar a lacra do paro.

É un erro pedir que o Estado entregue cartos públicos ás empresas privadas. Esa non é a solución, é xustamente o problema. O único xeito de defender os empregos existentes e unhas condicións laborais dignas é substituíndo as políticas económicas actuais, que antepoñen os intereses empresariais, por outras que antepoñan o benestar das persoas.

Por iso a CGT rexeita a participación da dereita e a patronal na manifestación. ¿De verdade que os que nos despiden están preocupados polos parad@s? O único que queren son cartos para eles. ¿Imos permitir que o PP se presente como defensor dos traballadores cando a súa reforma laboral permitiu que Gamesa pechase e cando atrasou as F-110 durante dous anos porque o seu ministro Morenés quería beneficiar á súa antiga empresa?

Non é coa dereita e a patronal de Ferrolterra con quen nos temos que unir, senón cos traballador@s doutras comarcas, para convocar unha folga xeral en Galiza que sexa un primeiro paso para a convocatoria dunha folga xeral en todo o Estado.

A renuncia do goberno de coalición a romper coas políticas capitalistas faise cada día máis evidente, envalentonando á dereita e ós sectores máis reaccionarios do aparato do Estado. As faragullas do chamado "escudo social" non frean a sangría social. Os fondos europeos para as empresas pagarémolos con máis austeridade. Estase a preparar unha nova onda de recortes, empezando pola reforma das pensións do ministro Escrivá.

O PSOE está xirando á dereita e tenta recompoñer as relacións co PP para sacar adiante esa axenda, o que agudiza os choques con Unidas Podemos, que ten que dar un puñazo na mesa, non lexitimar esas políticas e tomar o camiño da mobilización, o único que permite arrincar dereitos.

Si temos forza. Fai falla dicir ¡BASTA! mediante unha REBELIÓN SOCIAL DA CLASE TRABALLADORA. Outro sindicalismo é posible e necesario. Fai falla un sindicalismo combativo, de clase e asembleario, e tamén anticapitalista porque temos que atacar a raíz do problema, que é este sistema inxusto. Fai falla fortalecer o sindicalismo que representa a CGT.

DEFENDAMOS CADA POSTO DE TRABALLO

MANIFESTACIÓN as 12:00

CGT de Ferrolterra